Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Luns, 2 de marzo de 2020 Páx. 14151

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 20 de febreiro de 2020 pola que se convoca un curso básico selectivo para o acceso á categoría de policía, escala básica dos corpos de policía local.

Dentro das actividades programadas para o ano 2020, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase o desenvolvemento dun curso selectivo para a categoría de policía dos corpos de policía local, segundo o previsto no artigo 35.2 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación das policías locais, e no artigo 16 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, que se deberá desenvolver conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Dotar os policías dunha formación teórico-práctica de carácter inicial, específica para as funcións propias dos corpos de policía local, mediante a cal se lles faciliten a competencia e capacidade necesarias para o posterior desempeño da súa actividade profesional.

Destinatarios/as.

O curso vai dirixido a todas aquelas persoas que superaron os procesos selectivos para o acceso á categoría de policía, escala básica dos corpos da policía local dos diferentes concellos de Galicia, e para a súa realización son nomeados funcionarios/as en prácticas deses concellos.

Solicitudes.

1. Os concellos deberán remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade Pública en que soliciten as correspondentes prazas de reserva, con indicación das persoas que superaron as correspondentes probas de oposición á categoría de policía.

Estarán exentos desta comunicación aqueles concellos adheridos á convocatoria unificada.

2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 5 de marzo de 2020.

Contido e duración do curso.

O curso desenvolverase en réxime de internado, na sede Academia Galega de Seguridade Pública, en sesións de mañá e tarde, de luns a venres, e nel trataranse, entre outros, os seguintes módulos:

– Xurídico.

– Policía de tráfico.

– Operativo.

– Asistencial.

– Técnico.

– Policía administrativa.

– Social-humanístico.

– Policía xudicial e de investigación.

– Formación física.

O curso terá unha duración de nove meses, seis meses de formación teórica na Agasp e tres meses de prácticas nos respectivos concellos de procedencia.

Desenvolvemento do curso.

O alumnado da Academia Galega de Seguridade Pública, durante o seu período de permanencia nela, rexerase polo Regulamento de réxime interior desta, publicado mediante a Orde do 4 de febreiro de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no DOG do 12 de febreiro (núm. 30).

De acordo co establecido no artigo 59 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, e no artigo 25.e) do Regulamento de réxime interior da Academia, mediante orde da xefatura de ensino poderanse levar a cabo as probas necesarias, sen aviso, de xeito aleatorio ou específico entre o alumnado para verificar esas situacións.

Datas:

– Este curso desenvolverase entre o 12 de marzo e o 30 de novembro de 2020 na forma que a seguir se indica:

– Na Academia, en dous períodos:

1. Do 12 de marzo ao 19 de xuño de 2020.

2. Do 7 de setembro ao 13 de novembro de 2020.

– Nos concellos de procedencia, realizando o período de prácticas:

1. Do 20 de xuño ao 6 de setembro de 2020.

2. Do 14 ao 30 de novembro de 2020.

Certificado.

De acordo co previsto no artigo 19 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro, de desenvolvemento da Lei 4/2007, unha vez superado o curso e o período de prácticas, a Agasp emitirá un informe en que certifique a dita superación, de xeito que o concello de pertenza poida proceder ao nomeamento como persoal funcionario de carreira e á toma de posesión na categoría de policía.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 20 de febreiro de 2020

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública