Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Venres, 21 de febreiro de 2020 Páx. 12736

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

EXTRACTO da Orde do 31 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a atracción e retención de talento investigador na categoría de persoal investigador distinguido nas universidades do Sistema universitario de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (códigos de procedemento ED431H e ED431I).

BDNS (Identif.) 496528.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdns/index):

Primeiro. Beneficiarias

As universidades do SUG que presenten como candidatas persoas que cumpran na data de peche da convocatoria as condicións que se indican para cada tipo de axuda nos anexos I e II, segundo a modalidade a que opten, sempre que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato laboral de persoal investigador distinguido de duración determinada con dedicación a tempo completo, de acordo co marco lexislativo actual, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á dita entidade.

Segundo. Obxecto

A incorporación ás universidades do SUG, mediante a figura de persoal investigador distinguido do artigo 23 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, de persoal investigador posdoutoral que amose un relevante currículo investigador que permita reforzar e/ou iniciar novas liñas de investigación en áreas de coñecemento/liñas de investigación definidas nesta convocatoria de acordo coas declaracións de interese realizadas previamente polas propias universidades.

– Modalidade de atracción: destinada á atracción e incorporación aos centros de investigación do SUG con acreditación vixente da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, agrupacións estratéxicas acreditadas pola Xunta de Galicia na modalidade A no ano 2018, unidades de excelencia María de Maeztu e centros de excelencia Severo Ochoa radicados en Galicia e con acreditación vixente, de persoal investigador de recoñecida traxectoria.

– Modalidade de retención: orientada á contratación e promoción de persoal investigador vinculado ás universidades do SUG, nos campus de especialización do SUG e/ou áreas de coñecemento fixadas previamente como estratéxicas polas universidades e definidas no anexo III desta convocatoria.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

O importe total da convocatoria é de 5.060.000,00 €: 3.640.000,00 € para a modalidade de atracción e 1.420.000,00 € para a modalidade de retención.

Na modalidade de atracción poderanse conceder ata 10 axudas, cun importe máximo por axuda de 96.000,00 € anuais, e na modalidade de retención ata 5 axudas, cun importe máximo por axuda de 71.000,00 € anuais. Cada axuda inclúe tres conceptos:

1. 50.000 € brutos anuais en concepto de salario e custos sociais.

2. Para a modalidade de atracción: un total 40.000,00 € anuais para o desenvolvemento da liña de investigación: 15.000,00 € en 2020, 40.000,00 € en 2021, en 2022 e en 2023, e 25.000,00 € en 2024.

Para a modalidade de retención: un total 20.000,00 € anuais de axuda para o desenvolvemento da liña de investigación: 5.000,00 € en 2020, 20.000,00 € en 2021, en 2022 e en 2023, e 15.000,00 € en 2024.

Os gastos que se consideran elixibles son os que se indican no artigo 4.2 da convocatoria.

3. Un complemento de 1.000,00 € anuais para as entidades beneficiarias por cada persoa contratada con cargo a estas axudas, para cubrir os gastos asociados á contratación.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Será dun mes, que contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional