Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Luns, 9 de marzo de 2020 Páx. 15441

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 2 de marzo de 2020 pola que se convoca a xornada Gobernanza, emprego público e boas prácticas na Administración.

Conforme os fins que lle asigna á Escola Galega de Administración Pública a normativa que a regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo),

RESOLVO:

Convocar, por iniciativa da Consellería de Facenda, a xornada Gobernanza, emprego público e boas prácticas na Administración, de acordo coas bases que se indican a continuación:

1. Obxectivos.

A Galicia que queremos debe contar cunhas administracións exemplares e eficientes, cuxo funcionamento estea orientado aos resultados e ao cumprimento e que, a través da rendición de contas aos cidadáns, permitan apreciar como a súa boa xestión converte os recursos captados en bens e servizos de calidade, o que debe contribuír a aumentar a valoración das institucións.

Nesta liña, e no marco da elaboración do Plan estratéxico de Galicia 2021-2030 que determinará as liñas prioritarias de actuación da Administración autonómica galega na vindeira década, cómpre establecer un eixe estratéxico específico sobre Gobernanza pública, no que, dun xeito participativo, se definan os cambios que necesitan as nosas administracións para prestar mellores servizos aos cidadáns, ser máis modernas e eficientes e, en consecuencia, producir unha mellora da confianza na xestión pública.

Para desenvolver este proceso participativo a Escola Galega de Administración Pública acollerá un ciclo de xornadas nas que expertos nas principais cuestións relacionadas coa Gobernanza exporán a súa visión, acompañados de profesionais na materia, co obxecto de xerar un debate participativo que permita detectar as prioridades neste eixe e concretar as medidas para acadalas con éxito.

2. Contidos.

Nesta xornada trataranse, entre outros, os seguintes contidos:

– Os postulados da boa Administración: situación actual e perspectivas.

– A identidade corporativa do persoal empregado público.

– Gobernanza e boas prácticas na Administración.

– O impacto da intelixencia artificial no emprego público: o relevo interxeracional.

3. Persoas destinatarias.

A xornada está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, dos entes instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia e das universidades do Sistema universitario de Galicia, xuristas, profesionais e persoas interesadas en xeral.

4. Desenvolvemento.

Data: martes, 17 de marzo de 2020.

Horario: de mañá e tarde.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Duración: 6 horas lectivas.

5. Número de prazas: limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

1. O prazo para a inscrición estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o día 15 de marzo de 2020.

2. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo https://egap.xunta.gal/matricula desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

7. Criterios de selección.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes ata completar o aforo do local.

8. Publicación das listaxes do alumnado seleccionado.

Na epígrafe desta xornada da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/), publicarase a listaxe de persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas.

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das listaxes foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda ou se atopan excluídas de acordo co disposto na epígrafe segunda, punto 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

9. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada, enviando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, como mínimo un día antes do comezo da actividade formativa, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia desta actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

10. Facultades da EGAP.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

11. Certificado de asistencia oficial.

Ao final da xornada emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas rexistradas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización da xornada, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2020

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública