Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Xoves, 27 de febreiro de 2020 Páx. 13760

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 2020 pola que se publica o Plan de formación para o ano 2020 do persoal da Unidade da Policía Nacional adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia (UPA).

Tras aprobado o Programa anual de actividades para o ano 2020 da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) polo Consello Reitor na súa xuntanza do 14 de febreiro de 2020, de acordo co establecido no artigo 9.2.b) da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Agasp, publícase a seguir a listaxe de cursos que compoñen o plan de formación para o ano 2020 para o persoal da Unidade da Policía Nacional adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia (UPA), cuxas bases se especifican no anexo I desta resolución.

Denominación do curso

Horas

Prazas

Edicións

Primeiros auxilios (DESA)

8

16

4

Actuación policial ante incendios forestais

30

20

1

Violencia de xénero (Curso CAE Policía Nacional)

30

20

1

Actualización en documentación policial

8

20

1

Actualización en Medio Ambiente

5

20

1

Curso teórico práctico sobre o control de transportes en redes viarias (instalación de medios, medidas de seguridade, aplicación ao nematodo)

10

20

1

Curso administrativo de policía teórico-práctico sobre datos básicos necesario na confección de documentos propios UPA (actas, oficios)

5

20

1

Curso de pesca fluvial

5

20

1

Rastrexo e rescate de persoas desaparecidas

15

20

1

Traslado de obras de arte

30

20

1

A Estrada, 18 de febreiro de 2020

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO I

Bases

Primeira. Destinatarios

Persoal da Unidade da Policía Nacional adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia en servizo activo. A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación nas accións formativas. Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal, cando esta veña producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na recuperación.

No caso de estimarse oportuno, poderá acceder aos cursos persoal das forzas e corpos de seguridade pública que traballen en Galicia con competencias directas na materia que se vai desenvolver, e reservaranse expresamente prazas para eles.

Se as solicitudes para participar nun curso non superan as 10 persoas, a Agasp reservase a facultade de anular a actividade formativa.

Segunda. Lugar e datas

Os cursos desenvolveranse nas instalacións da Agasp.

As datas de cada curso estableceranse polo menos con unha antelación de 20 días naturais antes da súa realización, e comunicarase desde a Xefatura da UPA a todas as unidades para o coñecemento de todos/as os/as interesados/as.

Terceira. Solicitudes e criterios xerais de selección

As solicitudes faranse directamente á Xefatura da UPA, órgano encargado tamén da selección do alumnado. Os criterios de selección para cada acción formativa serán os indicados pola Xefatura da UPA. En caso de non haber especificidade ningunha, atenderase a criterios de orde de inscrición e número de cursos realizados con anterioridade. A Xefatura da UPA remitiralle ao Servizo de Formación en Seguridade Pública da Agasp a listaxe do alumnado participante en cada acción formativa, polo menos, 5 días hábiles antes do comezo de cada actividade, con todos os datos precisos para realizar a inscrición de maneira correcta.

Cuarta. Asistencia aos cursos

1. É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións dos cursos:

Durante a realización dos cursos levarase un control permanente da asistencia a través dos sistemas que se establezan para o efecto, e poderán realizarse controis de asistencia extraordinarios.

Unicamente se autorizará a ausencia por causas xustificadas e debidamente, acreditadas e en ningún caso poderá superar o 10 % das horas lectivas.

A ausencia xustificada superior ao 10 % do total das horas lectivas suporá a perda do dereito á expedición do diploma; no caso de haber unha segunda edición do curso en cuestión, o servizo de Formación en Seguridade Pública poderá valorar a posibilidade de que o/a alumno/a poida recuperar as horas non realizadas na edición anterior en todo caso para poder valorar esta posibilidade non poden transcorrer máis de seis meses entre unha edición e a seguinte.

A falta de asistencia dun número superior ao 10 % das horas lectivas sen xustificación ou falta de acreditación documental da causa alegada no só dará lugar a perda do dereito ao diploma do curso, senón tamén á penalización coa non participación en cursos da Agasp durante un ano, contado desde o día seguinte ao da finalización do curso.

2. O alumnado asistirá aos cursos co uniforme regulamentario. No caso de non facelo e non existir causa suficientemente xustificada, a Agasp poderá impedir a asistencia ao curso e non emitirá diploma nin certificado acreditativo ningún.

Quinta. Certificación

Para poder superar os cursos o alumnado deberá superar unha proba de avaliación que se levará a cabo ao remate destes no caso de que os ditos cursos figuren con aproveitamento.

Sexta. Desenvolvemento dos cursos

1. A Agasp poderá suspender a realización de actividades formativas convocadas cando sexa necesario por motivos técnicos ou insuficiencia de solicitudes de participación.

2. A Agasp poderá modificar as datas, horarios, contidos e desenvolvemento dos cursos, así como resolver todas as continxencias e incidencias que poidan xurdir sen necesidade dunha nova publicación no DOG.

3. A Agasp poderá programar cursos diferentes cando así veña exixido por circunstancias que afecten a organización, xestión e docencia.