Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Domingo, 15 de marzo de 2020 Páx. 16416

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19.

O Centro de Coordinación Operativa (Cecop), na súa reunión do 15 de marzo de 2020, adoptou o seguinte acordo:

ACORDO DO CENTRO DE COORDINACIÓN OPERATIVA (CECOP), MEDIANTE O QUE SE ADOPTAN MEDIDAS PREVENTIVAS EN LUGARES DE TRABALLO DO SECTOR PÚBLICO AUTONÓMICO COMO CONSECUENCIA DA EVOLUCIÓN EPIDEMIOLÓXICA DO CORONAVIRUS COVID-19

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do doce de marzo de dous mil vinte, aprobou o Acordo mediante o que se adoptaron as medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

Na súa reunión do 12 de marzo de 2020, aprobou o Protocolo de actuación para o persoal empregado público da Administración da Xunta de Galicia en relación co coronavirus COVID-19 e, na súa reunión do trece de marzo de dous mil vinte, aprobou o Acordo polo que se declarou a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activou o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

En virtude deste último acordo, declarouse a situación de emerxencia sanitaria, activouse o Platerga e constituíuse, co obxecto de garantir o funcionamento e a operatividade do Plan, un Centro de Coordinación Operativa (Cecop), habilitado para adaptar ás circunstancias as previsións nel establecidas, para ditar ordes e instrucións que afecten dereitos da cidadanía nos termos establecidos polas leis, así como adoptar medidas de obrigado cumprimento para os seus destinatarios e destinatarias, conforme o que dispoña se así o aconsellan as necesidades da emerxencia e dos bens que hai que protexer, medidas que, entre outras, poderían implicar a reorganización funcional dos servizos administrativos.

Dada a evolución da enfermidade, faise preciso, agora, adoptar medidas adicionais ás adoptadas no Protocolo aprobado o pasado doce de marzo para o persoal empregado público da Administración da Xunta de Galicia, que contribúan á contención da enfermidade garantindo, ao mesmo tempo, o mantemento da prestación dos servizos esenciais.

De conformidade co exposto, o Centro de Coordinación Operativa (Cecop), na súa reunión do quince de marzo de dous mil vinte, adoptou o seguinte

ACORDO:

Primeiro

Todos os empregados públicos cuxas funcións se realicen dentro de edificios ou instalacións administrativas que permitan o seu desenvolvemento a distancia prestarán o servizo desde o seu domicilio na modalidade de traballo non presencial. Para tales efectos, a Administración facilitará fórmulas de teletraballo ou de traballo a distancia.

Segundo

Todos os empregados públicos que realicen funcións dentro de edificios ou instalacións administrativas que non se poidan desenvolver mediante o traballo non presencial deberán permanecer nos seus domicilios, quedando as súas actividades suspendidas temporalmente.

Exceptúase do disposto no parágrafo anterior o persoal que desempeñe funcións de carácter esencial, que deberá acudir presencialmente aos seus lugares de traballo cando o desempeño das súas funcións así o exixa porque así o determinen os titulares dos seus centros directivos.

Terceiro

En todo caso, considéranse funcións de carácter esencial as desempeñadas polo persoal directivo, así como as vinculadas a funcións tales como a seguridade, mantemento de edificios, comunicacións e outros servizos relacionados coas tecnoloxías da información, pagamento a provedores, habilitacións, gardaría forestal e ambiental, centros de recuperación da fauna e razas autóctonas, as propias do servizo de gardacostas de Galicia, servizos de alertas sanitarias en todas as súas modalidades, servizos de inspección de saúde pública e inspección ambiental, servizos de prevención e extinción de incendios de Galicia, así como todas aquelas que determinen os órganos directivos por considerárense necesarias para garantir a continuidade das funcións básicas.

Cuarto

Naqueles casos en que as funcións de carácter esencial deban desempeñarse presencialmente, o titular do centro directivo establecerá as quendas necesarias para garantir a prestación do servizo e minimizar o máximo posible o risco de contaxio laboral, arbitrando medidas organizativas para a protección da súa saúde, como pode ser a reordenación de espazos.

Quinto

Todos os empregados permanecerán localizables e deberán reincorporarse aos seus postos de traballo de forma presencial se así se require por necesidades do servizo.

Sexto

A atención á cidadanía, con carácter xeral, canalizarase a través do teléfono 012, sen prexuízo daquelas oficinas que determinen os titulares dos centros directivos polas súas funcións de carácter esencial.

Sétimo

Suspéndense os termos e interrómpense os prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público. O cómputo dos prazos reiniciarase no momento en que perda vixencia o presente acordo ou, se é o caso, as prórrogas deste.

A suspensión de termos e a interrupción de prazos aplicaranse a todo o sector público definido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Non obstante o anterior, o órgano competente poderá acordar, mediante resolución motivada, as medidas de ordenación e instrución estritamente necesarias para evitar prexuízos graves nos dereitos e intereses do interesado no procedemento e sempre que este manifeste a súa conformidade, ou cando o interesado manifeste a súa conformidade con que non se suspenda o prazo.

Oitavo. Suspensión de prazos de prescrición e caducidade

Os prazos de prescrición e caducidade de calquera acción e dereito quedarán suspendidos durante o prazo de vixencia do estado de alarma e, se é o caso, das prórrogas que se adoptaren.

Noveno. Duración das medidas

Estas medidas de carácter extraordinario entrarán en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e terán a duración imprescindible para dar resposta á situación que motivou a súa adopción e poderán ser revogadas por necesidades do servizo e, en todo caso, cando cesen as recomendacións das autoridades sanitarias.

Décimo. Ámbito de aplicación

1. As medidas incluídas no presente acordo serán aplicables á Administración xeral da Comunidade Autónoma, así como ás entidades instrumentais do sector público autonómico.

Queda excluído do presente acordo o persoal sanitario, o persoal dos centros de servizos sociais, o persoal de xustiza e o persoal de seguridade, protección civil e emerxencias, sen prexuízo das instrucións ou protocolos que nos devanditos eidos se poidan aprobar.

Nos centros educativos de todos os niveis de ensino non universitario de máis de seis unidades permanecerá en réxime de quendas só unha persoa do equipo directivo do centro das 10.00 ás 13.00 horas.

Así mesmo, cada consellería ou centro directivo poderá ditar as instrucións oportunas en desenvolvemento do presente acordo ou adaptalo ás particularidades dos distintos colectivos afectados.

As instrucións que, en desenvolvemento do presente acordo, dite cada unha das consellerías ou centros directivos publicaranse na páxina web da Xunta de Galicia, www.xunta.gal, e difundiranse a través do correo electrónico corporativo.

2. Por razóns de seguridade do seu persoal, recoméndase ás entidades locais a aplicación das medidas previstas no presente acordo, adoptando as instrucións oportunas de adaptación no seu desenvolvemento, de ser o caso, en atención ás particularidades dos seus ámbitos.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2020

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza