Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Xoves, 27 de febreiro de 2020 Páx. 13763

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 2020 pola que se publica o plan de formación para o ano 2020 para o persoal da Policía Nacional con destino en Galicia.

De acordo co convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio de Interior para a colaboración en materia de formación e actualización do persoal dos corpos de seguridade do Estado destinados na Comunidade Autónoma de Galicia, publícase o plan de formación continua para o ano 2020 para o persoal da Policía Nacional con destino en Galicia. A Agasp desenvolverá, en colaboración directa coa Xefatura Superior de Policía de Galicia, os seguintes cursos dirixidos ao seu persoal, cuxas bases se especifican no anexo desta resolución.

Curso

Horas

Prazas

Edicións

Violencia de xénero

14

20

2

Menores

12

20

1

Primeiros auxilios

8

16

3

Novas tecnoloxías

12

20

2

Estranxeiría (básico)

16

20

1

Secuestros, extorsións

14

20

2

Protección de indicios, escena do delito

8

20

1

Seguridade cidadá

15

20

1

Escopeta policial

7

20

6

Localización artefactos explosivos

6

20

2

Condución evasiva

12

10

2

A Estrada, 18 de febreiro de 2020

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO

Bases

Primeira. Destinatarios

Persoal da Policía Nacional destinado en Galicia en servizo activo.

A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación nas accións formativas.

Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal cando esta se produza por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na recuperación.

No caso de considerarse oportuno, poderá acceder aos cursos persoal das forzas e corpos de seguridade pública que traballe en Galicia con competencias directas na materia que se vai desenvolver, para o cal se reservarán expresamente prazas.

Se as solicitudes para participar nun curso non superan as dez (10) persoas, a Agasp reserva para si a facultade de anular a actividade formativa.

Segunda. Lugar e datas

Os cursos desenvolveranse nas instalacións da Agasp.

As datas de cada curso estableceranse, polo menos, cunha antelación de vinte (20) días naturais ao da súa realización e comunicaráselles desde a Xefatura Superior de Policía de Galicia a todas as unidades para o coñecemento de todos/as os/as interesados/as.

Terceira. Solicitudes e criterios xerais de selección

As solicitudes faranse directamente á Secretaría Xeral da Xefatura Superior de Policía de Galicia, órgano encargado tamén da selección do alumnado. Os criterios de selección para cada acción formativa serán os indicados pola Secretaría Xeral da Xefatura Superior de Policía de Galicia. En caso de non haber especificidade ningunha, atenderanse os criterios de orde de inscrición e número de cursos realizados con anterioridade.

A Secretaría Xeral da Xefatura Superior de Policía de Galicia remitirá ao Servizo de Formación en Seguridade Pública da Agasp a listaxe do alumnado participante en cada acción formativa con, polo menos, cinco (5) días hábiles antes do comezo de cada actividade, con todos os datos precisos para realizar a inscrición de xeito correcto.

Cuarta. Asistencia aos cursos

1. É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións dos cursos.

Durante a realización dos cursos levarase un control permanente da asistencia a través dos sistemas que se establezan para o efecto e poderanse realizar controis de asistencia extraordinarios.

Unicamente se autorizará a ausencia por causas xustificadas e debidamente acreditadas, e en ningún caso poderá superar o 10 % das horas lectivas.

A ausencia xustificada superior ao 10 % do total das horas lectivas suporá a perda do dereito á expedición do diploma. No caso de haber unha segunda edición do curso en cuestión, o Servizo de Formación en Seguridade Pública poderá valorar a posibilidade de que o/a alumno/a poida recuperar as horas non realizadas na edición anterior; en todo caso, para poder valorar esta posibilidade non poden transcorrer máis de seis meses entre unha edición e a seguinte.

A falta de asistencia a un número superior ao 10 % das horas lectivas sen xustificación ou falta de acreditación documental da causa alegada non só dará lugar á perda do dereito ao diploma do curso senón tamén á penalización coa non participación en cursos da Agasp durante un ano, contado desde o día seguinte ao da finalización do curso.

2. O alumnado asistirá aos cursos co uniforme regulamentario. No caso de non facelo e non existir causa suficientemente xustificada, a Agasp poderá impedir a asistencia ao curso e non emitirá ningún diploma nin certificado acreditativo.

Quinta. Certificación

Para poder superar os cursos, o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se levará a cabo ao remate destes no caso de que os ditos cursos figuren con aproveitamento.

Sexta. Desenvolvemento dos cursos

1. A Agasp poderá suspender a realización de actividades formativas convocadas cando sexa necesario por motivos técnicos ou insuficiencia de solicitudes de participación.

2. A Agasp poderá modificar as datas, os horarios, os contidos e o desenvolvemento dos cursos, así como resolver todas as continxencias e incidencias que poidan xurdir, sen necesidade dunha nova publicación no DOG.

3. A Agasp poderá programar cursos diferentes cando así veña exixido por circunstancias que afecten a organización, xestión e docencia.