Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Martes, 18 de febreiro de 2020 Páx. 11059

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

ORDE do 7 de xaneiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras de bolsas de formación en materia de arquivos e se convocan as correspondentes ao Programa 2020 (código de procedemento CT110A).

A Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia, pola que se regula o sistema de arquivos e o patrimonio documental de Galicia, expresa a necesidade de velar pola conservación, organización e difusión do patrimonio documental de Galicia, tanto en mans públicas como privadas, así como a responsabilidade de fomentar a formación adecuada do persoal técnico de arquivos.

A Consellería de Cultura e Turismo é o órgano da Xunta de Galicia que ten atribuídas as competencias en materia de patrimonio cultural e dentro delas correspóndenlle as actuacións en materia de patrimonio documental e arquivos, concretamente a súa conservación, coidado, promoción e difusión, así como velar pola accesibilidade aos documentos custodiados nos arquivos como garante dos dereitos e deberes dos cidadáns e das administracións públicas.

Un elemento fundamental no funcionamento dos arquivos é a cualificación e formación técnica do seu persoal. A existencia de estudos universitarios dedicados a esta especialidade corrobora a súa importancia. A finalidade das bolsas é proporcionar unha formación teórico-práctica que, engadida á formación académica, contribúa a completar o currículo académico.

Trátase dunha formación titorada por profesionais con coñecementos e experiencia neste ámbito. Polo seu carácter formativo, é preciso poñer un límite no gozo das bolsas e tratar de ofrecelas ao maior número de persoas posibles, en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de obxectividade e publicidade.

Para estes efectos, é necesario establecer as bases reguladoras das concesións destas bolsas, de conformidade co disposto no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como as normas de desenvolvemento.

Esta orde tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, e existe crédito adecuado e suficiente previsto no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2020.

Na súa virtude, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Por medio da presente orde establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria correspondente ao Programa 2020 de bolsas de formación en arquivos de Galicia (código de procedemento CT110A).

1. As bolsas irán destinadas a actividades de formación relacionadas cos procesos técnicos que se realizan no ámbito dos arquivos e os seus fondos documentais. Os bolseiros realizarán a súa actividade nos arquivos do Sistema de Arquivos de Galicia aos cales sexan destinados e nos servizos centrais da Consellería de Cultura e Turismo, e serán tutelados, coordinados e dirixidos polos seus servizos técnicos de arquivos.

2. As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

3. A formación comprenderá unha parte teórica impartida polo persoal técnico designado pola Dirección Xeral de Políticas Culturais.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:

1. Ter grao universitario ou equivalente, segundo o Espazo Europeo de Educación Superior, cunha configuración curricular (expediente académico) en que predomine a formación en historia e/ou arquivística.

2. Acreditar dominio da lingua galega, nivel iniciación, mediante título oficial ou certificado Celga 3.

3. Non se beneficiar anteriormente destas mesmas bolsas durante un período igual ou superior aos doce (12) meses, nin renunciar a elas sen unha causa de forza maior, ao xuízo da Dirección Xeral de Políticas Culturais, logo de iniciado o período de vixencia.

4. Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda durante o período de duración das reguladas por medio desta orde.

5. Non ter sido sancionado por infracción cometida por razón de bolsas concedidas para a organización e descrición de arquivos de interese galego.

Artigo 3. Número, duración e importe das bolsas

1. O número de prazas convocadas será de vinte (20), que se adxudicarán de acordo co baremo indicado no artigo 9 desta convocatoria.

2. As bolsas terán unha duración máxima de seis (6) meses, contados a partir da data de incorporación que estableza a Dirección Xeral de Políticas Culturais de acordo co centro de destino.

3. As bolsas convócanse con cargo á aplicación orzamentaria 11.20.432A.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, por un importe total de cento sete mil catro centos seis euros (107.406 €).

4. A tramitación desta orde é anticipada de gasto e queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma galega para o ano 2020.

5. A Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, establece que os expedientes de gasto se poderán iniciar, sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente, no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar, condicionados á existencia de crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais aprobado polo Consello da Xunta de Galicia. Neste proxecto existe crédito adecuado e suficiente para poder tramitar esta orde.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

6. En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, destinaranse 5.809,20 € con cargo á aplicación orzamentaria 11.20.432A.484.0, en concepto de cotizacións á Seguridade Social por parte da Consellería de Cultura e Turismo por continxencias comúns e profesionais, a razón de 48,41 € por bolseiro/a e mes.

7. O importe bruto mensual de cada bolsa será de oitocentos noventa e cinco euros con cinco céntimos (895,05 €).

8. As bolsas poderán ser prorrogables automaticamente ata outros seis (6) meses en función da existencia de crédito suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2020 e 2021.

9. A Dirección Xeral de Políticas Culturais poderá autorizar a interrupción temporal do gozo da bolsa nos casos de descanso por maternidade ou paternidade, debidamente acreditadas. O período interrompido poderase incrementar á data prevista de finalización da bolsa sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan.

Artigo 4. Forma e lugar de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

As persoas potencialmente beneficiarias das axudas reguladas nesta orde pertencen a colectivos de persoas físicas cuxa formación e capacidade técnica permite concluír que teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios para relacionarse por este medio co sector público autonómico.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, domingos e os declarados festivos.

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Currículum vítae.

b) Copia do certificado académico do expediente coas cualificacións obtidas nas diferentes materias.

c) Certificado do Celga 3 ou equivalente non expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

d) Copia dos documentos acreditativos dos méritos alegados. Só contabilizarán aqueles méritos dos que se achegue proba documental.

Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vai que presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado do Celga 3 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

d) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Criterios de valoración

Teranse en conta os seguintes criterios para a valoración das solicitudes:

a) Titulación académica:

1º. Especialidade ou orientación universitaria en arquivística ou patrimonio documental: 3 puntos.

2º. Mestrado en arquivística: 3 puntos.

b) Formación complementaria:

1º. Cursos de arquivística, diplomática, paleografía, historia das institucións, xestión ocumental e arquivo electrónico, organizados por organismos públicos, universidades ou asociacións profesionais de arquiveiros:

Cursos con acreditación expresa de duración igual ou superior a 100 horas: 0,75 puntos por curso, ata un máximo de 2,25 puntos.

Cursos con acreditación expresa de duración igual ou superior a 40 horas: 0,50 puntos por curso, ata un máximo de 1,5 puntos.

Cursos con acreditación expresa de duración inferior a 40 horas: 0,25 por curso ata un máximo de 0,75 puntos.

2º. Congresos, xornadas e seminarios:

Asistencia a congresos, xornadas ou seminarios de arquivística, diplomática, paleografía, historia das institucións, xestión documental ou arquivo electrónico: 0,10 puntos ata un máximo de 0,50 puntos.

Aos cursos e congresos non específicos que se acrediten deberá xuntarse o seu correspondente programa.

Non se valorarán os cursos de menos de 10 horas lectivas nin aqueles que non acrediten as horas lectivas.

c) Formación en lingua galega:

Curso de perfeccionamento ou Celga 4: 0,50 puntos.

En caso de empate terase en conta a nota media do expediente académico.

Artigo 10. Instrución e avaliación

1. A instrución do procedemento de concesión das bolsas correspóndelle á Dirección Xeral de Políticas Culturais, que revisará as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No caso de estar incompleta, conter erros ou non achegar toda a documentación requirida, poderáselles reclamar aos solicitantes que emenden os defectos apreciados na documentación exixida, outorgándoselles un prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, desde a notificación do requirimento, e indicaráselles que, se non o fixesen, se darán por desistidos da súa solicitude de acordo co artigo 73.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. A avaliación das solicitudes efectuaraa unha comisión técnica composta polo/a titular da Subdirección Xeral de Arquivos e Museos, que a presidirá e actuarán como vogais dous técnicos de arquivos. Exercerá a secretaría o/a titular do Servizo do Sistema de Arquivos. En caso de ausencia dalgún dos membros, correspóndelle ao/á titular da Dirección Xeral de Políticas Culturais nomear un suplente. A Comisión formulará o informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada.

3. A Dirección Xeral de Políticas Culturais, á vista do expediente e do informe da Comisión de Avaliación, formulará a proposta de resolución provisional debidamente motivada. A proposta de resolución provisional farase pública no portal de Arquivos de Galicia http://arquivosdegalicia.xunta.gal/. O prazo de exposición pública será de dez días naturais contados a partir do día seguinte ao da súa publicación e durante os cales se poderán facer as alegacións pertinentes.

4. Examinadas as alegacións aducidas se é o caso polos interesados, formularase a proposta de resolución definitiva seguindo o procedemento establecido no artigo 33 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 11. Resolución e recursos

1. A Dirección Xeral de Políticas Culturais elevaralle o informe xunto coa proposta de resolución definitiva ao/á titular da Consellería de Cultura e Turismo, que resolverá sobre a concesión das bolsas.

2. O/a titular da Consellería de Cultura e Turismo resolverá o procedemento de concesión no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución. O prazo máximo para resolver e notificar será de catro meses desde a entrada en vigor da orde de convocatoria. De non se ditar resolución no prazo indicado, as solicitudes entenderanse rexeitadas. Non se poderá conceder máis dunha bolsa por solicitante.

3. O contido da resolución que poña fin ao procedemento axustarase ao establecido no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; deberá expresar a relación de solicitantes para os cales se lles conceden as bolsas convocadas e poderá designar, ademais, os adxudicatarios suplentes, en orde de prioridade, que serán notificados como adxudicatarios de forma sucesiva cando non se puider formalizar a aceptación da bolsa ou se produza unha renuncia. Así mesmo, a resolución determinará de forma expresa a desestimación do resto de solicitudes.

4. A resolución de adxudicación, que se notificará segundo os termos previstos no artigo 7, pon fin á vía administrativa de acordo co artigo 114 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e contra esta cabe interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir da data da súa notificación aos interesados ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a data de notificación.

5. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación ou revogación da resolución da concesión.

