Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Mércores, 11 de marzo de 2020 Páx. 15752

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 9 de marzo de 2020 pola que se convocan actividades formativas en liña de apoio á preparación das probas selectivas para o acceso, pola quenda de promoción interna, a diversos corpos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

As ofertas de emprego público (OEP) para os anos 2018 e 2019, publicadas no Diario Oficial de Galicia núm. 239, do 17 de decembro de 2018, e no núm. 67, do 5 de abril de 2019, respectivamente, inclúen, para seren cubertas pola quenda de promoción interna, un total de 420 prazas distribuídas do seguinte xeito:

– 46 prazas (5 para seren cubertas por persoas con discapacidade) para o acceso ao corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1.

– 127 prazas (8 para seren cubertas por persoas con discapacidade) para o acceso ao corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2.

– 195 prazas (14 para seren cubertas por persoas con discapacidade) para o acceso ao corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1.

– 52 prazas (4 para ser cubertas por persoas con discapacidade) para o acceso ao corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2.

Todas estas prazas foron convocadas polas correspondentes ordes da Consellería de Facenda do 7 de xaneiro de 2020 (DOG núm. 21, do 31 de xaneiro) nas cales se establecen os requisitos que deben cumprir as persoas aspirantes.

De acordo co artigo 3.d) da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar catro actividades formativas dirixidas, cada unha delas, a apoiar a preparación das probas selectivas para o acceso, pola quenda de promoción interna, aos corpos superior, subgrupo A1; de xestión, subgrupo A2; administrativo, subgrupo C1; e auxiliar, subgrupo C2 da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, que deberán desenvolverse segundo as bases detalladas no anexo.

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2020

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO

Bases

Primeira. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto a convocatoria das seguintes actividades:

Código

Denominación

FC20133

Apoio á preparación do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo administrativo da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C1

FC20134

Apoio á preparación do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2

FC20135

Apoio á preparación do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2

FC20136

Apoio á preparación do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1

2. Cada unha das actividades está composta de contidos multimedia actualizados e cuestionarios de corrección automática, que facilitan unha aprendizaxe autónoma máis efectiva.

Segunda. Destinatarios/as, inscrición e acceso aos contidos

1. Poderá participar nas ditas accións formativas unicamente o persoal empregado público que teña solicitado participar nas probas selectivas convocadas para o acceso aos corpos indicados na base primeira pola quenda de promoción interna e que reúna os requisitos establecidos nesta convocatoria.

2. A inscrición para o acceso aos contidos pode facerse no prazo de sete días contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. As persoas solicitantes das actividades deberán dispor dunha conta de correo electrónico cuxo enderezo terán que indicar ao cubriren os seus datos na zona de matrícula da EGAP e dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Un ordenador con conexión á internet.

4. As dúbidas, as dificultades técnicas e as peticións de información complementaria serán atendidas a través dos números de teléfono 981 54 62 57 e 981 54 63 35 e do enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.gal en horario de atención ao público (das 9.00 ás 14.00 horas).

5. A participación nestas actividades non dá dereito á expedición de certificado ningún.

Terceira. Organización das actividades e datas de realización

1. O comezo destas actividades está previsto para o 30 de marzo de 2020 e realizaranse na modalidade en liña, a través da aula virtual.

2. Cada actividade dispón duns contidos e duns cuestionarios de preguntas tipo test, organizados por temas, bloques ou módulos, elaborados especificamente para cada actividade sen que sexan, en ningún caso, representativas respecto ao alcance das preguntas que poidan formularse no proceso selectivo.

3. Os contidos de cada actividade formativa serán tutelados polos/as titores/as nomeados pola EGAP, que apoiarán os/as alumnos/as para a debida comprensión dos temas e a resolución de dúbidas e cuestións que poidan formularse durante un prazo de tres meses que se contará a partir da data de comezo da actividade. Para tal efecto, o alumnado disporá dos foros correspondentes.

Cuarta. Criterios de selección

Será seleccionado para participar nas actividades convocadas mediante esta resolución todo o persoal empregado público que teña solicitado a participación nas probas selectivas para o acceso aos corpos indicados na base primeira desta resolución. Esta relación será contrastada coa información que facilite a Dirección Xeral da Función Pública.

Quinta. Publicación da relación do alumnado seleccionado

A EGAP publicará no enderezo https://egap.xunta.gal a relación das persoas seleccionadas para participar en cada actividade, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Sexta. Facultades da EGAP

1. A EGAP resolverá aquelas incidencias que poidan producirse no desenvolvemento e na xestión das actividades formativas. Tamén lle corresponde á EGAP prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

2. A execución material das actividades queda condicionada á existencia de crédito orzamentario adecuado e dispoñible e á autorización correspondente do gasto.

3. A EGAP poderá modificar os contidos, o desenvolvemento e as datas das actividades formativas, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir. Todas as modificacións que afecten o desenvolvemento das actividades serán anunciadas na páxina web da escola.

4. A EGAP garantirá na totalidade das actividades derivadas desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.