Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Venres, 6 de marzo de 2020 Páx. 15134

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 27 de febreiro de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se aproba o formulario de presentación de documentación do procedemento asociado á tramitación dos convenios de colaboración coas agrupacións deportivas escolares para a práctica e o desenvolvemento da actividade deportiva en idade escolar (código de procedemento PR954B).

Conforme o establecido no artigo 27.22 do Estatuto de autonomía de Galicia, a Comunidade Autónoma galega asume a competencia exclusiva na materia da promoción do deporte e utilización adecuada do lecer.

Ao abeiro desta competencia aprobouse a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, cuxo obxecto é promover e coordinar o deporte na Comunidade Autónoma de Galicia, así como ordenar o seu réxime xurídico e a súa organización institucional de acordo coas competencias legalmente atribuídas. Asemade, atribúe á Administración autonómica a competencia de promover, ordenar e organizar o deporte en idade escolar -artigo 5.1.n)-, ámbito deportivo este que se especifica no artigo 24 da norma onde, entre outras previsións, se recolle que a Administración autonómica fomentará, en colaboración e coordinación coas demais administracións públicas con competencia na materia, coas federacións deportivas galegas, cos clubs, coas agrupacións deportivas escolares e coas demais entidades deportivas, a práctica e o desenvolvemento da actividade deportiva en idade escolar, a través de plans e programas específicos (…).

Para tal efecto, o Decreto 76/2017, do 28 de xullo, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, configura a Secretaría Xeral para o Deporte coma o órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponde a elaboración, proposta e execución da política do Goberno galego en materia de deportes, sen prexuízo das demais competencias que teña legal e regulamentariamente atribuídas.

Para o mellor exercicio das súas competencias, a Lei 3/2012, do deporte de Galicia, habilita a Administración autonómica para subscribir convenios de colaboración coas demais administracións públicas e entidades públicas e privadas vinculadas á actividade deportiva. Neste contexto sitúanse as agrupacións deportivas escolares, reguladas no artigo 49.1; estas configúranse como as asociacións de persoas físicas ou xurídicas públicas ou privadas que, con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar, se dedican exclusivamente á práctica deportiva en idade escolar.

No exercicio desta previsión, a Administración autonómica leva a cabo o programa Xogade –Xogos deportivos galegos en idade escolar-, programa que se executa entre os meses de setembro a xuño de cada ano en colaboración coas federacións deportivas e as agrupacións deportivas escolares de Galicia.

Consonte o descrito, no ámbito da edición do programa Xogade e dentro do marco de actuación, funcional e territorial, a Secretaría Xeral para o Deporte articula anualmente a súa colaboración coas agrupacións deportivas escolares de Galicia a través de convenios de colaboración para o desenvolvemento de actuacións e actividades deportivas en idade escolar.

Con esta resolución, que establece o procedemento para a presentación de documentación requirida nos convenios de colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte e as agrupacións deportivas escolares, dáse cumprimento ao artigo 14 sobre o dereito e a obriga de relacionarse de xeito electrónico coas administracións públicas, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

En virtude do exposto e en exercicio das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto da presente resolución é establecer o procedemento co código PR954B para a presentación da documentación requirida nos convenios de colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte e as agrupacións deportivas escolares para a práctica e o desenvolvemento da actividade deportiva en idade escolar.

Artigo 2. Requisitos das agrupacións deportivas escolares

As agrupacións deportivas escolares deberán figurar inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, de acordo co establecido na sección 2ª do capítulo II, do título IV da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Artigo 3. Forma de presentación da documentación

A documentación presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, que se inclúe como anexo I.

Se algunha das persoas interesadas presenta o anexo I presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación da documentación poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Artigo 4. Documentación complementaria e comprobación de datos no procedemento administrativo

1. Para a sinatura dos convenios obxecto da presente resolución, as persoas representantes das agrupacións deportivas escolares deberán presentar, no primeiro trimestre do ano, xunto co anexo I:

a) Memoria de actividades, segundo o anexo V.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas entrega a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se deben presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Documentación xustificativa para o pagamento da subvención

Para o pagamento da subvención que se recolla no convenio de colaboración, as persoas representantes das agrupacións deportivas escolares deberán presentar a seguinte documentación:

a) Memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas no convenio, con indicación do total das actividades realizadas, dos resultados obtidos e os datos e incidencias máis salientables habidos na súa execución, segundo o modelo normalizado que se inclúe como anexo V.

b) Se é o caso, solicitude de pagamento parcial, segundo o modelo normalizado que se inclúe como anexo II.

c) Documento de xustificación, segundo o modelo normalizado que se inclúe como anexo III.

d) Relación clasificada de gastos, segundo o modelo normalizado que se inclúe como anexo IV.

e) Documentos xustificativos dos gastos.

f) Documentos xustificativos dos pagamentos.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

• NIF da entidade solicitante.

• DNI o NIE da persoa representante.

• NIF da entidade representante.

• Certificado de estar ao día do cumprimento das obrigas tributarias coa AEAT.

• Certificado de estar ao día do cumprimento das obrigas fronte á Seguridade Social.

• Certificado de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

• Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

• Consulta de concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos, segundo o disposto no anexo I.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Secretaría Xeral para o Deporte publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se puideren impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 8. Información básica sobre a protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Secretaría Xeral para o Deporte coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Artigo 9. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. A notificación entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos efectuarase a notificación polos demais medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación da documentación previa

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Disposición adicional. Actualización de modelos normalizados

Os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2020

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO V

Memoria de actividades

A) Descrición da entidade.

• Estrutura:

• Directivos.

• Colaboradores.

• Entidades participantes.

• Área xeográfica.

B) Actividades realizadas/programadas.

– Modalidades.

– Xornadas.

– Participantes:

– Nº homes/mulleres.

– Primaria/secundaria.

– Nº participacións.

– Entidades participantes.

Modalidade e día

Entidades

participantes

Mulleres EP

Homes EP

Total primaria

Mulleres ESO

Homes ESO

Total

secundaria

• E.P: educación primaria

• ESO: educación secundaria obrigatoria

C) Memoria económica das actividades programadas/realizadas.

D) Incidencias.

E) Propostas de mellora.