Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Mércores, 4 de marzo de 2020 Páx. 14673

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se inclúe no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia o cruceiro de Isabel García Blanco ou cruceiro da finca Simeón, sito no parque de Vista Alegre no concello de Santiago de Compostela.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e segundo o teor do disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía para Galicia, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. No exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (en diante, LPCG).

No artigo 8.3 da dita Lei 5/2016 indícase que: «Terán a consideración de bens catalogados aqueles bens e manifestacións inmateriais non declarados de interese cultural que polo seu notable valor cultural sexan incluídos no Catalogo do patrimonio cultural de Galicia a través de calquera dos procedementos de inclusión previstos nesta lei. En todo caso, integraranse no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia os bens expresamente sinalados nesta lei».

O artigo 10 da LPCG establece que os bens inmobles catalogados se integraran nalgunhas das categorías, entre as que define a de monumento como a obra ou construción que constitúe unha unidade singular recoñecible de relevante interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, industrial ou científico e técnico.

Segundo o artigo 91.3.a) da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, (LPCG), para os efectos da súa posible declaración de interese cultural ou catalogación, presúmese o valor etnolóxico dos hórreos, os cruceiros, as cruces de mortos, as de termo e os petos de ánimas, sempre que conserven de forma suficiente a súa integridade formal e construtiva e os aspectos característicos que determinan a súa autenticidade.

O cruceiro, sito na finca Simeón, hoxe parque de Vista Alegre, na parroquia de San Xoán de Vista Alegre de Santiago de Compostela, está atribuído a Francisco Hipólito Asorey González e foi elaborado por encargo dun dos fillos de Isabel García Blanco, filla de Simeón García de Olalla de la Riva, fundador da empresa téxtil Almacenes Simeón e máis tarde do Banco Simeón, para homenaxe a súa nai. O propio escultor dispuxo, en 1952, esta localizacion.

Cómpre ter en conta que Simeón García Olalla de la Riva e a súa filla foron grandes benfeitores da cidade de Santiago de Compostela; a eles debéuselles a fundación da Escola da Inmaculada, o Hospital da Esperanza e o Cottolengo, entre outras institucións emblemáticas da cidade compostelá, o que determina o seu interese histórico e antropolóxico.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, logo do informe favorable dos seus servizos técnicos, emitiu a resolución pola que incoou o procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia do cruceiro da finca Simeón en Vista Alegre, Santiago de Compostela, con data do 20.9.2018 (DOG núm. 189, do 3 de outubro).

Coa publicación da resolución tamén se iniciou un período de información pública e foron notificados os interesados. Neste proceso non se presentou ningunha alegación nin oposición ao procedemento incoado nin aos seus termos e alcance.

Por tanto, á vista dos documentos que forman parte deste expediente, e despois de realizar os trámites legais previstos, é polo que, no exercicio da competencia da inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia prevista no artigo 28 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e que foi delegada na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural pola Orde do Conselleiro de Cultura e Turismo, do 21 de marzo de 2019 (DOG núm. 63, do 1 de abril),

RESOLVO:

Primeiro. Acordar a inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia do cruceiro de Isabel García Blanco ou cruceiro da finca Simeón, no Parque de Vista Alegre en Santiago de Compostela (A Coruña) como ben inmoble coa categoría de monumento e nivel de protección integral, consonte o especificado no anexo desta resolución.

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia, data a partir da cal se producirá a súa inclusión no catálogo con carácter definitivo.

Terceiro. Notificar esta resolución ás persoas interesadas e ao Concello de Santiago de Compostela.

Cuarto. Segundo o disposto no artigo 35.5 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, esta catalogación obriga o concello a incorporar esta circunstancia ao seu planeamento urbanístico e a establecer as determinacións específicas para o seu réxime de protección e conservación.

Disposición derradeira

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2020

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral de Patrimonio Cultural

ANEXO

Identificación e descrición

1. Denominación:

Cruceiro de Isabel García Blanco, cruceiro da finca Simeón ou cruceiro do Parque de Vista Alegre.

2. Localización:

• Lugar: parque de Vista Alegre.

• Parroquia: San Xoán de Vista Alegre.

• Concello: Santiago de Compostela.

• Provincia: A Coruña.

• Coordenadas ETRS 89 Fuso UTM 29: X: 537.007 Y: 4.742.244.

3. Descrición:

Cruceiro elevado sobre unha plataforma gradada de tres chanzos cuadrangulares, presenta unha base monolítica sen inscrición e un fuste de sección cuadrangular de arestas vivas na base, onde aparece a data 1952, no reverso, e a inscrición conmemorativa no anverso («Dedicado por las casas Simeón García a Isabel García Blanco en el LXXX aniversario de su nacimiento»).

Un sinxelo capitel corintio serve de apoio para a cruz con Xesucristo crucificado con catro cravos no anverso e a escena da Visitación de María a Isabel.

O tema iconográfico, tamén chamado «o abrazo», da Virxe María na visita á súa prima Isabel, ambas en estado de boa esperanza de forma milagrosa, é absolutamente excepcional nos cruceiros galegos e debe relacionarse co nome da muller que se conmemora no cruceiro.

4. Natureza e categoría:

• Natureza: ben material inmoble.

• Categoría: monumento.

• Nivel: integral.

• Ben cultural específico: patrimonio artístico.

• Valor Cultural: artístico, histórico e antropolóxico.

5. Contorno de protección:

Ao tratarse dun elemento situado dentro dun predio protexido no Plan especial de protección e rehabilitación da cidade histórica PE-1, aprobado o 24 de marzo do 1997, que inclúe a finca de Vista Alegre no Catálogo de xardíns e elementos naturais, non resulta necesario establecer un contorno de protección específico e estímanse suficientes as determinacións urbanísticas vixentes.