Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Venres, 21 de febreiro de 2020 Páx. 12833

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 13 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publican a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación no proceso de actualización das listas de selección temporal de diversas categorías de persoal estatutario e se inicia o prazo de inscrición na área especial de críticos da categoría de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría.

O vixente Pacto sobre selección de persoal estatutario temporal do Sistema público de saúde de Galicia, publicado mediante a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos, do 13 de xuño de 2016 (Diario Oficial de Galicia núm. 123, do 30 de xuño), regula na súa norma II.4.4 a xeración e publicación das listas.

Logo de finalizado o prazo indicado na norma II.4.4 do pacto, e de conformidade co disposto na súa norma I.5.1 e no punto noveno da Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos, do 12 de setembro de 2013 (Diario Oficial de Galicia núm. 181, do 23 de setembro), pola que se regulan as bases do procedemento de actualización periódica das listas de selección temporal, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Publicar a relación provisional de solicitantes admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación no proceso de actualización periódica das listas de selección temporal elaboradas ao abeiro do Pacto do 13 de xuño de 2016 nas categorías de técnico/a superior en anatomía patolóxica e citoloxía, técnico/a superior en dietética e nutrición, técnico/a superior en documentación sanitaria, técnico/a superior en hixiene bucodental, técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico, técnico/a superior en laboratorio de diagnóstico clínico, técnico/a superior en radioterapia, técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría e técnico/a en farmacia.

Segundo. As listas provisionais de admitidos/as e excluídos/as, coa asignación aos primeiros da puntuación e a orde de prelación provisionais acadadas, están publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Terceiro. Contra a resolución provisional de admitidos/as e excluídos/as e os resultados provisionais de baremación as persoas interesadas poderán presentar reclamación, ante as xerencias das áreas sanitarias e as direccións con competencias na xestión de persoal das entidades adscritas á Consellería de Sanidade, no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

As persoas que, tendo presentado debidamente solicitude de inscrición, non consten como admitidas nin excluídas, disporán do mesmo prazo para formularen a súa reclamación.

A aceptación ou o rexeitamento das reclamacións presentadas entenderanse implícitos na resolución desta dirección, que se anunciará no Diario Oficial de Galicia, pola que se declaren con carácter definitivo os/as admitidos/as e excluídos/as e que fará públicas, así mesmo, as puntuacións e a orde de prelación definitivas acadadas polas persoas aspirantes.

Cuarto. Iniciar o prazo de inscrición na área especial de críticos da categoría de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría, de conformidade co acordo da Comisión Central de Seguimento do Pacto, publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 19, do 29 de xaneiro de 2020.

Tal área estará visible en Fides/expedient-e, para os efectos da posible selección polos/as aspirantes a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución.

Os/as aspirantes da categoría de técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría que formalizasen a súa inscrición nas listas desta categoría ata o 31 de outubro de 2019 poderán seleccionar esta área especial no prazo dos dez días hábiles seguintes ao da publicación desta resolución. Neste suposto, resultarán admitidos/as na dita área na resolución pola cal se publiquen as listas definitivas correspondentes ao proceso de actualización en tramitación.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2020

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos