Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Domingo, 15 de marzo de 2020 Páx. 16421

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, declarada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do día 13 de marzo de 2020, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

O Centro de Coordinación Operativa, na súa reunión do 15 de marzo de 2020, adoptou o seguinte acordo:

ACORDO DO CENTRO DE COORDINACIÓN OPERATIVA DA SITUACIÓN DE EMERXENCIA SANITARIA NO TERRITORIO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA, DECLARADA POLO ACORDO DO CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA DO DÍA 13 DE MARZO DE 2020, COMO CONSECUENCIA DA EVOLUCIÓN DA EPIDEMIA DO CORONAVIRUS COVID-19

O Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020 declarou a situación de emerxencia sanitaria de interese galego e activou o Plan territorial de emerxencias de Galicia coa conseguinte asunción de todas as actividades de emerxencia polo titular da Presidencia da Xunta de Galicia ou persoa en quen delegue.

A activación do Plan implicou a constitución do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), co obxecto de garantir o funcionamento e a operatividade do Plan.

O Acordo do Consello da Xunta de Galicia prevé que para o desenvolvemento do Plan poderán ditarse ordes e instrucións que afecten dereitos da cidadanía nos termos establecidos polas leis, así como adoptarse medidas de obrigado cumprimento para os seus destinatarios e destinatarias, conforme o que se dispoña se así o aconsellan ás necesidades da emerxencia e dos bens que hai que protexer.

En particular, habilítase o Cecop para revisar ou adaptar ás circunstancias as previsións establecidas no acordo.

Tendo en conta o exposto, o Centro de Coordinación Operativa

ACORDA:

Primeiro

Intégranse no Centro de Coordinación Operativa (Cecop) os seguintes membros:

– Consellería de Infraestruturas e Mobilidade: Dirección Xeral de Mobilidade.

– Consellería de Facenda: Dirección Xeral de Orzamentos

– Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional: Secretaría Xeral Técnica

Segundo

Blíndanse os servizos básicos ás persoas sen fogar no actual contexto de emerxencia sanitaria e, para tal efecto:

A Xunta de Galicia asegurará a apertura de todos os albergues sociais para que as persoas sen fogar poidan dispor dun servizo de pernoita, extremando as precaucións na liña das recomendacións das autoridades sanitarias.

As cociñas económicas e comedores sociais deberán manter o seu funcionamento habitual, tomando as medidas necesarias para que se limite a presenza simultánea de comensais a un terzo da súa capacidade e reforzando a subministración de comida para o consumo fóra do centro.

Os centros de atención social continuada manterán a súa actividade, tomando as medidas necesarias para que se limite a presenza simultánea de persoas usuarias a un terzo da súa capacidade.

Os centros de día de inclusión social suspenderán a súa actividade regular durante o período de emerxencia sanitaria, agás os servizos de mantemento da hixiene (como ducha ou lavandaría) e os servizos de “calor e café”.

Terceiro

En relación coa suspensión da actividade comercial retallista ordenada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020, inclúense dentro das excepcións á suspensión e, polo tanto, poderán continuar abertas as actividades e establecementos seguintes por considerárense correspondentes a bens de primeira necesidade:

– Comercio ao retallo de ferraxaría, pintura e vidro en establecementos especializados (correspondentes ao epígrafe 47.52 da Clasificación nacional de actividades económicas 2009, CNAE-2009), xa que se trata de actividades que deben subministrar ao sector primario, gandeiro, pesqueiro e agrícola elementos necesarios para a continuación da súa actividade.

– Ópticas (incluídas na epígrafe 47.78 da CNAE-2009 ou, se é o caso, en calquera outro).

– Venda ambulante de alimentación a domicilio en camións tenda (incluída na epígrafe 47.81 da CNAE-2009).

Así mesmo, aclárase que non está incluída na suspensión a actividade das lonxas.

Cuarto. Liberdade de horarios de establecementos de primeira necesidade

Todos os establecementos comerciais de primeira necesidade exceptuados da suspensión no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo e neste acordo, e que, polo tanto, poden continuar abertos, terán liberdade horaria para fixaren sen limitacións os horarios dos seus establecementos comerciais.

Quinto

Suspéndese polo tempo coincidente co previsto no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020, por entender que aínda sendo servizo se equipara na súa natureza á actividade comercial, a actividade económica de concesionario de venda de automóbiles (CNAE-2009, 45.11 Venda de automóbiles e vehículos de motor lixeiros).

Aclárase expresamente que a actividade correspondente a talleres de reparación poderá seguir realizándose. Os establecementos que combinen reparación con venda de vehículos ou automóbiles soamente poderán realizar a actividade de reparación.

Sexto

Así mesmo, e polo mesmo tempo, suspéndense as actividades económicas correspondentes a academias, autoescolas e perrucarías (agás servizos a domicilio por causas debidamente xustificadas).

Os códigos CNAE-2009 son os seguintes: 85.10 Educación preprimaria; 85.20 Educación primaria; 85.32 Educación secundaria técnica e profesional; 85.41 Educación postsecundaria non terciaria; 85.43 Educación universitaria; 85.44 Educación terciaria non universitaria; 85.51 Educación deportiva e recreativa; 85.52 Educación cultural; 85.53 Actividades das escolas de condución e pilotaxe; 85.59 outra educación n.c.n.; 85.60 Actividades auxiliares da educación; 96.02 Perrucaría e outros tratamentos de beleza.

Porén, aclárase que se exceptúa e, polo tanto, poderá seguir realizándose a actividade realizada en gabinetes de psicoloxía e pedagoxía.

Sétimo

Tendo en conta as consultas e dúbidas formuladas sobre as actividades permitidas recóllese no anexo I a este acordo unha aclaración meramente informativa que resolve as cuestións formuladas.

Oitavo

Respecto de todos os establecementos comerciais exceptuados da suspensión no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020 e neste acordo, requíreselles que adopten as medidas de organización e instrucións dirixidas á cidadanía asistente que sexan necesarias para o cumprimento das medidas de prevención establecidas no artigo 10.2 do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e as establecidas polas autoridades sanitarias, así como as indicacións preventivas no centro de traballo que se poidan dar a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA).

Reforzaranse as medidas preventivas no centro de traballo no referente a hixiene individual e colectiva, limpeza e medidas de contacto próximo, sen prexuízo das medidas específicas que requira cada situación e o reforzo da protección das persoas identificadas como especialmente sensibles.

En particular, de acordo coa regulación do Real decreto 463/2020, a permanencia nos establecementos comerciais cuxa apertura estea permitida deberá ser a estritamente necesaria para que os consumidores poidan realizar a adquisición de alimentos e produtos de primeira necesidade, quedando suspendida a posibilidade de consumo de produtos nos propios establecementos.

En todo caso, evitaranse aglomeracións e controlarase que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade de, polo menos, un metro co fin de evitar posibles contaxios.

Apróbase unha instrución presentada polas autoridades sanitarias en relación cos establecementos comerciais con apertura permitida, á que se lle dará a debida difusión e publicidade.

Os encargados dos establecementos e persoal de seguridade serán os directamente responsables de facer cumprir estas medidas.

Noveno

En relación cos transportes, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade dá parte dunha orde pola que adoptan medidas de carácter obrigatorio en relación co COVID-19 no ámbito dos servizos de transporte público regular interurbano de viaxeiros. O Cecop toma coñecemento da orde.

Décimo. Medidas urxentes do Servizo Público de Emprego de Galicia (oficinas de emprego)

No ámbito do Servizo Público de Emprego de Galicia, e en coordinación co Servicio Público de Emprego Estatal (SEPE), adóptanse as seguintes medidas:

– Non será necesario renovar a demanda de emprego ata o 30 de abril.

– Se se teñen que realizar trámites urxentes na demanda, pode facerse a través da oficina virtual ou chamando á correspondente oficina de emprego.

– Quedan suspendidas as citas de orientación laboral.

– No que se refire ás prestacións, poden consultarse as medidas adoptadas en: https://www.sepe.es

Esta información actualizarase no portal: https://emprego.xunta.gal

Décimo primeiro

En relación co ámbito do Camiño de Santiago, para a atención dos peregrinos e como consecuencia do peche de albergues da rede pública:

– Actívase un servizo de acollida provisional no albergue público do Monte do Gozo en Santiago de Compostela para os peregrinos que se atopen en tránsito e mentres non dispoñan doutros medios de regreso ou aloxamento. Deberán cumprirse no aloxamento as normas de prevención determinadas polas autoridades sanitarias.

– Activar medidas informativas no exterior dos albergues públicos para a orientación e apoio dos peregrinos en colaboración cos concellos.

Décimo segundo. Restricións en materia de pesca fluvial

Suspéndese temporalmente o exercicio da pesca fluvial en Galicia, durante o período de vixencia indicado no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Décimo terceiro. Restricións na actividade cinexética. Batidas de xabarís

Cómpre establecer a prohibición temporal de todas as accións de caza colectiva no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, agás autorizacións excepcionais por razóns de prevención dos accidentes de tráfico, danos á agricultura ou a gandaría e riscos en sanidade animal (prevención da entrada da peste porcina africana), ocasionados por especies cinexéticas (especialmente xabaril), onde se permitirán as medidas de control en función da comprobación previa polas xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (CMATV).

Non se autorizará ningún evento, concurso ou competición de caza.

Décimo cuarto. Restricións no Parque Nacional das Illas Atlánticas

Non están permitidas as actividades de uso público no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, tales como:

– Desembarque nas illas do Parque Nacional.

– Actividades recreativas nas illas.

Quedan exentos os/as veciños/as das illas e a pesca ou marisqueo profesional, así como o persoal do Parque Nacional no desempeño das súas funcións.

Décimo quinto. Suspensión de queimas en terreos rústicos

Suspéndese a realización de queimas nos terreos rústicos e quedan sen efecto as autorizacións e comunicacións de queimas xa notificadas ou efectuadas.

Igualmente, suspéndese a solicitude de novas autorizacións, así como a posibilidade de realización de novas comunicacións para queimas nos terreos rústicos.

Décimo sexto. Visitas nos centros residenciais

Como ampliación das medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo, restrínxense as visitas nos centros residenciais de servizos sociais, agás en casos excepcionais debidamente autorizados pola dirección do centro.

Décimo sétimo. Entrada en vigor

Este acordo entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2020

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I

Aclaracións sobre as actividades que poden permanecer abertas, por non estaren incluídas na suspensión acordada

Ante as consultas formuladas, aclárase expresamente para evitar dúbidas que as seguintes actividades económicas privadas non están afectadas pola suspensión ordenada no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020 e, en consecuencia, poden permanecer abertas:

– Actividades sanitarias e de servizos sociais (entre elas, actividades hospitalarias, médicas e odontolóxicas, asistencia en establecementos residenciais).

– Actividades financeiras e de seguros.

– Actividades profesionais, científicas e técnicas.

– Actividades administrativas e servizos auxiliares.

– Asistencia en establecementos residenciais con coidados sanitarios.

– Actividades de servizos sociais sen aloxamento.

– Reparación de ordenadores, efectos persoais e artigos de uso doméstico.

– Lavado e limpeza de pezas téxtiles e de pel.

– Pompas fúnebres e actividades relacionadas.

– Fisioterapeutas.

– Técnicos de reparación e mantemento.

– Servizos veterinarios.

A lista anterior recóllese para efectos meramente aclaratorios e informativos, sen que se poida entender que as actividades que non se citan están suspendidas. As actividades suspendidas son unicamente aquelas que se recollen no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo e as recollidas no Real decreto de declaración do estado de alarma.