Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Xoves, 20 de febreiro de 2020 Páx. 11967

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

DECRETO 23/2020, do 6 de febreiro, polo que se declara ben de interese cultural o Parque do Pasatempo de Betanzos (A Coruña).

O Parque do Pasatempo de Betanzos, parte do que fora o xardín coñecido como Horta de Don Xoán promovida por Juan García Naveira (Betanzos 1849-1933) é un xardín de características moi singulares, que o fan único e sen igual na xardinaría galega, ademais de representar un testemuño cualificado da obra filantrópica dun indiano que se enmarca no estilo e actitude ecléctica que caracterizou a arquitectura galega de finais do século XIX e principios do XX. O Pasatempo recolle diversos aspectos da longa tradición da xardinaría europea, pero resulta único e excepcional pola actitude ecléctica desenvolvida polo seu creador e promotor e por apartarse da tradición local dos pazos galegos e da propia arquitectura indiana.

O Pasatempo pódese considerar como unha obra de carácter territorial, que conxuga aspectos naturais e antrópicos e na cal se manifestan diversas formas de expresión artística (xardinaría, arquitectura, escultura, pintura), cunha finalidade multidisciplinar (pedagoxía, ciencia, relixión, política...). Neste sentido, esta obra posúe, ademais de valores históricos e antropolóxicos, un incomparable interese científico e técnico ao constituír un dos primeiros exemplos de institucións con vocación científica que podemos atopar en Galicia e onde por primeira vez se amosan certos avances técnicos que van caracterizar o século XX.

O intricado e misterioso significado desta obra tamén leva a que se asocie con crenzas, ideas e tradicións de carácter inmaterial. Os anos de abandono e deturpación do ben afondaron nesta compoñente, que se manifesta nunha percepción particular pola cidadanía de Betanzos, que fala da tráxica historia recente deste lugar.

O Pasatempo é unha obra senlleira pola súa singularidade e fráxil polo abandono e as agresións a que estivo sometido, o que o converte nun ben vulnerable que require de maneira urxente afondar na súa protección e adecuada xestión.

O 18 de setembro de 1980 a asociación Adelpha (Asociación de Defensa Ecológica y del Patrimonio Histórico Artístico) solicitou á Dirección Xeral de Belas Artes, Arquivos e Bibliotecas do Ministerio de Cultura que incoase o expediente de declaración de conxunto histórico-artístico para O Pasatempo, entre outros, na cidade de Betanzos. O 27 de maio de 1981 a Dirección Xeral de Belas Artes publica no BOE a resolución da incoación do procedemento de declaración do Parque do Pasatempo como xardín histórico. Transcorrido o prazo sen terse pronunciado o órgano competente sobre a solicitude, o expediente considerouse desestimado por silencio administrativo, segundo o recollido no anexo II da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que recolle a relación de procedementos en que o silencio administrativo produce efectos desestimatorios.

O 17 de marzo de 2017 volve iniciarse o procedemento, despois de que o Concello de Betanzos solicitara a declaración como ben de interese cultural do Parque Enciclopédico Pasatempo de Betanzos, a que se sumaría en datas pouco posteriores unha solicitude de varios particulares.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. No seu exercicio apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

No artigo 8.2 da dita lei indícase que: «Terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei. Os bens de interese cultural poden ser inmobles, mobles ou inmateriais».

De igual xeito, o artigo 83 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, declara que integran o patrimonio artístico de Galicia «as manifestacións pictóricas, escultóricas, cinematográficas, fotográficas, musicais e das restantes artes plásticas, de especial relevancia, de interese para Galicia».

Estas manifestacións están presentes no Parque do Pasatempo xa que este ben contén un considerable número de manifestacións pictóricas e escultóricas, de desigual valor, posto que combina pezas de elaborada feitura con outras de trazos máis inxenuos e que, individualmente, son representativas do eclecticismo que caracterizou os movementos artísticos de finais do século XIX, tendo especial relevancia o complexo significado das esculturas dos Irmáns García Naveira e da Caridade, o que constitúe un conxunto de elementos pictóricos e escultóricos único e de especial relevancia na historia da arte plástica galega.

Ademais, o artigo 87 establece que o patrimonio arquitectónico está formado polos «inmobles e os conxuntos destes, e as obras da arquitectura e da enxeñaría histórica ás cales se lles recoñeza un papel relevante na construción do territorio e na súa caracterización cultural e sexan testemuño dunha época histórica ou dos cambios na forma de entendela».

Ademais, no artigo seguinte 88.1 menciónase que concorre un significativo valor arquitectónico, entre outros, nos «edificios relevantes da arquitectura ecléctica, modernista, racionalista, do movemento moderno ou característico da complexa sucesión de movementos e tendencias arquitectónicas que percorren o período das primeiras vangardas e o movemento moderno durante o século XX ata 1965, incluída a arquitectura de indianos».

Á vista do anterior, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural acordou a incoación do procedemento de declaración como ben de interese cultural coa categoría de xardín histórico pola Resolución do 26 de febreiro de 2018, publicada no DOG núm. 55, do 19 de marzo, e abriu un período de exposición pública dun mes no cal se presentaron quince alegacións, que na súa meirande parte requirían a redución do contorno de protección tomando en consideración as condicións de visibilidade e o seu desenvolvemento urbanístico. Tamén destaca outro grupo en que se requiren termos máis específicos sobre o alcance e o réxime da protección.

Segundo dispón o artigo 18.2 da devandita Lei 5/2016, do 4 de maio, foron solicitados os informes dos órganos consultivos, dos que emitiron informe favorable á consideración de ben de interese cultural a Real Academia Galega de Belas Artes e o Consello de Cultura Galega en novembro de 2019. Este último fai especial referencia á necesidade de promover tanto un expediente específico que poida representar a obra filantrópica dos indianos galegos no primeiro terzo do século XX coma a de valorar a posibilidade de recuperación e integración de elementos desprazados orixinarios do Parque.

As propostas das alegacións así como os informes dos órganos consultivos foron analizadas, valoradas e nalgúns aspectos tomadas en consideración, total ou parcialmente, para a proposta de declaración definitiva, en especial no referido á identificación gráfica e literal do ben, e dos seus compoñentes, e do seu contorno de protección, e no referido á necesidade dun proxecto ou plan integral de conservación que estableza os criterios para a súa futura conservación, mantemento, restauración, interpretación e difusión. Estas cuestións, desenvolvidas máis polo miúdo, foron recollidas despois da súa análise e valoración, na proposta de proxecto de decreto e complementan o réxime de protección establecido no procedemento de incoación da declaración.

Na tramitación do expediente cumpríronse todos os trámites legalmente preceptivos de acordo coas disposicións vixentes.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura e Turismo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de febreiro do dous mil vinte,

DISPOÑO:

Primeiro. Obxecto

Este decreto ten por finalidade declarar ben de interese cultural o inmoble denominado Parque do Pasatempo, no concello de Betanzos (A Coruña), conforme o descrito no anexo I deste decreto.

Segundo. Réxime de protección

1. Declárase ben de interese cultural o Parque do Pasatempo, como ben inmoble coa categoría de xardín histórico, como parte integrante do patrimonio arquitectónico cun nivel de protección integral e suxeito ao réxime de protección recollido no anexo II deste decreto.

2. Poderán promoverse todas as actuacións de mantemento e conservación preventiva, conservación, restauración e reestruturación necesarias para garantir a integridade, estabilidade e seguridade do parque e das súas partes para garantir a conservación dos valores culturais do xardín histórico.

3. Poderá desenvolverse un proxecto ou plan integral de conservación do xardín histórico, que desenvolvería cando menos os aspectos recollidos nos anexos deste decreto, que recolla medidas de carácter xeral ou que requiran a intervención e modificación das súas condicións actuais.

Terceiro. Delimitación e contorno de protección

1. A delimitación do xardín histórico corresponde coas referencias catastrais número 3421102NH6932S0001DW e 3421103NH6932S0001XW, segundo os datos da sede electrónica do catastro, incluíndo nela os seus muros perimetrais.

2. Tamén forman parte da declaración a estatua da Caridade e a fonte das Catro Estacións, localizadas na parcela 3522601NH6932S0001ZW.

3. Tamén formarán parte do ben calquera dos restos ou evidencias de estruturas e materiais orixinarios da construción do parque e que se atopen no ámbito da parcela devandita e o ámbito da zonificación arqueolóxica recollidas no anexo III deste decreto, en especial no referido aos restos do muro de peche da parcela orixinal actualmente localizado entre o pavillón de deportes e a piscina, así como os materiais ornamentais procedentes da casa da Taquilla e do estanque da Gruta localizados no auditorio.

4. O contorno de protección defínese de forma expresa por unha liña adaptada ás condicións da súa implantación e descríbese no anexo III deste decreto.

5. Establécese unha zona de protección arqueolóxica sobre os predios que constituían a extensión inferior do parque, non conservados, de tal xeito que se garanta a identificación de elementos ou restos pertencentes ás estruturas orixinais e nos cales deberán desenvolverse elementos para a súa axeitada información e interpretación dentro do conxunto do xardín, cuxo réxime e delimitación se recollen nos anexos II e III deste decreto.

Cuarto. Inscrición

Ordenar a inscrición desta declaración no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e comunicarlla ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Quinto. Publicidade

Este decreto publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Sexto. Notificación

Este decreto, polo que se declara ben de interese cultural o Parque do Pasatempo, notificarase ao Concello de Betanzos e ás persoas interesadas identificadas no expediente.

Sétimo. Recursos

Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poden interpoñer potestativamente recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación ante o órgano que ditou o acto ou, directamente, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Eficacia

Este decreto terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira segunda. Incorporación ao planeamento municipal

A entrada en vigor deste decreto obriga o Concello de Betanzos a incorporalo ao seu planeamento urbanístico xeral e engadir as determinacións específicas para a súa protección e conservación, nas condicións establecidas no artigo 35.5 e na disposición transitoria cuarta da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de febreiro de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo

ANEXO I

Descrición do ben

1. Denominación.

Parque do Pasatempo de Betanzos, tamén coñecido orixinariamente como Horta de Don Xoán ou posteriormente como O Pasatempo, Xardíns do Pasatempo ou Parque Enciclopédico.

2. Localización.

– Enderezo: avenida de Fraga Iribarne, 15300 Betanzos (A Coruña).

– Lugar: O Carregal.

– Parroquia: Betanzos.

– Concello: Betanzos.

– Provincia: A Coruña.

– Coordenadas centrais UTM ETRS89 FUSO 29 (X,Y).

• Elemento principal: parque: 563273,4791938.

• Outros bens:

◦ Estatua da Caridade: 563419,4791980.

◦ Fonte das Catro Estacións: 563517,4792088.

◦ Restos do antigo muro de peche: 563540,4792145.

• Referencia catastral: 3421102NH6932S0001DW e 3421103NH6932S0001XW a parte superior do parque, na 3522601NH6932S0001ZW o resto de elementos.

3. Características xerais.

Juan María García Naveira comezou a adquirir os terreos do Pasatempo no ano 1883 e dez anos despois iniciou a súa construción. A maior parte do parque estaba construída no ano 1914. Porén, continuouse ampliando e modificando ata o ano 1933, cando morreu o seu promotor. Algún autor sostén que o Pasatempo é unha obra inacabada, na cal non se remataron as dúas últimas terrazas.

Non consta a existencia dun proxecto ou plan redactado que definise o deseño do parque. A bibliografía atribúelle a autoría ao seu propio promotor, Juan María García Naveira, e suxire que os planos de apoio foron executados pola súa filla Águeda. Isto sería acorde co que pasa coa maior parte das obras da arquitectura indiana que, segundo os estudos dispoñibles ata o de agora, foron executadas, na súa maior parte, sen a participación dun titulado superior en arquitectura.

Ademais, o longo período de tempo da construción do Pasatempo fai supor que, se houbese un director técnico das obras –distinto do promotor–, este se coñecería. Está acreditada a contratación de varios dos arquitectos máis representativos do eclecticismo galego para proxectar e dirixir outras obras promovidas polos irmáns García Naveira, Juan de Ciórraga y Fernández de la Bastida, Ricardo Boán ou Rafael González Villar, o que pode sementar dúbidas sobre a falta dunha autoría técnica cualificada do Pasatempo responsable, cando menos, da composición xeral. En todo caso, si está constatada a participación de persoal cualificado técnica e artisticamente: a dirección das obras estivo a cargo de Francisco Sanmartín Murias e varias das esculturas do parque foron executadas por artistas recoñecidos.

A parte baixa ou leste do Pasatempo era a que ocupaba unha maior superficie e asentábase sobre parte da marisma de Betanzos, nun terreo –denominado O Carregal– que ocupaban as xunqueiras do río Mendo, desecado na segunda metade do século XIX e principios do XX coa construción do ferrocarril. A parcela desta parte baixa era de forma irregular, cunha superficie aproximada de catro hectáreas e media. É un espazo plano, por tratarse de terreos de recheo, situado ao sur do camiño que comunicaba a ponte do Carregal coa fábrica de curtidos de Lissargue Etchard, hoxe desaparecida. Nesta parte do parque dominaba a compoñente vexetal, na cal se inserían diversos elementos singulares, arquitectónicos e escultóricos. O xardín estaba configurado por distintos espazos e paseos organizados ao redor de grupos escultóricos, fontes ou pavillóns de carácter ornamental. Non toda a parcela estaba destinada a xardín, xa que a parte noroeste acollía hortas e campos de cultivo, e a parte sur estaba ocupada por un espazo arborizado ou bosque. Tras a morte do promotor do parque, esta área, a máis próxima á cidade de Betanzos, foi a que máis sufriu a destrución ao ser obxecto dunha gran transformación e ocupacións posteriores que a deturparon case totalmente, e da que unicamente quedan uns poucos elementos illados. Nesta parte podían distinguirse os seguintes ámbitos: a zona de entrada cun xardín de carácter xeométrico, unha zona de estanques e fontes, a área de xardíns temáticos, un bosque ocupado parcialmente polo zoo e a horta.

A parte alta ou oeste aséntase na aba da pequena elevación situada no que foi a beira oeste da ría de Betanzos antes de desecar O Carregal. Esta propiedade estaba separada da anterior por un camiño que se transformou na estrada provincial C-542 (actual avenida Fraga Iribarne). Ocupa uns terreos de certa pendente, cuxa topografía foi alterada, creando varios bancais axardinados nos cales se dispón, dun xeito recargado, unha multitude de elementos arquitectónicos, escultóricos e pictóricos.

Tamén é característico o sistema de covas e galerías soterradas que percorren boa parte desta zona e que, xunto coa construción dos bancais, implicou mover un considerable volume de terras. A parte alta do parque acolle o denominado Parque Enciclopédico, organizado en bancais e socalcos que van ascendendo do leste ao oeste na aba do monte, no cal a acumulación de elementos é máis evidente. Está constituído por dúas parcelas comunicadas cunha pasarela.

A parcela situada máis ao leste (6.617 m2) de forma irregular, linda polo norte cunha parcela rústica, polo leste coa avenida Fraga Iribarne e polo sur cun carreiro tradicional que se prolonga polo oeste, onde está a segunda parcela, e que linda polo norte e polo oeste con outros predios rústicos. Esta área do parque non foi ocupada como a anterior por edificios, vías ou dotacións, aínda que sufriu a destrución de moitos dos seus elementos.

Na actualidade mantense como parque público. A parcela leste é a que contén a maioría dos elementos que caracterizan o parque e que chegaron aos nosos días: unha área de estanques constituída por cinco terrazas ou niveis; a área dos grandes murais e a gran gruta-león colosal, estruturada en tres niveis. A parcela oeste contén outras dúas plataformas.

O parque no seu conxunto foi obxecto dun abandono e destrución ao longo da súa vida. Moitos dos elementos e compoñentes da súa parte inferior desapareceron ou foron demolidos e empregados como materiais de entullo. Outros foron desprazados e incorporados a outros bens e coleccións, ou mesmo pasaron a ter outra posición no espazo público da vila. É o caso da escultura dos irmáns García Naveira, localizada desde 1983 na Praza do Campo do conxunto histórico.

Tamén é coñecido a venda dos leóns da portada, hoxe localizados no conxunto do Santuario de Covadonga en Cangas de Onís (Asturias), ou a reixaría incorporada ao Pazo de Armuño en Bergondo (A Coruña). Tamén existen bens documentais e material bibliográfico relacionado co Pasatempo que é de interese para a comprensión da súa historia e valor, actualmente en dependencias municipais e outros arquivos.

4. Valoración cultural.

O Pasatempo é un compendio de disciplinas artísticas que acolle mostras dunha arquitectura exótica, en boa parte perdida, e da cal podemos resaltar os inigualables sistemas de grutas e estanques que caracterizan o parque. A escultura, presente en case todas as súas manifestacións posibles (vulto redondo, relevo, etc.), achega pezas únicas, tanto pola súa feitura como polo seu significado (estatuas da Caridade e dos irmáns García Naveira). A pintura, nun pésimo estado de conservación, complementa a escultura, pero tamén ten unha especial manifestación nos diversos murais da parte alta do parque, en especial naqueles que decoran o muro da gran gruta. Ademais, pode considerarse unha obra representativa do xenio creador do seu promotor, o indiano Juan María García Naveira, que nos achega un manifesto dos valores en que cría.

O feito de que numerosos elementos do parque sexan copias, máis ou menos literais, de obras da arte universal non lles resta valor, xa que a maioría das veces hai unha reinterpretación dos modelos, con modificacións que lle outorgan unha lectura local ou con cambios de materiais, que lle engaden novos significados e valor artístico. Por outra banda, a rudeza ou pouca estilización dalgunha das esculturas é comprensible pola profusión de temas e elementos contidos no parque e polo xeito de execución de moitos deles, con profesionais en prácticas que debían empregar técnicas e materiais novos para a época.

O Pasatempo é un exemplo representativo da tradición filantrópica galega e, concretamente, da que desenvolveron os indianos ao seu regreso de América a finais do século XIX e principios do XX. E non o é tan só pola súa función pública, senón especialmente polo xeito en que se construíu, dando emprego a moitos obreiros locais, e pola súa finalidade didáctica intrínseca, que é moi singular neste contexto.

Este ben construído en boa parte sobre uns terreos gañados ao mar é un exemplo significativo da interacción do home co medio nunha área de transformación e crecemento da cidade de Betanzos durante as primeiras décadas do século XX, que foi alterada e deturpada con posterioridade pola multitude de construcións que racharon esta relación e provocaron un profundo impacto ao non integrarse nin valorar as estruturas e organización previa do parque.

Os traballos e estudos que se realicen sobre o ben, en especial os que fundamente o proxecto ou plan integral de conservación, entre as súas liñas de traballo e de cara ás tarefas de difusión e interpretación, poderían incorporar a análise do patrimonio relacionado co labor filantrópico dos irmáns García Naveira en Betanzos, así como dos bens e documentos desprazados que teñen relación coa orixe e desenvolvemento do parque.

5. Estado de conservación.

Os únicos bens que se conservan in situ da parte baixa do Pasatempo, a fonte das Catro Estacións e a estatua da Caridade, foron restaurados nos anos 2016 e 2015, respectivamente, así como un pequeno fragmento de muro do peche localizado entre os edificios do pavillón de deportes e as piscinas.

Tamén se conservan restos de elementos ornamentais procedentes de diferentes parte do parque, depositados temporalmente nas proximidades do muro do novo auditorio, e que deben ser obxecto do estudo e avaliación, como doutros que poidan recoñecerse neste ámbito.

Na parte alta do Pasatempo, o estado de conservación xeral é deficiente, non só polo abandono e deturpación que sufriu durante as décadas centrais do século XX, senón tamén pola falta de mantemento posterior ás intervencións de recuperación das décadas de 1990 e 2000.

Todo o conxunto, en maior ou menor medida, está sometido a riscos e ameazas en especial derivados da fraxilidade dos seus sistemas construtivos, os prolongados períodos de abandono e espolio que sufriu e as complexas medidas de intervención que é preciso acometer. Téñense documentado derrubamentos recentes e actos de vandalismo que degradan o parque e poñen en risco a súa conservación.

O control dos percorridos das augas e a conservación das estruturas orixinarias de formigón deben ser os obxectivos principais en materia de conservación, así como implementar o protocolo de actuacións de carácter preventivo que sexa necesario.

Outros problemas son a falta de seguridade de utilización, con riscos para a seguridade das persoas usuarias intrínsecas co deseño do parque; a procura de medidas que garantan a accesibilidade universal e a información dispoñible para as persoas que visitan o parque que colabore á súa interpretación e difusión.

A complexidade e heteroxeneidade da problemática da conservación, derivada do especial e singular do ben, requiren dunha análise complexa e multidisciplinar. A declaración recolle a posibilidade de desenvolvemento dun proxecto ou plan integral de conservación que considere medidas de carácter xeral ou que requiran a intervención e modificación das súas condicións actuais e que poida desenvolver os seguintes aspectos:

• Identificación dos elementos existentes, do seu valor cultural e das súas características construtivas.

• Documentación gráfica e histórica sobre a creación e desenvolvemento do parque.

• Análise, descrición e valoración de danos e amezas para a conservación do parque e as súas partes.

• Orde de prioridades de planificación e intervención en función da súa magnitude e un avance de cronograma segundo a súa relevancia e urxencia.

• Criterios de intervención, interpretación e conservación de carácter xeral do parque no seu conxunto.

• Criterios para a diferenciación entre as partes orixinais e as engadidas, ou a súa documentación.

• Criterios para o mantemento ou, de ser o caso, corrección, modificación ou eliminación de partes non orixinais ou elementos que poidan ameazar a conservación, deturpar a contemplación ou prexudicar a interpretación, en especial a xardinaría e a pasarela e escaleiras metálicas de acceso de implantación máis recente.

• Criterios para a mellora das condicións do contorno e instrumentos para unha axeitada interpretación dos grupos escultóricos illados da Estatua da Caridade e da Fonte das Catro Estacións.

• Efectos do tráfico limítrofe para a conservación do ben e, de ser o caso, medidas e alternativas.

• Procedementos e protocolos para o mantemento e conservación preventiva do conxunto, as actividades periódicas de limpeza e incluídas as cuestións relativas á vixilancia e seguridade.

• Analizar as condicións de acceso e percorridos en relación coa conservación e protección, incluíndo o estudo, análise e interpretación dos accesos e percorridos orixinais e o seu estado actual, nas axeitadas condicións de accesibilidade e seguridade.

• Identificar e programar os estudos técnicos complementarios para a axeitada documentación, interpretación e difusión dos valores culturais, incluíndo aquelas partes e documentos que poidan atoparse noutros lugares.

6. Uso.

O uso de espazo libre de uso público, tal e como foi concibido O Pasatempo, é o máis axeitado. Porén, dada a súa extensión e fraxilidade, cómpre ter en conta a necesidade de controlar o seu acceso, co gallo de preservar a súa integridade física e a súa mensaxe cultural. Os accesos e percorridos poderán ser limitados en función das necesidades de conservación e as axeitadas condicións de seguridade e accesibilidade das persoas.

Calquera outro uso deberá ser compatible co mantemento de todos os elementos do parque e adaptarse ás súas características e ás condicións de uso e interpretación deste.

ANEXO II

Réxime de protección

1. Natureza e categoría.

• Natureza: ben inmoble.

• Categoría: xardín histórico.

• Patrimonio específico: patrimonio arquitectónico. Arquitectura civil.

• Adscrición cultural: eclecticismo, arquitectura de indiano.

2. Réxime de protección.

O réxime de protección será o establecido nos capítulos I a III do título II e os capítulos I e V do título III da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección, e que, en concreto, poden resumirse nas seguintes obrigas:

• Deber de conservación: conservar, manter e custodiar debidamente e evitar a súa perda, destrución ou deterioración.

• Intervencións sobre o parque e as súas partes: poderán promoverse todas as actuacións de mantemento e conservación preventiva, conservación, restauración e reestruturación necesarias para garantir a integridade, estabilidade e seguridade do parque e das súas partes para asegurar a conservación dos valores culturais do xardín histórico. Poderá desenvolverse un proxecto ou plan integral de conservación do xardín histórico, que desenvolvería cando menos os aspectos recollidos nos anexos deste decreto, que recolla medidas de carácter xeral ou que requiran a intervención e modificación das súas condicións actuais.

• Acceso: permitir o acceso ao persoal habilitado para a función inspectora, ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios.

O acceso por parte das persoas acreditadas para a investigación poderase substituír, por petición da propiedade, polo seu depósito na institución ou entidade que sinale a consellería competente en materia de patrimonio cultural. O período de depósito, salvo acordo en contrario entre ambas as dúas partes, non poderá exceder os dous meses cada cinco anos.

• Deber de comunicación: comunicar á consellería competente en materia de patrimonio cultural calquera dano ou prexuízo que sufrise e que afecte de forma significativa o seu valor cultural.

• Visita pública: permitir a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente. Poderase acordar como obrigación substitutiva o depósito do ben nun lugar que reúna as adecuadas condicións de seguridade e exhibición durante un período máximo de cinco meses cada dous anos.

• Uso: en calquera caso a protección do ben implica que as intervencións que se pretenda realizar terán que ser autorizadas pola consellería competente en materia de patrimonio cultural e que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección.

• Control arqueolóxico das actuacións nos predios da antiga parte baixa do parque: no ámbito identificado na planimetría, localizado no espazo do contorno de protección e sobre os predios que constituían a parte baixa do parque, será preciso a realización de actividade arqueolóxica preventiva para o caso de que as intervencións supoñan movementos de terras, co obxecto de poder documentar ou, de ser o caso, recuperar elementos que poidan ser de interese para o coñecemento e interpretación do parque.

Os elementos significativos orixinarios do parque que poidan ser recuperados neste espazo serán considerados partes integrantes del e deberá avaliarse a viabilidade da súa integración ao espazo público, a súa conservación ou interpretación ou depósito, ou, de non ser viable ningunha das anteriores, a súa documentación.

ANEXO III

Delimitación do ben e do seu contorno de protección

1. Delimitación do ben.

O ámbito proposto do inmoble como ben de interese cultural como xardín histórico correspóndese coa parte superior do parque orixinal, segundo as parcelas catastrais 3421102NH6932S0001DW e 3421103NH6932S0001XW, sinalado en vermello no plano que se xunta.

Dentro deste conxunto inclúense os muros perimetrais que pechan os predios. Así mesmo, identifícanse como partes integrantes do ben a estatua da Caridade, a fonte das Catro Estacións e os restos do antigo muro de peche, localizados na parcela 3522601NH6932S0001ZW.

Os restos ornamentais da casa da Taquilla e do estanque da Gruta, como elementos orixinais pertencentes ao parque, localizados na actualidade nas proximidades do muro do auditorio da parte baixa, deberán ser obxecto de análise no proxecto ou plan integral de conservación para establecer a viabilidade da súa reintegración ou as necesidades de conservación e interpretación noutro ámbito do conxunto.

2. Contorno de protección.

Establécese un contorno de protección axustado ás condicións de desenvolvemento de todo o ámbito, de tal xeito que se incorporan os predios próximos e sen desenvolver urbanisticamente para garantir o control das actividades neles e evitar que se produzan maiores afeccións que prexudiquen a interpretación e contemplación do ben tal e como agora é posible.

Pola súa banda, non se incorporan os predios que xa na actualidade contan cun desenvolvemento urbano rematado, xa que o contorno definido resulta suficiente para establecer medidas de integración, de ser o caso, ou ben existen outras construcións xa incorporadas ao contorno de protección que impiden a visión destas construcións situadas ao sur da rúa Alcalde José Novo e ao norte da avenida do Carregal. Este contorno identifícase en liña de cor amarelo.

3. Zona de protección arqueolóxica.

Dentro do ámbito do contorno de protección identifícanse os predios que ocupaba antigamente o parque, a súa parte baixa de bosque e horta, limitado polo sur polo antigo percorrido do rego do Escorial, hoxe desaparecido, pero que condicionou o recente desenvolvemento urbano deste espazo. Neste espazo establécese o réxime específico recollido no anexo II do decreto. Este ámbito arqueolóxico identifícase nunha liña de cor morada descontinua.

4. Plano da delimitación.

missing image file

5. Coordenadas das partes integrantes.

Coordenadas UTM ETRS89 fuso 29

Punto

X

Y

1

Parque

563.273

4.791.938

2

Estatua da Caridade

563.419

4.791.980

3

Fonte das Catro Estacións

563.517

4.792.088

4

Restos do antigo muro de peche

563.540

4.792.145