Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Luns, 24 de febreiro de 2020 Páx. 13324

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 4 de febreiro de 2020 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aproba as bases reguladoras das axudas para a redución do impacto Brexit nas empresas galegas con interese no mercado do Reino Unido (Cheque Brexit), e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG623A).

BDNS (Identif.): 496793.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas que cumpran algún dos seguintes requisitos:

a) Que Reino Unido sexa un dos seus 5 principais mercados intracomunitarios de exportación.

b) Que exportasen ao Reino Unido máis de 100.000 € nos tres últimos exercicios.

c) Que Reino Unido supoña un mínimo do 10 % da súa exportación intracomunitaria total.

Ademais deberán: a) estar constituídas como sociedade mercantil; b) ter algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia e c) estar ao día nas súas obrigas coa Facenda Pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto apoiar as empresas galegas mediante a realización de servizos de consultoría para a elaboración dun diagnóstico empresarial e/ou un plan de continxencia co fin de minorar os efectos do Brexit sobre as empresas galegas.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 4 de febreiro de 2020 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aproba as bases reguladoras das axudas para a redución do impacto Brexit nas empresas galegas con interese no mercado do Reino Unido (Cheque Brexit), e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG623A).

Cuarto. Importe

O crédito dispoñible para concesión nesta convocatoria aboarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.7708, coa seguinte distribución:

Pemes: 200.000 € con cargo ao ano 2020 e 400.000 € para o ano 2021.

Grandes empresas: 100.000 € con cargo ao ano 2020 e 300.000 € para o ano 2021.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de outubro de 2020, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2020

Zeltia Lado Lago
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica