Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Luns, 9 de marzo de 2020 Páx. 15438

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 27 de febreiro de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a dixitalización do patrimonio cultural de Galicia coa finalidade de preservación e difusión a través de Galiciana-Patrimonio Dixital de Galicia, e se procede á súa segunda convocatoria para os anos 2020-2021, cofinanciada co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (código de procedemento PR606A).

BDNS (Identif.): 498611.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán acceder á condición de persoas beneficiarias, as entidades e organizacións, públicas ou privadas sen ánimo de lucro, que dispoñan de activos do patrimonio bibliográfico e documental de Galicia susceptibles de seren incorporados e difundidos a Galiciana-Patrimonio Dixital de Galicia, en concreto:

a) Os órganos estatutarios da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) As entidades locais de Galicia (incluídas as agrupacións e asociacións de concellos, consorcios e mancomunidades) e entidades delas dependentes.

c) As universidades públicas galegas e o Consello Galego de Universidades.

d) As entidades privadas sen fins de lucro que dispoñan de activos do patrimonio bibliográfico e documental de Galicia susceptibles de seren incorporados e difundidos a Galiciana-Patrimonio Dixital de Galicia.

e) As reais academias e as academias de Galicia, oficialmente establecidas e recoñecidas.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto regular a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a dixitalización do patrimonio cultural de Galicia coa finalidade de preservación e difusión a través de Galiciana-Patrimonio Dixital de Galicia. As subvencións tramitadas ao abeiro das bases reguladoras están cofinanciadas ao 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

2. O ámbito de aplicación das subvencións tramitadas ao abeiro das bases reguladoras enmárcase na liña de actuación 57, Plan para a xestión dixital do patrimonio cultural e modernización tecnolóxica do turismo, do obxectivo específico 02.03.01, Promover os servizos públicos dixitais, a alfabetización dixital, e-aprendizaxe, e-inclusión e e-saúde, recollido na prioridade de investimento 02.03, Reforzo das aplicacións das tecnoloxías da información e da comunicación para a Administración electrónica, a aprendizaxe electrónica, a inclusión electrónica, a cultura electrónica e a sanidade electrónica, do obxectivo temático 02, Mellorar o uso e calidade das TIC e o acceso a estas, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, actuación 2.3.1.7, Axudas para a posta en marcha do Plan para a xestión dixital do patrimonio cultural e modernización tecnolóxica do turismo, Dixitalización do patrimonio cultural.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 27 de febreiro de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a dixitalización do patrimonio cultural de Galicia coa finalidade de preservación e difusión a través de Galiciana-Patrimonio Dixital de Galicia, e se procede á súa segunda convocatoria para os anos 2020-2021, cofinanciada co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (código de procedemento PR606A).

Cuarto. Contía da axuda

1. A intensidade da axuda será do 100 % do custo elixible do proxecto.

2. Os proxectos terán un orzamento total de investimentos subvencionables non inferior a 10.000 euros nin superior a 90.000 euros.

3. En todo caso, a contía máxima da subvención que se concede por persoa beneficiaria será de 90.000 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte a aquel en que publique a presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Xustificación da execución

1. A execución dos investimentos subvencionables levarase a cabo nun período máximo de nove (9) meses que comezará o día seguinte ao da publicación da resolución de concesión das axudas no Diario Oficial de Galicia (DOG), sen prexuízo do disposto no artigo seguinte. En todo caso, a execución total dos investimentos subvencionables levarase a cabo antes do 31 de outubro de 2021.

2. A documentación xustificativa do cumprimento da finalidade da subvención deberá presentarse nos tres (3) meses seguintes ao da terminación do prazo de realización da actividade e, en todo caso, antes do 15 de novembro de 2021.

3. A execución de investimentos por un solicitante con carácter previo á resolución de concesión da subvención non xerará dereitos no caso de que o solicitante non resulte beneficiario.

Sétimo. Pagamento anticipado

As persoas beneficiarias recibirán un pagamento anticipado do 80 % do importe da subvención concedida de acordo co establecido no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia. Con relación a este anticipo e con data límite do 15 de novembro de 2020, as persoas beneficiarias deberán presentar o anexo V (xustificación do plan e comezo do proxecto) desta resolución. O pagamento do importe restante (20 %) realizarase unha vez xustificado o cumprimento da finalidade da subvención.

O importe do anticipo non poderá exceder a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2020

Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia