Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Luns, 24 de febreiro de 2020 Páx. 13299

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 4 de febreiro de 2020 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a redución do impacto Brexit nas empresas galegas con interese no mercado do Reino Unido (Cheque Brexit), e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG623A).

O Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante, Igape), na súa xuntanza do 26 de novembro de 2019, acordou por unanimidade dos membros asistentes aprobar as bases reguladoras das axudas para a redución do impacto Brexit nas empresas galegas con interese no mercado do Reino Unido (Cheque Brexit), e facultou o director xeral para a súa convocatoria, a aprobación dos créditos e a publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras das axudas para a redución do impacto Brexit nas empresas galegas con interese no mercado do Reino Unido (Cheque Brexit) e convocar para o ano 2020 as ditas axudas en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG623A).

Segundo. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará 30 de outubro de 2020, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Terceiro. O crédito dispoñible para concesión nesta convocatoria aboarase con cargo á seguinte aplicación orzamentaria e polos seguintes importes e distribución plurianual:

Pemes

Código proxecto

Partida orzamentaria

Ano 2020

Ano 2021

Total

Convocatoria 2020

2019 00009

09.A1.741A.7708

200.000,00 €

400.000,00 €

600.000,00 €

Grandes empresas

Código proxecto

Partida orzamentaria

Ano 2020

Ano 2021

Total

Convocatoria 2020

2019 00009

09.A1.741A.7708

100.000,00 €

300.000,00 €

400.000,00 €

O director xeral do Igape poderá ampliar os créditos, logo de declaración da súa dispoñibilidade, como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, mediante resolución publicada para o efecto.

O crédito non comprometido de pemes incorporarase ao de grandes empresas e viceversa, de ser o caso.

Cuarto. Prazos de duración do procedemento, de execución do proxecto e para solicitar o cobramento.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de 5 meses desde a data de presentación da solicitude e, transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

O prazo de execución para a realización dos servizos de consultoría obxecto de apoio iniciarase na data de presentación da solicitude de axuda e rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 15 de novembro de 2020 para as solicitudes con accións que se realicen ata esta data, e do 30 de xullo de 2021 para solicitudes con accións que se realicen ata esta data. Estas dúas datas, en cada caso, son as datas últimas admisibles de facturación e pagamento. Dentro deste prazo de execución deberase presentar a solicitude de cobramento. As accións realizadas entre o 16 de novembro de 2020 e o 31 de decembro de 2020 poderán ser imputadas ao 2021.

Quinto. Os requisitos das letras c), e), f), h), i), k), l), m) e n) do artigo 20.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, Lei 9/2007), indícanse nas bases anexas a esta resolución.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2020

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases reguladoras das axudas para a redución do impacto Brexit nas
empresas galegas con interese no mercado do Reino Unido (Cheque Brexit)

Hoxe en día, as novas ameazas e oportunidades que poida xerar a saída do Reino Unido da Unión Europa son descoñecidas. O principal damnificado desta situación vai a ser o propio Reino Unido, pero o resto de países membros da Unión Europea tamén se van ver seriamente afectados.

No caso de Galicia, o Reino Unido sempre foi un dos principais mercados para as empresas galegas, polo que se prevé que ante a nova situación económica se xere unha importante incerteza.

Co ánimo de poder clarificar na medida do posible a situación e minorar os efectos sobre as empresas galegas, o Igape está a desenvolver unha serie de accións específicas que se poden complementar entre elas. Unha destas accións é esta liña de axudas.

A convocatoria desta liña de axudas será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da Dirección Xeral do Igape. A convocatoria incluirá o procedemento de tramitación, o prazo de presentación de solicitudes e os créditos asignados.

Estas bases outorgaranse en réxime de concorrencia non competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007.

Na súa consecuencia, serán subvencionables todos os proxectos que cumpran os requisitos establecidos nestas bases reguladoras, sen necesidade de establecer comparacións entre os proxectos nin unha orde de prelación entre eles, tendo en conta, ademais, a oportunidade de que a tramitación dos expedientes sexa rápida e con prazos de solicitude abertos, pola dificultade de planificar as accións nese mercado, tendo en conta a incerteza que se vai crear ante esta posible nova situación económica.

Artigo 1. Obxecto

Estas axudas teñen como obxecto apoiar as empresas galegas mediante a realización de servizos de consultoría para a elaboración dun diagnóstico empresarial e/ou un plan de continxencia na procura de minorar os efectos do Brexit sobre as empresas galegas.

Artigo 2. Procedemento e réxime de aplicación

1. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria, salvo que se realice unha nova convocatoria ou se produza un incremento de créditos derivados dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo, ao abeiro do disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007.

3. As axudas recollidas nesta base incardínanse no réxime de axudas de minimis establecido no Regulamento (UE) nº 1407/2013, da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352/1, do 24 de decembro); no Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño), e no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro), modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro de 2019 (DOUE L 51, do 22 de febreiro).

Artigo 3. Concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

1. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere a contía establecida no artigo 3.2 destas bases.

2. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis, non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar os 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios.

3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Igape tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente a documentación xustificativa do proxecto realizado. Antes de conceder e pagar a axuda, solicitarase da empresa unha declaración sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

Artigo 4. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas que cumpran algún dos seguintes requisitos:

a) Que o Reino Unido sexa un dos seus 5 principais mercados intracomunitarios de exportación.

b) Que exportasen ao Reino Unido máis de 100.000 € nos tres últimos exercicios.

c) Que o Reino Unido supoña un mínimo do 10 % da súa exportación intracomunitaria total.

2. Tamén deberán cumprir o seguinte:

a) Que estean constituídas como sociedade mercantil.

b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que estean ao día nas súas obrigas coa Facenda Pública Estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

b) As empresas en crise, de acordo coa definición establecida no punto 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014.

c) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.

Artigo 5. Condicións dos conceptos subvencionables

1. Serán subvencionables os servizos de consultoría que se materialicen nos seguintes conceptos:

a) Diagnóstico empresarial: comprenderá unha análise do negocio da empresa co Reino Unido en termos de clientes/provedores/dependencias loxísticas (cadea de subministración ou de comercialización), marco legal e regulatorio, marco financeiro e fiscal e o nivel de implantación da empresa no país e as súas repercusións, con identificación do grao de exposición da empresa ante os efectos do Brexit no seu negocio, e comprenderá o nivel de preparación para enfrontarse a eses cambios e identificará os aspectos máis relevantes para actuar con base na súa situación actual.

b) Plan de continxencia Brexit: incluíndo unha folla de ruta das diferentes accións que a empresa tería que abordar en cada ámbito (estratexia, mercados, operacións, marco legal e regulatorio, marco financeiro e fiscal, e alfándegas) con identificación e deseño de accións concretas para mitigar os riscos a que está exposta a empresa.

As empresas solicitantes deben acreditar que a consultora ou consultoras que vaian prestar estes servizos cumpren os seguintes requisitos: a) que se trate dunha consultora do Reino Unido ou dunha consultora que conte cun acordo explícito de colaboración con outra do Reino Unido para a prestación do servizo; b) ter realizado, polo menos, 5 servizos de asesoramento en temática de Brexit.

2. Os gastos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. Non se poderá incorrer en ningún dos custos alegados sobre os cales se solicita a subvención con carácter previo a esta presentación; de ser así, o proxecto no seu conxunto sería non subvencionable.

3. O período de execución dos gastos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución da convocatoria. Calquera gasto realizado fóra deste período non será subvencionable.

4. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante nin cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose esta vinculación nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

5. Cando o importe subvencionable dos servizos que se van adquirir a un mesmo provedor supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no caso de prestación do servizo, no momento de publicar estas bases), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á prestación do servizo, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que o presten. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia, asinado polo representante legal ou por un experto independente.

6. En ningún caso os gastos dos servizos subvencionables poderán ser superiores ao valor do mercado.

7. O gasto máximo subvencionable dos servizos solicitados de acordo co artigo 5 será o seguinte:

a) Pemes: 25.000 €.

b) Grandes empresas: 40.000 €.

De se superaren estes gastos máximos, axustarase o gasto subvencionable a estes límites máximos.

8. Admitirase unha única solicitude por empresa.

Artigo 6. Contía da axuda

A subvención será dun máximo do 80% dos gastos subvencionables recollidos no artigo 5, coa seguinte distinción dependendo do tipo de solicitante:

Tipo de empresa solicitante

Pemes

Empresas con ata 500 empregados

Empresas con máis de 500 empregados

80 %

70 %

60 %

Artigo 7. Solicitude e documentación complementaria necesaria para a tramitación

1. Forma e lugar de presentación das solicitudes:

Para presentar a solicitude, a entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do servizo para o cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

No devandito formulario a entidade solicitante realizará as seguintes declaracións:

a) Que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeita de fraude.

b) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular a normativa en materia de subvencións, cando proceda.

c) Que non pode ser considerada unha empresa en crise conforme o disposto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

d) Que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do servizo para o cal se solicita a axuda.

e) Como se cualifica segundo os criterios da definición de peme establecidos pola Comisión Europea no Regulamento (UE) nº 651/2014: pequena empresa, mediana empresa ou gran empresa.

f) Que non iniciou os servizos e que non existe acordo irrevogable para realizalos.

g) Que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados.

h) Que conservará os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e do aboamento dos custos subvencionables durante un período de catro anos desde a finalización do prazo de execución do proxecto.

2. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou aquelas en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda; transcorrido este, considerarase que desisten da súa petición, logo de resolución de arquivamiento.

No caso de presentala de xeito presencial, o Igape requirirá o solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, os solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma@firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación:

http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferido este ao Igape, anotarase unha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.

4. A solicitude deberá presentarse xunto coa seguinte documentación complementaria:

a) Modelo 349 (declaración informativa de operacións intracomunitarias) presentado ante a Axencia Tributaria nos anos 2017, 2018 e 2019, co fin de acreditar os requisitos establecidos no artigo 4.1, epígrafes a), b) e c).

b) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil ou as inscritas que se opoñan expresamente a que o Igape consulte estes datos.

c) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 5.5 destas bases reguladoras.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

5. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude: todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE).

e) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda.

h) Documentación depositada no Rexistro Mercantil, segundo o artigo 7.4 destas bases.

i) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

j) Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio (anexo I) e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Órganos competentes

O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención será a Área de Internacionalización do Igape e a competencia para ditar a resolución que poña fin ao procedemento na vía administrativa correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape.

Artigo 10. Instrución dos procedementos

1. As solicitudes de axuda serán avaliadas polos servizos técnicos do Igape en función dos datos relativos ao solicitante e dos datos declarados na solicitude de axuda e no formulario electrónico.

2. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, logo da correspondente resolución.

3. Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar proposta de resolución, porase de manifesto aos interesados para que, no prazo de dez días, poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

Artigo 11. Resolución

1. A Área de Internacionalización do Igape ditará proposta de resolución con base neste procedemento, e elevaraa ao director xeral do Igape, quen resolverá a concesión das subvencións por delegación do Consello de Dirección do Igape.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, a contía da subvención e as obrigas que lle correspondan ao beneficiario.

3. Na resolución denegatoria de axuda farase constar o motivo da denegación.

4. As notificacións das resolucións e actos administrativos do procedemento practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape no enlace tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor, e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción electrónico).

5. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria; transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

Artigo 12. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Potestativamente, recurso previo de reposición, ante o director xeral do Igape, por delegación do Consello de Dirección do Igape, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.

Artigo 13. Modificación da resolución

Unha vez ditada resolución de concesión, non se admiten modificacións. A reasignación de gastos entre conceptos subvencionables (Diagnóstico empresarial e Plan de continxencia Brexit) non se considera modificación.

Artigo 14. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios:

a) Ter elaborado o diagnóstico empresarial e/ou un plan de continxencia no prazo establecido na resolución de concesión.

b) Xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización do servizo e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas. Para tal fin, deberá dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos custos subvencionables, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control, polo menos, un período de catro anos desde a finalización do prazo de execución do servizo.

d) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados.

e) Comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien os gastos subvencionados, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, coa solicitude de cobramento da subvención. En ningún caso o importe da subvención poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas doutras administracións públicas, supere o importe establecido no artigo 6 destas bases.

f) Cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público: en todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, o beneficiario deberá recoñecer o apoio do Igape e da Xunta de Galicia, incluíndo a imaxe institucional do Igape e da Xunta de Galicia e a marca turística de Galicia. Esta publicidade deberá divulgarse na páxina web da empresa, seguindo as normas e instrucións contidas no manual de imaxe corporativa da Xunta de Galicia (Decreto 409/2009, do 5 de novembro, DOG nº 227, do 19 de novembro). Os logotipos poderanse descargar no enderezo da internet http://www.igape.es.

g) Reintegrar dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007.

h) No caso de non ser quen de realizar o proxecto para o cal se solicita a axuda, comunicar a renuncia ao expediente solicitado no momento en que se produza a certeza de non execución e, en todo caso, sempre con anterioridade ao vencemento do prazo de execución concedido para o proxecto.

i) Todo isto sen prexuízo das demais obrigas que resulten do artigo 11 da Lei 9/2007.

Artigo 15. Xustificación da subvención

1. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario, dentro do prazo establecido na resolución de convocatoria, deberá cubrir previamente o formulario electrónico de liquidación a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://tramita.igape.es. Deberán cubrirse necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico de liquidación (IDEL), que identificará univocamente a solicitude de cobramento. O dito formulario conterá os requisitos establecidos no artigo 48 do Decreto 11/2009 para a presentación da conta xustificativa, incluída unha relación detallada dos outros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada.

2. O beneficiario deberá presentar a solicitude de cobramento mediante o formulario normalizado (anexo II) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDEL obtido no paso anterior. As solicitudes de cobramento que carezan do IDEL ou aquelas en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) poderán dar lugar ao inicio do expediente de incumprimento no caso de non seren corrixidas, logo de requirimento formulado para tal fin.

3. Unha vez xerada a solicitude de cobramento na aplicación informática, o beneficiario deberá presentala obrigatoriamente por vía electrónica.

4. No caso de que a solicitude de cobramento non se presentase en prazo ou a xustificación fose incorrecta, requirirase o beneficiario para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días hábiles. A falta de presentación da xustificación no prazo improrrogable establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007, segundo o disposto no artigo 45.2 do seu regulamento. A presentación da xustificación neste prazo adicional non eximirá o beneficiario das sancións que conforme a lei correspondan. A xustificación cumprirá, en todo caso, os requisitos establecidos nos artigos 28 e 30 da devandita Lei 9/2007.

5. Xunto coa solicitude de cobramento, o beneficiario da axuda presentará a seguinte documentación

a) Documentación xustificativa do gasto: documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007 e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberá conter suficiente información que permita relacionalas co gasto xustificado.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas, deberá achegarse unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel.

b) Documentación xustificativa do pagamento, conforme o pagamento foi realizado efectivamente dentro do prazo de execución do proxecto, por algún dos seguintes medios:

1º. Xustificante de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario, ou xustificante electrónico de transferencia bancaria en que conste o código de verificación na sede electrónica da entidade bancaria ou outro mecanismo que garanta a veracidade do xustificante. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e o importe da factura. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor, nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

2º. Informe de auditor de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que deberá manifestarse sobre o período de realización (facturación) e pagamento dos gastos alegados, así como sobre a existencia ou non de aboamentos ou devolucións posteriores que poidan supoñer unha redución no valor patrimonial dos bens alegados como subvencionables no expediente.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase xuntar unha relación delas, asinada polo representante legal.

No suposto de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ás accións subvencionadas, a xustificación do pagamento débese realizar sempre mediante algún dos medios sinalados nos puntos anteriores para as facturas alegadas nas accións e, ademais, algún dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados, orde de pagamentos da empresa selada polo banco ou carta de recepción asinado polo provedor, para os efectos de identificar as facturas non referidas ás accións subvencionadas.

As facturas en moeda estranxeira deben presentarse con copia dos documentos bancarios de cargo en que conste o cambio empregado.

c) As tres ofertas que deba ter solicitado o beneficiario, de acordo co establecido no artigo 5.5 das bases, no caso de non achegalas coa solicitude de axuda.

d) Cumprimento da obrigatoriedade de publicidade do financiamento público citada no artigo 14.f) das bases.

e) Declaración sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso para as mesmas accións, que se deberá cubrir no formulario electrónico de liquidación.

f) Para os gastos de consultoría indicados no artigo 5.1 debe achegarse copia dos documentos obxecto de axuda.

O Igape poderá solicitar as aclaracións pertinentes á documentación presentada.

O beneficiario deberá cubrir na ficha resumo de facturas do formulario electrónico de liquidación os seguintes datos relativos á contabilidade en que se reflictan os gastos subvencionados para acreditar a obriga establecida no artigo 14.d): número de asento, data do asento e número de conta contable, xunto cunha declaración responsable do beneficiario de que estes datos reflicten a realidade contable da acción subvencionada.

O beneficiario deberá presentar a documentación xustificativa polos mesmos medios que os establecidos no artigo 7 para a presentación da documentación complementaria á solicitude.

O beneficiario responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo ca copia electrónica presentada.

6. En todos os casos, os beneficiarios deberán estar ao día nas súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social. No caso de que o beneficiario se opoña expresamente a que o Igape solicite as certificacións, deberán achegarse xunto co resto da documentación xustificativa.

7. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativos e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá supor a modificación ou revogación da concesión e o reintegro, total ou parcial, das cantidades previamente aboadas.

Artigo 16. Aboamento das axudas

O aboamento da axuda realizarase unha vez que o Igape considere xustificada a realización e o pagamento do servizo e o cumprimento das condicións dentro do prazo establecido na resolución de concesión.

Os órganos competentes do Igape poderán solicitar as aclaracións, orixinais da documentación ou informes relativos á xustificación do proxecto que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, o Igape iniciará o correspondente procedemento de incumprimento.

O réxime de pagamento deberá cumprir o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007 e no título IV do seu regulamento.

Artigo 17. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do servizo, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar, se é o caso, á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007.

3. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Igape o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización do servizo e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou desfrute da subvención.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou de control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Non dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso.

e) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

f) Non comunicar ao Igape a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

g) Non comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

h) Non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos custos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados.

4. Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deben reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento supera o 50 % da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total e deben reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de demora.

Artigo 18. Réxime sancionador

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Igape para o seguimento das accións aprobadas e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 20. Comprobación de subvencións

1. O Igape comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización do servizo e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.

O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de investimento será de catro anos desde a finalización do prazo de execución do proxecto.

2. Para todo o non previsto nos puntos anteriores será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007 e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 21. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, o Igape publicará na súa páxina web oficial e no Diario Oficial de Galicia a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade. Cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 €, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Igape.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, o beneficiario da subvención está obrigado a subministrar toda a información necesaria para que o Igape poida cumprir ás obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia. A cesión de datos de carácter persoal que debe efectuarse á Intervención Xeral da Administración do Estado para os efectos de publicar as subvencións concedidas na Base de datos nacional de subvencións non requirirá o consentimento do beneficiario.

Artigo 22. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia –Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)–, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e reflictirase esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados, conforme o descrito nas presentes bases reguladoras a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Artigo 23. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase a seguinte normativa:

a) Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013); Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28 de xuño de 2014), e Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), modificado polo Regulamento (UE) nº 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro de 2019 (DOUE L 51, do 22 de febreiro de 2019).

b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

d) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

e) Resto da normativa que resulte de aplicación.

missing image file
missing image file
missing image file