Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Mércores, 4 de marzo de 2020 Páx. 14662

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se regula o procedemento de comunicación de instalacións de autoconsumo conectadas en baixa tensión e potencia instalada menor a 100 kW, así como o procedemento de contestación das empresas distribuidoras (códigos de procedemento IN407B e IN407C).

O Real decreto 244/2019, do 5 de abril, polo que se regulan as condicións administrativas, técnicas e económicas do autoconsumo de enerxía eléctrica, establece no seu capítulo VII o rexistro administrativo de autoconsumo de enerxía eléctrica previsto no artigo 9.4 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

O Real decreto 244/2019 establece, no artigo 19, que o rexistro será telemático, declarativo e de acceso gratuíto, e terá como finalidade o seguimento da actividade de autoconsumo de enerxía eléctrica, desde o punto de vista económico e o seu impacto na sustentabilidade económica do sistema eléctrico, ao igual que a súa incidencia no cumprimento dos obxectivos de enerxías renovables e na operación do sistema, correspondendo á Administración xeral do Estado a toma de razón neste rexistro e a agregación e análise da información recollida nel.

Do mesmo xeito, o artigo 20 do citado real decreto recolle que para aqueles consumidores que realicen autoconsumo, conectados en baixa tensión, nos que a xeración sexa de baixa tensión e a potencia instalada de xeración sexa menor de 100 kW, a inscrición no rexistro de autoconsumo levarase a cabo de oficio polas comunidades autónomas nos seus respectivos rexistros a partir da información remitida a estas en virtude do Regulamento electrotécnico de baixa tensión, indicando que a comunicación dos datos do rexistro entre as comunidades autónomas e cidades de Ceuta e Melilla e o Ministerio de Transición Ecolóxica realizarase exclusivamente por medios telemáticos.

Así mesmo, mediante Resolución do 13 de novembro de 2019, da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, aprobáronse o formato dos ficheiros de intercambio de información entre comunidades e cidades con estatuto de autonomía e as distribuidoras para a remisión de información sobre o autoconsumo de enerxía eléctrica (BOE do 23 de novembro).

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

1. Obxecto.

Regular e dar publicidade aos modelos de comunicación dos seguintes procedementos:

a) Procedemento IN407B: procedemento de comunicación dos suxeitos consumidores que realicen autoconsumo, conectados a baixa tensión, nos que a instalación de xeración sexa de baixa tensión e a potencia instalada de xeración sexa menor de 100 kW, para a súa inscrición no Rexistro de Autoconsumo do Ministerio de Transición Ecolóxica, segundo o aprobado polo Real decreto 244/2019, do 5 de abril. Procedemento IN407B que se recolle no anexo I desta resolución.

b) Procedemento IN407C: procedemento de contestación das empresas distribuidoras, en resposta ás solicitudes feitas polo consumidores para a inscrición das súas instalacións no Rexistro de Autoconsumo do Ministerio de Transición Ecolóxica, segundo o aprobado polo Real decreto 244/2019, do 5 de abril. Procedemento IN407C que se recolle no anexo II desta resolución.

2. Prazo de presentación.

Os procedementos IN407B e IN407C son procedementos administrativos de prazo aberto, podéndose empregar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución.

3. Forma de presentación das comunicacións para os procedementos IN407B e IN407C

As persoas interesadas, incluídas as persoas físicas que non sexan autónomas tal como establece o artigo 19.1 do Real decreto 244/2019, do 5 de abril, presentarán as devanditas comunicacións obrigatoriamente por medios electrónicos, a través dos formularios normalizados, anexo I ou anexo II, segundo o caso, accesibles desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta as ditas comunicacións presencialmente requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das comunicacións poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. Notificacións.

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia
(https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súas obrigas de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde á posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. Trámites posteriores.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación dos procedementos (IN407B e IN407C) deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadá da persoa interesada accesible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

6. Información básica sobre protección de datos persoais.

Os datos persoais recadados nestes procedementos (IN407B e IN407C) serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Economía, Emprego e Industria coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión destes procedementos e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

7. Especificidades dos procedementos:

7.1. Procedemento IN407B.

a) O procedemento IN407B regula a comunicación telemática que deberán empregar as persoas físicas ou xurídicas que realicen autoconsumo, con instalacións de xeración conectadas a baixa tensión, cando a xeración sexa de baixa tensión e a potencia instalada de xeración sexa menor de 100 kW, para a súa inscrición no Rexistro de Autoconsumo do Ministerio de Transición Ecolóxica, anexo I: IN407B.

b) O procedemento IN407B de comunicación de datos ao Rexistro Administrativo de Autoconsumo é un procedemento electrónico, declarativo e de acceso gratuíto tal e como se establece no artigo 19.1 do Real decreto 244/2019, do 5 de abril, polo que se regulan as condicións administrativas, técnicas e económicas do autoconsumo de enerxía eléctrica. O procedemento administrativo IN407B é de prazo aberto. A comunicación de datos ao Rexistro Administrativo de Autoconsumo dirixirase á Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria ao Servizo de Administración Industrial (en diante, a Xefatura Territorial) onde se atope implantada a instalación de autoconsumo.

c) Comprobación de datos:

Para a tramitación do procedemento IN407B consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

• DNI ou NIE da persoa comunicante.

• DNI ou NIE da persoa representante.

• NIF da persoa xurídica comunicante.

• NIF da persoa xurídica representante.

• O boletín de baixa tensión da instalación.

• A autorización de explotación da instalación.

• Resolución de inscrición no Rexistro de Produtores de Enerxía Eléctrica da Xunta de Galicia.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

d) De acordo co establecido no Real decreto 244/2019, do 5 de abril, a Comunidade Autónoma dará traslado dos datos das comunicacións presentadas dentro do procedemento IN407B mediante notificación electrónica á empresa distribuidora afectada pola instalación de autoconsumo.

As empresas distribuidoras contarán cun prazo de 5 días hábiles para comunicar a súa conformidade ou oposición aos datos remitidos mediante comunicación á xefatura territorial correspondente, mediante o procedemento de comunicación IN407C recollido nesta resolución.

e) No prazo máximo de 15 días hábiles, desde a recepción da contestación feita pola empresa distribuidora (procedemento IN407C), a xefatura territorial, dentro do procedemento IN407B notificaralle de xeito automático ás persoas interesadas o traslado dos datos ao Rexistro Administrativo de Autoconsumo do Ministerio dentro do mes en curso, no suposto de conformidade, ou no suposto de oposición notificaráselle a imposibilidade de realizar a comunicación ao Rexistro do Ministerio indicándolle as causas, así como que para a inscrición da instalación será necesario emendar os defectos e realizar unha nova comunicación a través do IN407B. As citadas notificacións practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

7.2. Procedemento IN407C.

a) O procedemento IN407C de contestación das distribuidoras é un procedemento electrónico, o procedemento atoparase na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as distribuidoras, por ser de prazo aberto, para dar resposta ás notificacións remitidas polas xefaturas territoriais dentro do IN407B. A comunicación das distribuidoras realizarase a través do anexo II desta resolución e dirixirase á xefatura territorial onde se atope implantada a instalación de autoconsumo, no prazo de 5 días hábiles. En caso de non contestar considerarase que non existen obxeccións e continuarase co procedemento IN407B comunicando os datos ao Rexistro Administrativo de Autoconsumo do Ministerio dentro do mes en curso e comunicando este feito á persoa interesada.

8. Actualización de modelos normalizados.

Os modelos normalizados aplicables na tramitación destes procedementos regulados nesta disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2020

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file