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

A relación de centros en que se realizarán as actividades publicarase conxuntamente coa resolución de adxudicación das bolsas.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Aceptación das bolsas

1. Os/as bolseiros/as que resultasen adxudicatarios/as dunha das bolsas convocadas elixirán o seu destino por orde de puntuación.

2. A Dirección Xeral de Políticas Culturais poderá adxudicar outro destino en función do desenvolvemento da bolsa e das circunstancias que poidan acaecer.

3. Dentro dos dez días naturais seguintes á notificación de resolución definitiva, as persoas beneficiarias das bolsas deberán comunicar á Dirección Xeral de Políticas Culturais a súa aceptación. De non facelo no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada segundo o establecido no artigo 21.5 da Lei de subvencións de Galicia.

4. Así mesmo, de non presentarse no centro de destino na data estipulada, o nomeamento quedará sen efecto e será motivo de exclusión na seguinte convocatoria. A Dirección Xeral de Políticas Culturais procederá ao chamamento de suplentes para cubrir estas prazas.

5. A aceptación da bolsa supón o compromiso implícito de manter a confidencialidade da información obtida no desenvolvemento das actividades obxecto destas bolsas, de acordo coa normativa aplicable.

Artigo 14. Pagamento das bolsas e xustificación

1. O pagamento das bolsas axustarase á normativa orzamentaria de aplicación e repartirase en seis (6) mensualidades, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, logo da certificación da Dirección Xeral de Políticas Culturais e unha vez que o beneficiario teña presentada a documentación fixada no artigo 15.d).

2. Aos adxudicatarios das bolsas poderáselles requirir a documentación necesaria para proceder ao pagamento desta bolsa.

3. Así mesmo, os beneficiarios das bolsas están obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 15. Obrigas dos/das bolseiros/as

Ademais das obrigas previstas polo artigo 11 da Lei de subvencións de Galicia, os/as bolseiros/as seleccionados quedan obrigados a:

a) Incorporarse ao destino adxudicado na data que estipule a Dirección Xeral de Políticas Culturais. A non incorporación na data sinalada implicará a perda automática dos dereitos inherentes á bolsa concedida.

b) Asistir aos centros onde resulten destinados de acordo coas directrices que fixen os responsables da execución do programa de formación. O horario será o establecido polos servizos técnicos da Dirección Xeral de Políticas Culturais de acordo co centro de destino.

c) Seguir as indicacións técnicas dos servizos técnicos coordinadores.

d) Entregar mensualmente un informe da actividade realizada e, ao finalizar a bolsa, unha memoria explicativa de todas as actividades desenvolvidas durante o tempo de gozo da bolsa.

e) As persoas beneficiarias deberán dar cumprimento ás obrigas de publicidade que se establecen no artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, modificado polo artigo 30 da Lei estatal 15/2014, do 16 de setembro, de racionalización do sector público, e noutras medidas de reforma administrativa.

Artigo 16. Carácter das bolsas

1. Por petición dos/das interesados/as, ao remate da bolsa, a Dirección Xeral de Políticas Culturais, logo do informe favorable dos servizos técnicos coordinadores e a entrega dos informes e das memorias da actividade realizada, expedirá certificación acreditativa desta.

2. A condición de bolseiro non supón en ningún caso prestación de servizos, nin relación laboral ou funcionarial coa Consellería de Cultura e Turismo. Así mesmo, a Consellería de Cultura e Turismo non asume compromiso ningún de cara á incorporación do bolseiro ao seu cadro de persoal unha vez finalizada a bolsa.

3. A inclusión dos bolseiros no réxime xeral da Seguridade Social rexerase polo disposto no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

4. Para a utilización do material e a información obtida como resultado das actividades desenvolvidas durante a bolsa, os/as bolseiros/as deberán contar coa autorización expresa e previa da Consellería de Cultura e Turismo e do centro onde estiveron destinados.

Artigo 17. Renuncias, revogación e reintegros de cantidades

1. A renuncia á bolsa por parte do beneficiario, unha vez iniciado o gozo desta, deberá ser comunicada mediante o correspondente escrito á Dirección Xeral de Políticas Culturais polo menos con sete días de antelación á data en que solicite que sexa efectiva a súa renuncia. A renuncia dará lugar á devolución das cantidades percibidas en exceso, se procede, e determinará a perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non realizada.

2. O persoal técnico e facultativo que coordine e dirixa aos bolseiros poderá propoñerlle á Dirección Xeral de Políticas Culturais a revogación da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das condicións sinaladas.

3. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Réxime sancionador

As infraccións administrativas cometidas en relación coas bolsas reguladas nesta orde sancionaranse de conformidade co disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Réxime xurídico

Para todos aqueles aspectos non previstos nas presentes bases aplicarase a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento; a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, e a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa vixente que resulte de aplicación.

Disposición adicional. Información básica sobre a protección de datos persoais

Os datos persoais recollidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Cultura e Turismo, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición derradeira primeira

Autorízase o director xeral de Políticas Culturais para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xaneiro de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo

missing image file
missing image file