Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Luns, 9 de marzo de 2020 Páx. 15370

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 26 de febreiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución das clases B e C á mocidade galega, dirixidas ás persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS321A).

BDNS (Identif.): 498028.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas as persoas mozas que na data de presentación da solicitude:

– Teñan cumpridos os 18 anos, sen prexuízo da idade mínima para a obtención do permiso de clase C.

– Estean empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima dun ano.

– Estean inscritas no SNGX e figuren como beneficiarias no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Estean matriculadas nunha autoescola da Comunidade Autónoma de Galicia no momento de presentaren a solicitude ou ben teñan o/os permiso/s para o/os que se solicita a axuda con data de expedición entre o 1 de xaneiro de 2020 e a data de presentación da solicitude.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras das axudas para a obtención dos permisos de condución das clases B e C por parte das persoas mozas residentes en Galicia, coa finalidade de mellorar a súa autonomía, mobilidade e a súa empregabilidade.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 26 de febreiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución das clases B e C á mocidade galega, dirixidas ás persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS321A).

Cuarto. Contía

A contía global da convocatoria é de 761.780,39 euros, cofinanciada pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo cunha porcentaxe do 91,89 %.

O importe da axuda será de 400 euros para a obtención do permiso de condución de clase B e de 650 € para o permiso de clase C.

O importe da axuda será acumulativo no caso de que unha mesma persoa solicite axuda para a obtención de ambos os permisos obxecto da orde.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia e estará aberto ata o día 31 de xullo de 2020, salvo que se produza con anterioridade o esgotamento do crédito orzamentario dispoñible.

O esgotamento do crédito dispoñible será publicado na páxina web xuventude.xunta.es e no Diario Oficial de Galicia. A partir dese momento non se admitirán novas solicitudes.

Sexto. Outros datos

O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, ao non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas, e concederánselles a todas aquelas persoas solicitantes que reúnan os requisitos exixidos.

Faránselles anticipos de pagamento do 80 % a aquelas persoas que, unha vez notificada a resolución de concesión da axuda, o soliciten expresamente.

O gasto subvencionable é a suma global (importe a tanto global) de obtención dos permisos de condución obxecto da orde. A xustificación do custo de obtención do/dos permiso/s de condución e do seu pagamento farase conforme a regulación de custos simplificados, en función da xustificación da obtención do/dos permiso/s de condución obxecto da solicitude.

A xustificación da axuda presentarase con data límite do 20 de outubro de 2020.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social