Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Luns, 24 de febreiro de 2020 Páx. 13185

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 18 de febreiro de 2020 pola que se modifica a Orde do 20 de decembro de 2019, pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (Aprol rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2020.

A Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (Aprol rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2020 regula a convocatoria pública, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas e subvencións que están destinadas ao financiamento de accións de fomento de emprego en colaboración coas entidades locais rurais a través da contratación de persoas traballadoras desempregadas para realizar tarefas relacionadas maioritariamente coa prevención de incendios nas faixas secundarias definidas pola Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, como son a planificación preventiva, a valorización forestal, a silvicultura, a limpeza de montes e a xestión da biomasa, co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

O artigo 4.1.e) dispón como requisito que deberá cumprir a entidade beneficiaria: «e) Que as contratacións sexan para a xornada a tempo completo».

O artigo 5.1 desta orde estableceu que «A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será, para efectos salariais, a equivalente á necesaria para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, por cada persoa traballadora desempregada contratada, cos seguintes máximos:

Para o grupo de cotización 1: 20.250 €.

Para o grupo de cotización 2: 16.500 €.

Para o grupo de cotización 3: 15.000 €.

Para o grupo de cotización 4: 14.250 €.

Para o grupo de cotización 5: 13.500 €.

Para os grupos de cotización comprendidos entre o 6 e o 10: 13.150 €.

Estes importes máximos incrementaranse nun 15 % no caso de que as contratacións se realicen nunha obra ou servizo solicitado conxuntamente, de acordo co número 2.3 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013».

No BOE nº 31, do 5 de febreiro de 2020, publicouse o Real decreto 231/2020, do 4 de febreiro, polo que se fixa o salario mínimo interprofesional para 2020, que establece no artigo 1, relativo á contía do salario mínimo interprofesional, que:

«O salario mínimo para calquera actividade na agricultura, na industria e nos servizos, sen distinción de sexo nin idade dos traballadores, queda fixado en 31,66 euros/día ou 950 euros/mes, segundo o salario estea fixado por días ou por meses».

Tendo en conta o dito aumento do salario mínimo interprofesional, procede modificar, no artigo 5.1, o importe das contías dos grupos de cotización comprendidos entre o 5 e o 10 por non estar adaptados a el.

Por isto, en exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e en aplicación das competencias atribuídas polo Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación da Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (Aprol rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2020.

A Orde do 20 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases que regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego no medio rural (Aprol rural) e se procede á súa convocatoria para o exercicio do ano 2020 queda modificada como segue:

O punto 1 do artigo 5 queda redactado do seguinte modo:

«A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será, para os efectos salariais, a equivalente á necesaria para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por todos os conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente no momento de formular a solicitude, por cada persoa traballadora desempregada contratada, cos seguintes máximos:

Para o grupo de cotización 1: 20.250 €.

Para o grupo de cotización 2: 16.500 €.

Para o grupo de cotización 3: 15.000 €.

Para o grupo de cotización 4: 14.250 €.

Para os grupos de cotización comprendidos entre o 5 e o 10: 13.750 €.

Estes importes máximos incrementaranse nun 15 % no caso de que as contratacións se realicen nunha obra ou servizo solicitado conxuntamente, de acordo co número 2.3 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2020

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria