Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Venres, 13 de marzo de 2020 Páx. 16012

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

ORDE do 5 de marzo de 2020 pola que se amplía o crédito existente para a concesión das axudas previstas na Orde do 23 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida (eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi eco, e se convocan para o exercicio 2020, mediante tramitación anticipada (código de procedemento IF303A).

O día 22 de xaneiro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 23 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida (eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi eco, e se convocan para o exercicio 2020, mediante tramitación anticipada (código de procedemento IF303A).

A finalidade da dita orde é favorecer o cumprimento do Real decreto 1554/2007, do 23 de novembro, polo que se regulan as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización de modos de transporte para persoas con discapacidade, contribuíndo así a garantir a mobilidade no transporte público de toda a cidadanía. Así mesmo, preténdese fomentar o uso de vehículos taxi de tipo emisións cero e eco co obxecto de reducir as emisións gasosas no tráfico de vehículos.

Na dita orde prevíase que as subvencións que se establezan para as actuacións obxecto destas axudas contarían cun orzamento de 350.000 euros financiados con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.512A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020. A contía total máxima asígnase inicialmente segundo a seguinte repartición, para as tres liñas obxecto de axuda:

– Liña para taxi adaptado (eurotaxi)...........................................150.000 euros

– Liña para taxi de cero emisións...............................................120.000 euros

– Liña para taxi eco......................................................................80.000 euros

A axuda por vehículo para taxi adaptado (eurotaxi) será de 10.000 euros, para taxi de cero emisións de 6.000 euros e para taxi eco de 4.000 euros.

O artigo 5.4 da orde establece que o prazo de presentación de solicitudes remata o 14 de outubro de 2020; non obstante, na actualidade xa se superou amplamente o número de solicitudes para as cales existe cobertura orzamentaria suficiente para as liñas de taxi adaptado (eurotaxi) e taxi eco, o que permite constatar o interese do sector profesional pola mellora tanto da accesibilidade nos seus vehículos, así como o seu compromiso co ambiente e a redución das emisións de gases contaminantes.

O artigo 3.2 da orde establece que a contía total máxima de subvencións concedidas se entenderá sen prexuízo de ulteriores variacións que se poidan producir como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, nos termos do artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que prevé, entre outras posibilidades de modificación orzamentaria, a da ampliación de crédito para atender as solicitudes que se presenten. Visto o número de solicitudes presentadas e o beneficio que suporá para o conxunto da sociedade tanto a incorporación progresiva de cada vez máis taxis adaptados para o transporte de persoas con mobilidade reducida como a introdución de vehículos máis eficientes en termos de emisión de gases contaminantes, considérase conveniente realizar unha ampliación do crédito destinado a favorecer estes dous obxectivos.

De acordo co exposto e de conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,

DISPOÑO:

Artigo único. Ampliación de crédito

Ampliar o importe total do crédito das axudas establecidas na Orde do 23 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida (eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi eco, e se convocan para o exercicio 2020, mediante tramitación anticipada (código de procedemento IF303A), Diario Oficial de Galicia núm. 14, do 22 de xaneiro de 2020, por un importe de 602.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.512A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, cantidade que se distribuirá da seguinte forma para as liñas convocadas:

– Liña para taxi adaptado (eurotaxi).............................................170.000 euros

– Liña para taxi eco.......................................................................432.000 euros

Unha vez efectuada esta ampliación, o importe total destas axudas ascende a 952.000 euros, distribuídos do seguinte xeito:

– Liña para taxi adaptado (eurotaxi)..............................................320.000 euros

– Liña para taxi de cero emisións..................................................120.000 euros

– Liña para taxi eco.......................................................................512.000 euros

O prazo de presentación de solicitudes continúa aberto nos mesmos termos establecidos na orde de convocatoria destas axudas.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2020

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade