Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Martes, 18 de febreiro de 2020 Páx. 11368

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 24 de xaneiro de 2020, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se resolve definitivamente o concurso de traslado para prazas vacantes entre funcionarios dos corpos e escalas de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial da Administración de xustiza, anunciado por Resolución do 25 de xuño de 2019.

A Dirección Xeral de Xustiza, de conformidade co disposto nos artigos 524 e seguintes da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, modificada pola Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, e pola Lei orgánica 4/2018, do 28 de decembro; nos artigos 43 e seguintes e na disposición derrogatoria única do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, aprobado polo Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro; e na base novena da Orde JUS/779/2018, do 6 de xullo, pola que se convoca concurso de traslados entre funcionarios dos corpos e escalas de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial da Administración de xustiza,

DISPÓN:

Primeiro. Resolver de forma definitiva o concurso de traslado entre funcionarios dos corpos e escalas de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e de auxilio xudicial da Administración de xustiza, convocado pola Orde JUS/776/2019, do 25 de xuño, tal e como se relaciona no anexo.

Segundo. Excluír do concurso de traslado os funcionarios que se relacionan na web do Ministerio de Xustiza (www.mjusticia.gob.es).

Terceiro. Declarar caducadas as instancias presentadas polos participantes no presente concurso que no obtiveron destino, polo que non serán tidas en conta en futuros concursos de traslados.

Cuarto. Declarar desertas as prazas non adxudicadas no presente concurso, que serán cubertas por funcionarios de novo ingreso, salvo que por necesidades do servizo se pretendan amortizar. As ditas prazas poderanse anunciar novamente como vacantes no concurso ordinario en caso de que non se convoquen oposicións ou de que a oferta pública de emprego que corresponda non faga necesario o anuncio de todas as desertas existentes.

Quinto. Para os funcionarios que se atopen en activo, en servizos especiais ou en excedencia voluntaria polo coidado de familiares e non reingresen en ningún dos corpos ou escalas a que se refire o presente concurso, sen que se inclúan neste punto os funcionarios que se atopen reingresados provisionais, o cesamento deberá efectuarse nas datas que a continuación se indican: para a tramitación procesual e administrativa, o 21 de febreiro de 2020, venres; para xestión procesual e administrativa e auxilio xudicial, o 25 de febreiro de 2019, martes. Naquelas localidades onde o 25 sexa festivo, o cesamento será no seguinte día hábil.

Sexto. A toma de posesión do novo destino obtido por concurso producirase, para os funcionarios indicados no punto anterior, nos tres días hábiles seguintes ao cesamento, se non hai cambio de localidade do funcionario; nos oito días hábiles seguintes, se implica cambio de localidade dentro da Comunidade Autónoma, e nos vinte días hábiles seguintes se implica cambio de comunidade autónoma, con excepción da Comunidade Autónoma de Canarias, da Comunidade Autónoma de Illes Balears, da cidade de Ceuta e da cidade de Melilla, nas cales será no mes seguinte, tanto se o posto de traballo nas illas ou nas cidades é o de orixe coma se é o de destino. O prazo posesorio será retribuído pola Administración competente respecto á praza obtida en concurso.

Sétimo. Se a resolución comporta reingreso ao servizo activo á Administración de xustiza nos corpos ou escalas de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa ou de auxilio xudicial, procedente desde as situacións administrativas de excedencia voluntaria por prestación de servizos no sector público, de excedencia voluntaria por interese particular, de excedencia voluntaria por agrupación familiar ou de suspensión de funcións, incluíndo neste punto os funcionarios que se atopen adscritos provisionais, o prazo posesorio será de vinte días hábiles e deberá computarse desde o día da publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado. Este prazo posesorio non será retribuído.

No caso de que os funcionarios reingresados por medio do presente concurso se atopen adscritos provisionais no corpo ou escala onde reingresan ou en activo noutro corpo ou escala da Administración de xustiza e non queiran que se interrompa a súa relación de servizo coa Administración de xustiza, bastará con que dentro do prazo posesorio de vinte días hábiles tomen posesión no novo corpo ou escala, téndoos por cesados no seu antigo destino coa data inmediatamente anterior á da súa posesión na nova praza de reingreso. Para o efecto, dada a necesidade de contar co tempo indispensable para efectuar a toma de posesión, poderán solicitar á xefatura territorial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (Servizo de Xustiza), ou ben á Xerencia Territorial de Xustiza do seu actual destino, un permiso retribuído de dous días hábiles, se hai cambio de localidade, bardante aqueles casos en que teñan que se desprazar a Canarias, ás Illas Baleares ou a Ceuta e Melilla, en cuxo suposto o permiso poderá ser de ata tres días hábiles, que se deberán gozar, en calquera caso, dentro do prazo posesorio. A toma de posesión no novo destino efectuarase durante os días de permiso indicados.

A comunidade autónoma competente, ou a xerencia territorial que corresponda, concederalles a excedencia de oficio no corpo ou escala de procedencia, se esta se produce nun corpo ou escala ao servizo da Administración de xustiza, en cuxo destino se terán por cesados coa data anterior á da súa posesión nos corpos ou escalas de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa ou de auxilio xudicial, co obxecto de evitar a interrupción na percepción dos seus haberes.

Con excepción do persoal que reingrese ao servizo activo, aqueles funcionarios que obteñan destino en órganos desta comunidade autónoma, e estean desempeñando en Galicia unha praza en comisión de servizos ou en substitución, poderán continuar nela sempre que a praza en cuestión non sexa cuberta, tras petición do interesado.

Os funcionarios interinos que actualmente ocupen as prazas que foron adxudicadas cesarán como consecuencia da posesión do titular.

Para a formalización dos documentos de cesamento e/ou toma de posesión, os funcionarios deberanse presentar nas sedes das xefaturas territoriais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nos seguintes enderezos segundo a provincia onde estea radicado o órgano xudicial en que cesen ou no cal obtiveron a praza adxudicada:

– Xefatura Territorial da Coruña.

Servizo de Xustiza

Praza de Luís Seoane, s/n

Edificio administrativo Monelos

15008 A Coruña

– Delegación Territorial de Vigo

Servizo de Xustiza

Rúa Concepción Arenal, nº 8, 4º andar

36201 Vigo (Pontevedra)

– Xefatura Territorial de Lugo

Servizo de Xustiza

Rolda da Muralla, nº 70

27071 Lugo

– Xefatura Territorial de Ourense

Servizo de Xustiza

Paseo da Habana, nº 79

32004 Ourense

Oitavo. Para o suposto de que un funcionario reingresado dos indicados no punto sétimo tome posesión antes dos días 22 ou 26 de febreiro nun órgano xudicial no cal estea destinado un funcionario en activo, en servizos especiais ou en excedencia por coidado de familiares, ou un funcionario adscrito provisional que deba trasladarse ao obter un posto de traballo no concurso, non se seguirá a orde de cesamento establecida no punto quinto, senón que se deberá actuar da seguinte forma:

a) O funcionario reingresado tomará posesión.

b) O funcionario en activo, en servizos especiais, en excedencia por coidado de familiares ou en adscrición provisional cesará o mesmo día da toma de posesión do reingresado, entón empezará a contarlle ao primeiro o prazo posesorio indicado no punto sexto.

c) Se o funcionario cesado na alínea b) toma posesión nun órgano xudicial ocupado por outro que aínda non cesou, actuarase de igual modo ca nos puntos a) e b), e así sucesivamente.

Cando tome posesión un funcionario en activo, en servizos especiais ou en excedencia voluntaria por coidado de familiares e non cesase aínda un funcionario que deba reingresar ou que estea adscrito provisional, deberase actuar do seguinte xeito:

d) O funcionario en activo, en servizos especiais ou en excedencia por coidado de familiares tomará posesión.

e) O funcionario que deba reingresar ou que estea en adscrición provisional cesará o mesmo día da toma de posesión do funcionario en activo, en servizos especiais ou en excedencia por coidado de familiares, entón empezará a contarlle ao primeiro o prazo posesorio indicado no punto sétimo.

f) Se o funcionario cesado na alínea e) toma posesión nun órgano xudicial ocupado por outro que aínda non cesou, actuarase de igual modo ca nos puntos d) e e), e así sucesivamente.

Noveno. Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Dirección Xeral de Xustiza no prazo dun mes, segundo o establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou recurso contencioso-administrativo ante os xulgados centrais do contencioso-administrativo no prazo de dous meses, segundo o disposto no artigo 14 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; ambos os prazos contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

Nota aclaratoria. Advírtese que o anexo, que contén os destinos que con carácter definitivo lles foron adxudicados aos funcionarios que participaron no concurso de traslados, figura na publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado.

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2020

Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza