Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Mércores, 26 de febreiro de 2020 Páx. 13592

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 6 de febreiro de 2020 pola que se convocan distintas liñas de subvencións para actuacións de rehabilitación xestionadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo para o ano 2020 (código de procedemento VI422E, programas de fomento da mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan 2018-2021, con carácter plurianual).

BDNS (Identif.): 496886.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta resolución:

a) As persoas físicas, xa sexan propietarias de vivendas unifamiliares, de edificios de tipoloxía residencial colectiva e das vivendas situadas nestes edificios.

b) As comunidades de persoas propietarias, así como as agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.

c) As agrupacións de persoas propietarias.

d) As persoas físicas inquilinas dunha vivenda que asuman, en virtude dun acordo coa persoa arrendadora, o custo das actuacións de rehabilitación que correspondan a cambio do pagamento da renda.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto convocar para a anualidade 2020, con carácter plurianual, as subvencións dos seguintes programas (código de procedemento VI422E) previstos no Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2018-2021 (en diante, Plan 2018-2021):

a) Liña A, Programa de fomento da mellora da eficiencia enerxética e da sustentabilidade en vivendas; a súa finalidade é financiar obras de mellora da eficiencia enerxética e da sustentabilidade, con especial atención á envolvente edificatoria.

b) Liña B, Programa de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas; a súa finalidade é financiar obras de conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade.

2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras son as contidas na Resolución do 15 de xullo de 2019 (DOG núm. 143, do 30 de xullo).

Cuarto. Importe

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451A.780.6 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte repartición plurianual:

Liñas de axudas

Aplicación

Importe 2020

Importe 2021

Total

Liña A, de fomento da mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas

07.83.451A.780.6

Proxecto 2018 0005-FFE

900.000 €

1.000.000 €

1.900.000 €

Liña B, de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas

07.83.451A.780.6

Proxecto 2018 0006-FFE

1.000.000 €

1.500.000 €

3.000.000 €

07.83.451A.780.6

Proxecto 2018 0002-FCA

500.000 €

Total

1.900.000 €

3.000.000 €

4.900.000 €

A concesión das axudas estará supeditada ao efectivo financiamento por parte do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana no marco do Plan 2018-2021.

2. Para a liña A), de fomento da mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas:

a) A contía unitaria básica da axuda por vivenda unifamiliar non poderá superar os 12.000 euros. A contía máxima da subvención será de 18.000 euros se na unidade de convivencia da persoa solicitante, propietaria ou inquilina, promotora da actuación e residente na vivenda hai unha persoa con discapacidade, e de 24.000 euros se a discapacidade da persoa é dalgún dos seguintes tipos: parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual ou discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %, ou discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

b) A contía máxima da subvención total que se concederá por edificio de tipoloxía residencial colectiva ou por vivenda situada neste tipo de edificios en ningún caso poderá superar o importe de multiplicar 8.000 euros por cada vivenda e 80 euros por cada metro cadrado de superficie construída de local comercial ou outros usos compatibles.

Para poder computar a contía establecida por cada metro cadrado de uso comercial ou outros usos será necesario que o predio correspondente participe nos custos de execución da actuación.

A contía máxima da subvención que se concederá por vivenda en edificio de tipoloxía residencial colectiva será de 12.000 euros se na unidade de convivencia da persoa solicitante propietaria ou inquilina, promotora da actuación e residente na vivenda hai unha persoa con discapacidade, e de 16.000 euros se a discapacidade da persoa é dalgún dos seguintes tipos: parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual ou discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %, ou discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

3. Para a liña B), de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas:

a) A contía máxima da subvención para as actuacións de conservación non poderá superar os 3.000 euros por vivenda e 30 euros por metro cadrado de superficie construída de local comercial ou outros usos compatibles, cando se solicita só para actuacións de conservación.

b) A contía máxima da subvención para actuacións de mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade, ou conxuntamente para estas últimas e para actuacións de conservación, será de 8.000 euros por vivenda e 80 euros por metro cadrado de superficie construída de local comercial ou outros usos compatibles.

Para poder computar a contía establecida por cada metro cadrado de uso comercial ou outros usos será necesario que os predios correspondentes participen nos custos de execución da actuación.

A axuda máxima para actuacións de mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade ou cando se realicen conxuntamente con actuacións de conservación será de 14.000 euros por vivenda se na unidade de convivencia da persoa propietaria ou inquilina, promotora da actuación e residente na vivenda hai unha persoa con discapacidade, e de 17.000 euros se a discapacidade da persoa é dalgún dos seguintes tipos: parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual ou discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %, ou discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.

4. Ás axudas unitarias básicas sinaladas inicialmente nos números 2 e 3 poderanse sumar 1.000 euros de axuda unitaria complementaria por vivenda para edificios de tipoloxía residencial colectiva ou en vivendas unifamiliares que estean declaradas ben de interese cultural (BIC), estean catalogados ou conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente. Neste caso e se ademais se trata de actuacións da liña A), de fomento da mellora da eficiencia enerxética e sustentabilidade en edificios de tipoloxía residencial colectiva, tamén se poderán sumar 10 euros de axuda unitaria complementaria por cada metro cadrado de superficie construída de uso comercial ou outros usos compatibles.

5. De conformidade co artigo 61 do Real decreto 106/2018, do 9 de marzo, as axudas unitarias previstas nos números 2 e 3 incrementaranse nun 25 %, cando as persoas beneficiarias sexan menores de 35 anos e as actuacións se realicen en concellos de menos de 5.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes publicadas polo Instituto Galego de Estatística na data da publicación da correspondente convocatoria.

6. A contía máxima das subvencións para as liñas A) e B) non poderá superar o 40 % do custo subvencionable da actuación, que se poderá incrementar ata o 75 % do custo subvencionable cando os ingresos da unidade de convivencia da persoa propietaria ou inquilina, promotora da actuación e residente na vivenda, sexan inferiores a tres veces o IPREM. Esta porcentaxe aplicarase se da documentación achegada coa solicitude e/ou das consultas efectuadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) resultan acreditados uns ingresos da unidade de convivencia da persoa propietaria ou inquilina, promotora da actuación e residente na vivenda, inferiores á citada contía. Así mesmo, esta porcentaxe do 75 % do custo subvencionable tamén se aplicará no caso de actuacións para a mellora da accesibilidade da liña B), se na unidade de convivencia da persoa solicitante, propietaria ou inquilina, promotora da actuación e residente na vivenda, hai unha persoa con discapacidade ou maior de 65 anos.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará, en todo caso, no momento de se esgotar o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2020

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo