Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Xoves, 20 de febreiro de 2020 Páx. 12393

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 4 de febreiro de 2020 pola que se convoca un proceso selectivo para o ingreso como persoal laboral fixo do grupo I, na categoría de técnico/a superior de Calidade Ambiental e Histoloxía polo sistema de acceso libre.

De conformidade co disposto na Resolución reitoral do 30 de novembro de 2017 (DOG do 12 decembro) pola que se aproba a oferta pública de emprego (OEP) do persoal de administración e servizos da Universidade de Vigo para o ano 2017, esta reitoría en uso das competencias atribuídas pola Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e polos estatutos da Universidade de Vigo, aprobados polo Decreto 13/2019, do 24 de xaneiro (DOG do 22 de febreiro) do Goberno da Xunta de Galicia, resolveu convocar un proceso selectivo para o ingreso, polo sistema de acceso libre, na categoría de técnico/a superior de Calidade Ambiental e Histoloxía, con suxeición ás seguintes bases:

1. Normas xerais.

1.1. Convócase proceso selectivo para cubrir unha (1) praza de persoal laboral fixo da categoría de técnico/a superior de Calidade Ambiental e Histoloxía da Universidade de Vigo, grupo I, polo sistema de acceso libre.

1.2. O sistema de selección será o de concurso-oposición coas características que se indican no anexo I.

1.3. O programa que rexerá as probas relaciónase no anexo II.

1.4. Ao presente proceso selectivo aplicaráselle a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público (EBEP), a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (LEPG), o vixente II Convenio colectivo para o persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo, os estatutos da Universidade de Vigo e demais normas concordantes, así como o disposto nesta convocatoria.

1.5. Os actos deste proceso que deban publicarse, agás cando a publicación se realice no DOG, terán como data de efectos a da súa publicación no taboleiro de anuncios do Rexistro Xeral da Universidade de Vigo (Edificio Exeria, Campus de Vigo). Todos eles publicaran con efectos puramente informativos na seguinte páxina electrónica: https://www.uvigo.gal/universidade/administracion-persoal/pas/traballar-uvigo

1.6. Para os efectos de información e consultas as persoas interesadas poden dirixirse por correo electrónico a consultapas@uvigo.es e por teléfono ao número 986 81 35 79.

2. Requisitos.

Para seren admitidas ao proceso selectivo, as persoas aspirantes deberán posuír, na data de remate do prazo de presentación de solicitudes e manter ata a formalización do contrato, os seguintes requisitos:

a) Ter nacionalidade española ou dalgún dos estados membros da Unión Europea. Tamén poderá participar:

1. Os cónxuxes de españois e dos nacionais doutros estados membros da Unión Europea sempre que non estean separados/as de dereito. Así mesmo, nas mesmas condicións, poderán participar os seus descendentes menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade que sexan dependentes.

2. As persoas incluídas no ámbito de aplicación dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España nos cales sexa de aplicación a libre circulación de traballadores/as.

As persoas aspirantes non residentes en España incluídos no punto 1, así como as persoas estranxeiras incluídas no punto 2, deberán xuntar á súa solicitude documentación que acredite as condicións que se alegan.

Quen, non sendo español nin nacional dun Estado membro da Unión Europea, se encontre en España en situación de legalidade e sexa titular dun documento que o habilite para residir e poder acceder sen limitacións ao mercado laboral.

b) Ter feitos 16 anos de idade e non exceder, de ser o caso, a idade de xubilación forzosa.

c) Estar en posesión ou en condicións de obter na data na que remata o prazo de presentación de solicitudes do título universitario grao, licenciado ou equivalente. As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se é o caso, a homologación do título.

d) Ter aboadas as taxas por participación, ou ter acreditadas as causas de exención ou bonificación.

e) Posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

f) Non ter sido despedido/a mediante expediente disciplinario de ningunha das administracións públicas ou dos organismos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para desempeñar empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder á mesma categoría profesional á que se pertencía.

No caso de ser nacional doutro Estado, non atoparse inhabilitado/a ou en situación equivalente nin ter sido sometido/a a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos o acceso ao emprego público.

3. Solicitudes.

3.1. Para participar nestas probas selectivas deberase presentar unha solicitude seguindo o modelo oficial dispoñible no seguinte enderezo: https://www.uvigo.gal/universidade/administracion-persoal/pas/traballar-uvigo > Solicitude de admisión, seguindo as indicacións que figuran nel, cubrindo todos os campos obrigatorios, validándoos e confirmándoos.

Asignarase a cada instancia un número de referencia de identificación único. Unha vez cuberta a instancia, imprimiranse dous exemplares que deberán ser asinados pola persoa solicitante; segundo o lugar de presentación, un servirá de recibo para a persoa interesada e o outro deberá presentarse perante o reitor da Universidade de Vigo, consonte se regula no punto seguinte.

3.2. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral da Universidade de Vigo (edificio Exeria, campus Universitario, 36310-Vigo), nos rexistros auxiliares dos Campus de Ourense (unidade administrativa), Campus de Pontevedra (Escola de Enxeñaría Forestal) e Vigo (r/ Torrecedeira, nº 86) ou segundo as restantes formas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP). As solicitudes subscritas no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

3.3. Co fin de garantir a participación en condicións de igualdade, as persoas aspirantes cun grado de discapacidade igual ou superior ao 33 % poderán indicar na solicitude as posibles adaptacións de tempo e/ou medios que consideren necesarias para a realización das probas e o seu motivo; para este fin, deberase achegar coa solicitude un certificado que acredite a discapacidade así como o ditame técnico facultativo emitido polo órgano técnico de cualificación do grao de discapacidade; para estes efectos, o ditame médico deberá ser suficientemente explicativo para que o órgano de selección poida valorar a procedencia ou non das adaptacións solicitadas.

3.4. Os dereitos de participación serán de 42,24 euros e o pagamento, no cal deberá constar o nome, apelidos e DNI ou pasaporte da persoa interesada, poderá realizarase:

– Directamente nas oficinas de Abanca indicando o código 2003, ou

– Mediante transferencia á conta ES49 2080 5000 6731 1022 5991; neste caso o documento xustificativo deberá presentarse obrigatoriamente xunto coa solicitude de participación.

A falta de aboamento destes dereitos durante o prazo de presentación de solicitudes non é rectificable e determinará a exclusión das persoas aspirantes.

3.5. Estarán exentas do pagamento desta taxa:

a) As persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 33 %, achegando coa solicitude un ditame técnico facultativo emitido polo órgano técnico de cualificación do grao de discapacidade.

b) As persoas que figuren como demandantes de emprego durante, polo menos, tres meses anteriores á data de publicación no DOG da convocatoria e que cumpran os seguintes requisitos, que deberán ser certificados pola oficina do servizo público de emprego:

1. Que no prazo de que se trate non rexeitasen unha oferta de emprego axeitada nin se negasen a participar, agás causa xustificada, en accións de promoción, formación ou reconversión profesional.

2. Que non perciban prestación ou subsidio por desemprego.

c) As familias numerosas de categoría especial. Esta condición acreditarase mediante o correspondente título expedido dentro do ano anterior á data de publicación no DOG da convocatoria.

d) As vítimas de terrorismo, entendendo por tales as persoas que sufrisen danos físicos ou psíquicos como consecuencia da actividade terrorista e así o acrediten mediante unha sentenza xudicial firme ou en virtude dunha resolución administrativa pola que se recoñeza tal condición, o seu cónxuxe ou persoa que convivise con análoga relación de afectividade, o cónxuxe do falecido e os fillos dos feridos e falecidos.

e) As vítimas de violencia de xénero a que fai referencia a Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e os seus fillos ou fillas; para iso deberán presentar a resolución xudicial outorgando a orde de protección a prol da vítima, sentenza condenatoria, medida cautelar a prol da vítima ou calquera outra en que o órgano xudicial considere a existencia de calquera dos delitos ou faltas.

3.6. Terán dereito a unha bonificación do 50 % da taxa por dereitos de exame as familias numerosas de categoría xeral, debendo acreditalo consonte o establecido na base 3.5.c).

3.7. En ningún caso, o pagamento da taxa ou a xustificación da concorrencia dalgunha das causas de exención ou bonificación do mesmo suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude de participación no proceso selectivo.

3.8. De conformidade co disposto na Lei 8/1989, do 13 de abril, de taxas e prezos públicos, procederá a devolución das taxas de participación cando non se realice o feito impoñible por causas non imputables ao suxeito pasivo, debendo a persoa interesada solicitar a devolución, achegando os datos necesarios para a transferencia bancaria correspondente. Polo tanto, non procederá a devolución nos supostos de exclusión das probas selectivas por causa imputable á persoa interesada.

3.9. Coa solicitude achegarase:

a) De conformidade co establecido na base 6.8 da convocatoria, copia do Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado. Noutro caso seralles de aplicación o previsto na devandita base.

b) De conformidade co establecido na base 6.9 copia do diploma de español de nivel B2 (intermedio) ou superior ou do certificado de aptitude en español para estranxeiros/as expedido polas escolas oficiais de idiomas. Noutro caso seralles de aplicación o previsto na devandita base.

3.10. Os aspirantes que superen o primeiro exercicio da oposición deberán presentar nos lugares indicados na base 3.2 unha relación dos méritos alegados para a fase de concurso, xunto coa documentación xustificativa, no prazo de 10 días hábiles a partir da publicación do acordo do tribunal coa cualificación do dito exercicio. Os méritos valoraranse por referencia á data de publicación desta convocatoria no DOG e non se valorarán os que non se presenten suficientemente acreditados. A acreditación farase do seguinte xeito:

a) A experiencia acreditaranse mediante certificación expedida de oficio pola Universidade de Vigo unicamente para as persoas aspirantes que superen o primeiro exercicio; o orixinal remitirase ao tribunal e unha copia á persoa interesada.

b) A formación acreditarase mediante copia do título, diploma ou certificación correspondente en que consten todos os elementos necesarios para a valoración ou susceptibles dela.

3.11. As persoas aspirantes quedan vinculadas aos datos que fixesen constar nas súas solicitudes, podendo unicamente demandar a súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 4.2; transcorrido este prazo non se admitirá ningún pedimento desta natureza.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, a reitoría da Universidade de Vigo ditará unha resolución que se publicará no DOG, aprobando a relación provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas, indicando o lugar en que se atope exposta ao público a listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, co nome, apelidos e número de DNI, así como as causas que motivaron a exclusión, de ser o caso.

4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da dita resolución no DOG, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

4.3. A estimación ou desestimación das peticións de emenda ou corrección entenderanse implícita na resolución da reitoría, que aprobe a relación definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas, que se publicará igualmente no DOG.

4.4. O feito de figurar na relación de persoas admitidas non implicará recoñecer as persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos, de xeito que a constatación de que non os posúen, segundo o establecido na base oitava, producirá o seu decaemento de todos os dereitos que puidesen derivar da súa participación.

5. Tribunal.

5.1. A composición do tribunal cualificador destas probas publicarase xunto coa relación provisional indicada na base 4.1 e terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

Deberá actuar de acordo ao disposto na LPACAP e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (LRXSP).

5.2. As persoas que formen parte do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo ao reitor da universidade, cando concorran nelas as circunstancias previstas no artigo 23 da LRXSP, cando realizasen tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria, ou de ter colaborado durante ese período con centros de preparación de opositores, de acordo co artigo 59.2 da LEPG.

A presidencia deberá solicitar ás restantes persoas que formen parte do tribunal, ás persoas que actúen como persoal asesor e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos, unha declaración expresa de non atoparse en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

As persoas aspirantes poderán recusar os e as integrantes do tribunal cando concorran neles/as algunha das circunstancias sinaladas no parágrafo primeiro, consonte o establecido no artigo 24 da LRXSP.

5.3. A reitoría publicará nos lugares indicados na base 1.5 a resolución pola que se nomeen os novos integrantes do tribunal que substituirán a quen perdese a súa condición por algunhas das causas previstas na base anterior.

5.4. Logo da convocatoria da presidencia, constituirase o tribunal coa asistencia do presidente/a e o secretario/a, ou, se é o caso, de quen os/as substitúan, e a metade polo menos dos/das seus membros.

5.5. Corresponderá ao tribunal a consideración, verificación e apreciación das incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento dos exercicios, e adoptará ao respecto as decisións que xulgue pertinentes.

5.6. O tribunal poderá propor ao reitor a designación de asesores/as especialistas que se limitarán a prestar colaboración nas súas especialidades técnicas e que deberán posuír titulación de igual ou superior nivel á exixida nesta convocatoria. A súa designación publicarase na páxina electrónica indicada na base 1.5 e seralles de aplicación o previsto en materia de abstención e recusación.

Así mesmo, cando o número de aspirantes o faga conveniente, poderá solicitar do reitor a designación de persoal colaborador.

5.7. O tribunal adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que os e as aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para a realización dos exercicios que o resto de aspirantes. Para as persoas con discapacidades que o soliciten na forma prevista na base 3.3, estableceranse as adaptacións posibles en tempo e medios.

5.8. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos que non deban ser lidos ante o tribunal sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes e excluirá aquelas que consignen nas follas de exame marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento de que algunha persoa aspirante non cumpre calquera dos requisitos exixidos na presente convocatoria, logo de audiencia da persoa interesada, deberá propor a súa exclusión ao órgano convocante ou, se é o caso, pór no seu coñecemento a posible concorrencia desta circunstancia, para que, logo das comprobacións necesarias, se resolva ao respecto.

5.9. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superou o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao das prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

5.10. Para os efectos de comunicacións o tribunal terá a súa sede no edificio Exeria, podendo dirixirse polas canles sinaladas na base 1.6.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra «Q», de conformidade coa Resolución da Consellería de Facenda do 24 de xaneiro de 2019 (DOG do 5 de febreiro).

6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio nun único chamamento, no que acreditarán a súa identidade e serán excluídas do proceso selectivo as que non comparezan. Deberán obedecer as instrucións do tribunal, e de ser o caso, do persoal colaborador en orde ao seu correcto desenvolvemento; en caso contrario poderán impedir ao aspirante a continuación do proceso. Contra este acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible, de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.3. A resolución final deste proceso selectivo ditarase antes de que transcorra un ano desde a publicación desta convocatoria no DOG, sen contar o mes de agosto.

6.4. As mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización do exercicio polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación ou, eventualmente, nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro dos cinco días hábiles seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano convocante aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente tomando en conta, ademais do alegado, os dereitos das demais persoas aspirantes a unha resolución do proceso axustada a tempos razoables e ás necesidades e aos intereses da universidade. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible, de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.5. O lugar, a data e a hora de realización do primeiro exercicio publicarase nos lugares previstos na base 1.5 con un mes de antelación, e non se realizará antes do 1 de abril de 2020.

A publicación dos sucesivos anuncios de realización dos exercicios será efectuada polo tribunal no lugar ou lugares onde se realizase o anterior, e ademais nos lugares indicados no parágrafo anterior, cunha antelación mínima de 2 días á data sinalada para a súa iniciación.

6.6. En caso de que o tribunal acorde criterios de avaliación en desenvolvemento dos establecidos nesta convocatoria, publicaraos nos lugares previstos na base 1.5. Só se valorarán os méritos presentados en prazo e correctamente acreditados, será responsabilidade exclusiva de cada aspirante verificar a correspondente documentación.

6.7. Tras cada exercicio, os e as aspirantes poderán levar os cuestionarios e, nas probas tipo test, o tribunal publicará as respostas correctas na páxina electrónica indicada na base 1.5.

6.8. Estarán exentas de realizar o exercicio de coñecemento de lingua galega as persoas aspirantes que acrediten estar en posesión do Celga 4 ou o equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 (DOG do 30 de xullo), pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG do 19 de febriro). A relación de persoas exentas publicarase na páxina electrónica indicada na base 1.5.

6.9. Con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, as persoas aspirantes de nacionalidade estranxeira, agás os e as nacionais de países cuxo idioma oficial sexa o español, deberán acreditar o coñecemento do castelán, ben mediante a presentación dos diplomas e certificacións relacionadas na base 3.9.d), ou mediante a superación dunha proba que se axustará ao disposto no Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro. A proba cualificarase como apto ou non apto, sendo necesario obter a cualificación de apto para poder realizar á fase de oposición.

7. Cualificacións.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal fará pública nos lugares previstos na base 1.5, a relación de persoas aspirantes que os superasen, con indicación da puntuación obtida e do nome.

7.2. As persoas aspirantes disporán de tres (3) días hábiles, contados a partir do seguinte á realización dos exercicios tipo test para presentar reclamacións contra as preguntas. Así mesmo, disporán de idéntico prazo para reclamar contra as puntuacións deses e dos restantes exercicios, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación.

7.3. Rematada a fase de oposición, o tribunal publicará a listaxe coa valoración provisional da fase de concurso, detallada para cada un dos epígrafes que se relacionan no anexo I, que irá acompañada da relación das persoas aspirantes que superasen a fase de oposición, ordenadas pola puntuación final obtida, indicando a puntuación de cada exercicio. Disporase de tres (3) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da súa publicación para presentar reclamacións.

7.4. Resoltas as reclamacións, a presidencia do tribunal publicará as puntuacións definitivas da fase de concurso e elevará a relación coas persoas que superasen o proceso selectivo, ordenadas consonte a puntuación final obtida. A continuación, a reitoría ditará e publicará unha resolución poñendo fin ao proceso selectivo.

7.5. A cualificación final do proceso selectivo virá dada pola suma das puntuacións obtidas en ambas as fases. No suposto de empate, acudirase por orde aos seguintes criterios:

a) Puntuación obtida no conxunto da fase de oposición.

b) Puntuación obtida en cada un dos exercicios pola seguinte orde: segundo, primeiro e terceiro.

c) Puntuación obtida no conxunto da fase de concurso.

d) Puntuación obtida en cada unha das epígrafes da fase de concurso na orde en que se relacionan no anexo.

e) Sorteo entre as persoas implicadas.

7.6. Finalizado o proceso selectivo, para os efectos de configurar unha listaxe de agarda para atender as necesidades de persoal que poidan xurdir, o tribunal valorará os méritos da fase de concurso e elevará ao reitor unha lista ordenada daqueles aspirantes que, sen ter superado as correspondentes probas selectivas superasen, cando menos, un dos exercicios obrigatorios e eliminatorios.

8. Presentación de documentos e formalización do contrato.

8.1. A partir do día seguinte ao da publicación indicada na base 7.4, as persoas propostas disporán dun prazo de 20 días hábiles para presentar no Rexistro Xeral da Universidade de Vigo os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada ou cotexada do documento nacional de identidade; as persoas aspirantes que non posúan nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, de ser o caso, os documentos que acrediten as condicións alegadas, consonte a base 2.a).

b) Fotocopia compulsada ou cotexada do título académico ou certificación académica acreditativa de ter aprobadas todas as materias que capacitan para a obtención del título, acompañando o xustificante xustificativo de ter aboado os dereitos para a expedición do título; no caso de titulación obtida no estranxeiro, presentarase credencial da súa homologación ou equivalencia.

c) Declaración xurada ou promesa relativa ao establecido na letra f) da base segunda. Poderase utilizar o modelo que figura no anexo III.

d) Informe do servizo público de saúde acreditativo de non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica que imposibilite o desempeño das correspondentes funcións. Quen faga valer a súa condición de persoa con discapacidade, deberá acreditar a súa compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes.

8.2. Quen teña a condición de empregado/a público/a en servizo activo e a acredite neste prazo, estará exento de presentar o documento indicado na letra c).

8.3. Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos, as persoas aspirantes formalizarán un contrato de traballo, en que se considerará un período de proba de 3 meses, transcorrido o cal e de telo superado satisfactoriamente, adquirirán a condición de persoal laboral fixo.

Estarán exentos do período de proba quen teña desempeñado a mesma categoría e funcións na Universidade de Vigo, por un período igual ou superior ao que corresponda.

8.4. Se dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior libremente apreciados, non se presenta a documentación ou do seu exame se deduce que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser contratado/a e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorra por falsidade na solicitude inicial.

Neste caso ou no de non superar o período de proba, o posto adxudicarase á seguinte persoa candidata.

9. Norma derradeira.

9.1. De acordo co disposto no artigo 13 do Regulamento UE 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e co disposto no artigo 11 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, os datos facilitados na solicitude serán tratados baixo a responsabilidade da Universidade de Vigo, coa finalidade de xestionar a tramitación deste procedemento selectivo e amparados pola Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e os estatutos da Universidade de Vigo.

Coa súa participación nesta convocatoria as persoas interesadas autorizan a Universidade de Vigo para a publicación dos seus datos, de acordo cos principios de publicidade e transparencia, cando así derive da natureza desta convocatoria. Non obstante e co fin de previr riscos para a publicidade de datos persoais de vítimas de violencia de xénero, a persoa afectada comunicará esta circunstancia coa maior celeridade á Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo (986 81 34 19 e igualdade@uvigo.es).

Estes datos trataranse durante o tempo imprescindible para cumprir coa citada finalidade e conservaranse durante o prazo necesario para determinar as posibles responsabilidades que puidesen derivar da dita finalidade e do tratamento dos datos.

As persoas participantes están obrigadas a facilitar estes datos en virtude do especificado nos parágrafos anteriores e, en caso de non facelo, serán excluídas do proceso selectivo.

As persoas participantes teñen dereito a solicitar ao responsable do tratamento, en calquera momento, o acceso, rectificación ou supresión dos seus datos persoais e a limitación do seu tratamento, así como a oporse ao devandito tratamento e a solicitar, agás casos de interese público e/ou exercicio de poderes públicos, a portabilidade dos seus datos.

Estes dereitos poderán exercerse mediante solicitude dirixida ao reitor da Universidade de Vigo no rexistro da Universidade de Vigo, ou en calquera dos rexistros indicados no artigo 16 da LPACAP e remitida á Secretaría Xeral da Universidade de Vigo, Campus universitario As Lagoas-Marcosende, 36310 Vigo (Pontevedra). Máis información: https://www.uvigo.gal/proteccion-datos

Igualmente, pode dirixir a dita solicitude directamente á delegada de protección de datos do responsable cuxa identidade e datos de contacto son Ana Garriga Domínguez, Facultade de Dereito, Campus Universitario As Lagoas s/n, 32004 Ourense (España). Teléfono: 988 36 88 34. Enderezo electrónico: dpd@uvigo.gal

Tamén pode presentar unha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD).

9.2. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer un recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán optar por interpoñer contra esta resolución un recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, perante o mesmo órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer un recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto, segundo o previsto no artigo 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Vigo, 4 de febreiro de 2020

Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo

ANEXO I

Proceso selectivo

A) Fase de oposición.

Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa que, con data límite ao día primeiro do mes anterior a aquel en que teña lugar o primeiro exercicio, conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

As normas expresas que figuran no anexo II e que fosen derrogadas parcial ou totalmente serán automaticamente substituídas por aquelas que procedan no momento da súa derrogación parcial ou total, con data límite ao día primeiro do mes anterior a aquel en que teña lugar o primeiro exercicio.

Non se permitirá o uso de ningún tipo de dispositivo, material nin recurso en ningún formato.

A oposición estará formada polos seguintes exercicios:

Primeiro. De carácter teórico, escrito e eliminatorio. Consistirá en contestar un test de 120 preguntas con 4 respostas alternativas, das cales só unha será correcta, acerca das materias da primeira parte do programa. Cualificarase cun máximo de 35 puntos; será necesario obter 17,5 puntos para superalo.

O tempo de realización será de 130 minutos. Cada resposta errónea descontará o 25 % do valor da resposta correcta. O exercicio incluirá 8 preguntas de reserva que deberán responderse dentro do tempo indicado.

Segundo. De carácter práctico, escrito e eliminatorio. Consistirá en resolver un ou varios supostos prácticos, relativos á primeira parte do programa. Cualificarase cun máximo de 40 puntos, será necesario obter 20 puntos para superalo.

Disporase de 180 minutos. Valoraranse os coñecementos, a claridade, a orde de ideas e a calidade da expresión escrita, así como a súa forma de presentación e exposición.

Terceiro. Non terá carácter eliminatorio. Estará composto por dúas probas:

a) Coñecementos de lingua galega. Estarán exentas de realizalo as persoas aspirantes que acrediten estar en posesión do Celga 4, nos termos previstos nas bases da convocatoria, sendo cualificados con 4 puntos. Esta proba incluirá 2 partes:

1. Primeira. Consistirá en contestar a un test de 20 preguntas sobre o coñecemento da lingua galega, con 4 respostas alternativas das cales só unha delas será correcta. O exercicio incluirá 2 preguntas de reserva que deberán responderse dentro do tempo indicado.

Disporase de 25 minutos. Cada resposta errónea descontará o 25 % do valor da resposta correcta. Valorarase cun máximo de 2 puntos.

2. Segunda. Comprensión escrita ou oral e expresión oral. Consistirá en ler un texto ou escoitar un fragmento de audio ou audio-vídeo, e, a seguir, realizar unha entrevista co examinador, debendo resumir o input e manter un diálogo ao respecto para avaliar a súa expresión oral. Valorarase cun máximo de 2 puntos.

b) Coñecementos non específicos. Consistirá en contestar a un test de 20 preguntas sobre a segunda parte do programa, con catro respostas alternativas, das cales só unha será correcta. O exercicio incluirá 2 preguntas de reserva que deberán responderse dentro do tempo indicado.

O tempo máximo de realización será de 25 minutos. Cada resposta errónea descontará o 25 % do valor da resposta correcta. Valorarase cun máximo de 6 puntos.

B) fase de concurso:

1. Experiencia: ata un máximo de 10 puntos, a razón de 0,1191 puntos por mes completo traballado. Valoraranse os servizos prestados na Universidade de Vigo na mesma categoría de persoal laboral incluída na clasificación do II Convenio colectivo para o persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo, ou categorías extinguidas por transformación e/ou promoción.

2. Formación: ata un máximo de 5 puntos. Valorarase a formación relacionada coa categoría da praza, acreditada suficientemente e impartida por centros e organismos oficiais, incluídas as materias cursadas para a obtención de títulos oficiais superiores ao exixido pola convocatoria ou afíns; neste último caso, deberá achegarse o programa académico ou a guía docente da materia correspondente ao curso en que se superase, indicando o contido e a duración en horas.

Duración

Puntuación

De 30 horas a 99 horas

1 punto

De100 horas a 249 horas

2 puntos

De 250 horas a 499 horas

3 puntos

Igual ou superior a 500 horas

4 puntos

Os cursos cunha duración menor de 30 horas non se tomarán en consideración agás que a suma deles sexa igual ou superior a 30 horas, recibindo polo conxunto un máximo de 1 punto.

Considerarase que a formación está directamente relacionada coa categoría se o seu contido se refire directamente aos temas que configuran o programa (anexo II), consideración que recibirán os cursos de galego.

De acreditar máis dun nivel de coñecemento, valorarase unicamente o curso de superior nivel. No caso dos cursos de galego, só se valorarán os de nivel superior ao exixido na convocatoria: Celga 5 e os cursos medio e superior de linguaxe administrativa galega e de linguaxe xurídica galega.

ANEXO II

Programa

Primeira parte-temario específico

1. O medio mariño. Condicións físico-químicas.

2. O ecosistema mariño.

3. Coñecementos básicos da bioloxía e da anatomía dos organismos mariños I: organismos vexetais.

4. Coñecementos básicos da bioloxía e da anatomía dos organismos mariños II: organismos invertebrados.

5. Coñecementos básicos da bioloxía e da anatomía dos organismos mariños III: organismos vertebrados.

6. Conceptos básicos de diagnóstico patolóxico en organismos mariños. Alteracións e patoloxías máis relevantes nos cultivos mariños de peixes e de moluscos cultivados en España.

7. Definición de contaminación. Tipos de contaminación. DBO. Hipereutrofización.

8. Contaminación microbiana: control da calidade microbiolóxica das augas para baño e dos moluscos.

9. Contaminación química. Persistencia, bioacumulación e toxicidade.

10. Contaminación por metais pesados: mercurio, cobre e chumbo. Fontes, acumulación e toxicidade.

11. Hidrocarburos: orixe e avellentamento no mar. Hidrocarburos aromáticos policíclicos e organohaloxenados.

12. Contaminantes emerxentes: compoñentes de plásticos e de cosméticos.

13. Regulación de contaminantes químicos na Unión Europea: directivas e estándares para substancias prioritarias.

14. Ecotoxicoloxía mariña: distribución ambiental, destino e efectos dos contaminantes nos ecosistemas mariños. Programas de seguimento da contaminación.

15. Bioensaios ecotoxicolóxicos: fundamento e aplicacións.

16. Bioensaios de fase líquida e de fase sólida con organismos mariños. Test Microtox. Xestión de sedimentos dragados en zonas portuarias.

17. Mantenza de animais mariños para bioensaios ecotoxicolóxicos: copépodos (Acartia spp.), anfípodos (Corophium spp.) e equinodermos (Paracentrotus lividus).

18. Calidade de augas. Fundamento e aplicacións ao estudo da calidade de augas dos métodos espectrofotométricos e fluorimétricos.

19. Introdución aos procesos xerais. Técnicas histolóxicas vitais, supravitais e postvitais.

20. Toma de mostras en organismos mariños. Protocolos básicos de diagnóstico: historia clínica, necropsia; recollida e envío de mostras para análises complementarias.

21. Fixación: función, protocolos e tipos de fixación física e química. Fixación química: clasificación dos fixadores. Fixadores usados con maior frecuencia en microscopía óptica e electrónica. Reaccións dos fixadores con lípidos e carbohidratos.

22. Fixación: procedementos de fixación, a perfusión e a inmersión. Penetración do fixador e tempo de fixación.

23. Inclusión e corte de tecidos histolóxicos: características xerais.

24. Inclusión en parafina. Descalcificación. Inclusión en resinas.

25. Microtomía. Tipos de microtomos máis usados: manual, rotación, vibratomo, conxelación, criostato e ultramicrotomo.

26. Técnicas de tinguidura: características xerais das tinguiduras. Clasificación, nomenclatura e compoñentes. Combinación colorante/substrato. Tinguiduras xerais, protocolos e usos: hematoxilina/eosina, giemsa, papanicolau, tricrómicos, azul toluidina en semifinos, tinguidura de contraste en ultrafinos e tinguiduras xerais subcelulares. Tinguiduras aplicables a tecidos concretos.

27. Técnicas histoquímicas, protocolos e usos: detección de glicoconxugados (PAS/AA), ácidos nucleicos (Feulgen) e lípidos (sudán negro). Histoquímica enzimática. Histoquímica de lectinas: presenza e función de lectinas, utilidades, métodos de detección (directo e indirecto con distintos marcadores) e controis da técnica. Uso da técnica en microscopia electrónica.

28. Técnicas inmuhistoquímicas: principios básicos e aplicación. Obtención de anticorpos monoclonais e policlonais, vantaxes e desvantaxes.

29. Clasificación dos métodos inmunohistoquímicos: inmunofluorescencia, técnicas inmunoenzimáticas (métodos baseados na peroxidase e fosfatase alcalina) e uso do ouro coloidal en microscopia electrónica. Estudos de colocalización: dobre ou tripla marcaxe.

30. Observación. Fundamentos de microscopia óptica. Uso e aplicación do microscopio. Microscopia óptica convencional e as súas variantes: campo escuro, contraste de fases, invertido e fluorescencia.

31. Observación. Fundamentos de microscopia electrónica. Microscopio electrónico de transmisión. Microscopio electrónico de varrido.

32. Métodos estereolóxicos. Características xerais. Tipos de mostraxe. Estimación do volume (principio de Cavalieri) e fracción de volume (retículo de puntos) dun obxecto. Reconto de células.

33. Estrutura e función dos tecidos, órganos e sistemas animais e vexetais. Recoñecemento microscópico.

34. A criopreservación de material biolóxico de orixe mariña e consideracións xerais. Xestión de criobancos e mantemento de rexistros.

35. Operacións básicas de mantemento dun laboratorio. Manexo, control e mantemento do pequeno equipamento: granatarios, axitadores magnéticos, destiladores, estufas, portafiltros de membrana, bombas peristálticas e dosificadoras, calibres dixitais, refractómetros, oxímetro, pH-metro, neveiras e termosalinómetro.

36. Compoñentes, manexo, control e mantemento do equipamento: autoclave, mufla, campás extractoras de gases, centrífugas, conxeladores, cabinas de fluxo laminar, liofilizador, termodesinfectadora, contador de partículas, espectrofotómetro, lector de microplaca e fluorímetro.

37. Compoñentes, mantemento, uso, verificación e calibración dos principais instrumentos e equipos de histoloxía: procesadores automáticos de tecidos, centros de inclusión en parafina, microtomos de rotación, criostatos, tinguidores automáticos de tecidos e montador de cubreportas.

38. Compoñentes, mantemento, uso, verificación e calibración dos principais instrumentos e equipamentos de microscopia e de análise de imaxe: microscopio óptico, microscopio invertido, lupa binocular e sistemas de análise de imaxe.

39. Instrumentación básica nun laboratorio de calidade de augas. Equipamento, mantemento, uso, verificación e calibración dos principais instrumentos e equipamentos.

40. Xestión da calidade segundo a norma ISO 9001:2015. Procedementos e instrucións técnicas.

41. Rastrexabilidade de mostras ambientais. Elaboración de informes.

42. A prevención de riscos laborais na Universidade de Vigo. Condicións xerais de instalación, seguridade e mantemento. Equipamentos de protección individual. Recoñecemento e uso correcto do material de laboratorio. Manexo de substancias tóxicas e perigosas. Etiquetaxe e follas de seguridade de substancias químicas. Sinalización de seguridade. Urxencias.

43. Tratamento de residuos de laboratorio.

44. Procedementos experimentais con animais e lexislación aplicable.

45. O Centro de Investigación Mariña (CIM-UVigo) e a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat). Instalacións e estrutura organizativa.

46. Coñecementos básicos de informática. Procesador de textos e follas de cálculo.

47. As infraestruturas europeas de investigación mariña en que participa o CIM: EPOS, EMBRC e EMSO.

48. Regulamento (UE) 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos. Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais: títulos I, II, III, V, VI, VII, VIII, IX e X.

49. Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno: título preliminar; títulos I, II e III.

50. Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade: título preliminar, capítulos I e II do título I, título II e capítulos I e II do título IV. II Plan de igualdade entre mulleres e homes da Universidade de Vigo 2016/19.

Segunda parte-temario común

1. A Constitución de 1978: título preliminar e título I.

2. Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia: títulos I e II.

3. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas: título preliminar; títulos I, II, III, IV e V.

4. Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público: título preliminar (agás a subsección 2ª da sección 3ª do capítulo II) e título III.

5. Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia: título I, capítulo I do título III, capítulo I do título IV, capítulo I do título V e capítulo I do título VI.

6. Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores: título I (agás capítulos IV e V) e título II.

7. II Convenio colectivo para o persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo.

8. Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades: título preliminar, título I, capítulo I do título II, capítulo I do título III, títulos VI e VIII, capítulo I do título IX e título X.

9. Decreto 13/2019, do 24 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos da Universidade de Vigo.

10. Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais: capítulos I, II, III, IV e V.

ANEXO III

Declaración xurada/promesa

Don/Dona ......................................................................................................................., con DNI/NIE/pasaporte .......................................... e nacionalidade .............................................................................................................................................

DECLARA BAIXO XURAMENTO OU PROMETE para os efectos de ser contratado/a como persoal laboral fixo pola Universidade de Vigo

 (Cidadáns españois) Non ter sido despedido/a mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública, nin estar inhabilitado/a para o exercicio de funcións públicas

 (Cidadáns estranxeiros) Non estaren sometidos/as a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu Estado o acceso á función pública

………………………………… , …... de ……………........ de 202....

(localidade) (día) (mes) (ano)