Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Mércores, 19 de febreiro de 2020 Páx. 11910

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 27 de xaneiro de 2020, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello do Barco de Valdeorras (expediente IN407A 2019/034-3).

Visto o expediente para outorgamento da autorización administrativa previa e da autorización administrativa de construción das instalacións eléctricas que a seguir se describen, tal e como se recollen no proxecto asinado polo enxeñeiro industrial Sacristán Heras Javier, colexiado número 19917 COIIM, en Madrid, o día 13 de setembro de 2019, e con visado número 201903005, do 17 de setembro, do sinalado colexio profesional:

Solicitante: Unión Fenosa Distribución Electricidad, S.A.

Enderezo: A Batundeira, nº 2, Velle, 32960 Ourense.

Denominación: subestación do Barco, ampliación de potencia T-II 132/15 kV 30 MVA.

Situación: O Barco de Valdeorras (Ourense).

Orzamento: 538.697,81 €.

Características técnicas: substitución do actual transformador de potencia T-II (avariado) –expediente 926-AT–, por un novo transformador de potencia trifásico 132/15 kV de 30 MVA de potencia aparente, con grupo de conexión Yd11; o equipamento permite a regulación en carga no lado de alta e dispón de sistema de refrixeración do tipo ONAN, estará provisto de bornes convencionais en 132 kV e pfisterer en 15 kV; a conexión realizarase á cela do edificio existente mediante dúas ternas de cables unipolares RHZ1-2OL(S) 12/20 kV Cu 1×630 mm²+H16. Os servizos auxiliares da subestación e a aparellaxe asociada non se ven modificados pola citada actuación.

Cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e os regulamentarios previstos no capítulo II do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Resolución da Dirección Xeral de Enerxía e Minas do 19 de febreiro de 2014 (DOG do 19 de marzo), esta xefatura territorial, á vista do informe do Servizo de Enerxía e Minas emitido ao respecto, resolve:

Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción das ditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ao proxecto arriba sinalado e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e nos condicionados establecidos, de ser o caso, polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten de aplicación e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Contra a presente resolución poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución; tamén poderá interpor calquera outro recurso que considere pertinente ao seu dereito.

Ourense, 27 de xaneiro de 2020

O xefe territorial de Ourense
P.S.L. (Decreto 135/2017, artigo 62.3)
Sofía Rodríguez Rodríguez
Xefa do Servizo de Coordinación Administrativa e Xestión Económica