Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 37 Luns, 24 de febreiro de 2020 Páx. 13292

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 17 de febreiro de 2020 pola que se convoca o curso superior de Xestión de entidades deportivas: retos e desafíos.

Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2020, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar o curso superior de Xestión de entidades deportivas: retos e desafíos, de acordo coas seguintes bases:

1. Obxectivos.

Un dos piares fundamentais sobre os que se sustenta o deporte o constitúen as diferentes entidades que artellan a práctica deportiva: clubs, federacións ou asociacións. A complexidade á hora de administrar, xestionar e dirixir este tipo de organizacións é crecente, dado que están a experimentar un proceso constante de axuste debido a factores como a profesionalización e comercialización do deporte, a súa crecente relevancia social e a contorna onde desenvolven a súa actividade, o que se traduce nunha variedade de formas estruturais.

É por iso que mediante este curso preténdese achegar ás persoas destinatarias as principais cuestións referentes ao proceso de xestión das entidades deportivas, facendo especial fincapé nos aspectos económicos, procedementais e lexislativos desde un punto de vista eminentemente práctico.

2. Contidos.

2.1. Marco legal (4 horas, 1 sesión):

a) Aproximación ao marco xurídico-deportivo.

b) Regulación específica da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Normativa de aplicación.

d) Subvencións e outras axudas públicas.

e) Procedementos administrativos.

2.2. Ferramentas de xestión (4 horas, 1 sesión):

a) Planificación anual.

b) Orzamento de explotación.

c) Cadro de mando e indicadores de xestión.

2.3. Xestión económica e financeira (4 horas, 1 sesión):

a) Orzamentos e estimacións.

b) Cálculo de custos.

c) Control orzamentario e seguimento económico. 

d) Tesouraría.

2.4. Análise de datos e xestión da calidade (4 horas, 1 sesión):

a) Introdución á análise de datos.

b) Calidade do servizo.

c) Xestión de datos.

d) Consumidores, clientes e usuarios.

2.5. Márketing deportivo (4 horas, 1 sesión):

a) O cliente como razón de ser.

b) Concepto de márketing.

c) Plan de márketing.

d) Design thinking.

2.6. Cuestións transversais (8 horas, 2 sesións):

a) Riscos e seguridade.

b) Responsabilidades legais.

c) Recursos humanos.

d) Novas tecnoloxías.

2.7. Traballo autónomo do alumnado (12 horas):

a) Planificación de xestión de organización deportiva.

b) Plan de mellora aplicado.

3. Número de prazas: 80.

4. Persoas destinatarias.

Este curso diríxese ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia (autonómica e local), dos seus entes instrumentais, e das universidades do Sistema universitario de Galicia con responsabilidade na xestión de entidades e instalacións deportivas.

No caso de non cubrirse a totalidade das prazas convocadas, ás vacantes que resulten poderán acceder outras persoas interesadas nos contidos do curso.

Para os efectos do establecido na Resolución do Instituto Nacional de Administración Pública (INAP), do 26 de outubro de 1994 (BOE núm. 267, do 8 de novembro, e corrección no BOE núm. 311, do 29 de decembro), pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos da Administración local en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas, do 10 de agosto de 1994, e no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG núm. 52, do 16 de marzo, e corrección no DOG núm. 77, do 22 de abril), sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,75 puntos.

5. Desenvolvemento.

O curso desenvolverase na EGAP, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela, nas seguintes datas: 10, 17, 24 e 31 de marzo; 14, 21 e 28 de abril.

Horario: das 16.00 ás 20.00 horas.

Terá unha carga lectiva de 40 horas, distribuídas en 7 sesións presenciais (4 horas por xornada) + 12 horas non presenciais de traballo autónomo do alumnado.

6. Inscrición.

6.1. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 8.00 horas do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 2 de marzo de 2020.

6.2. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

6.3. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos nos puntos 4 e 8 desta convocatoria.

6.4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

7. Comprobación de datos.

7.1. Para a tramitación do procedemento consultaranse os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección desta actividade formativa.

7.2. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

7.3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal coa indicación expresa a este respecto e achegando os documentos que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración.

7.4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

8. Criterios de admisión.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes, dando preferencia ao persoal empregado público especificado no primeiro parágrafo de persoas destinatarias, punto 4 desta resolución.

9. Publicación da listaxe de persoas seleccionadas e prazo de presentación de alegacións.

9.1. Na epígrafe deste curso da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/) publicarase a listaxe de persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda ou atópanse excluídas de acordo co disposto no punto 6º dos criterios xerais establecidos na Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

O prazo de presentación de alegacións será de dous días contados desde a súa publicación.

9.2. Transcorrido o prazo de alegacións, publicarase na epígrafe deste curso da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/), a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso.

10. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

10.1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

10.2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia debe ser comunicada por correo electrónico, dirixido a novas.egap@xunta.gal, cunha antelación mínima de tres días anteriores ao comezo da actividade formativa, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

10.3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días, contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

11. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

12. Certificado electrónico de aproveitamento.

Ao final do curso emitirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2020

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública