Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Luns, 16 de marzo de 2020 Páx. 16481

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 19 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se exime a Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria do Ribeiro da obriga de manter un posto de traballo reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional.

O Pleno da Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria do Ribeiro acordou solicitar a exención da obriga de manter o posto de Secretaría de clase terceira desa entidade, propoñendo que as funcións reservadas se desempeñen en réxime de acumulación.

O artigo 10.2 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, dispón que as mancomunidades de municipios poderán ser eximidas pola Comunidade Autónoma, logo de informe da Deputación Provincial, da obriga de crear ou manter postos propios, reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, cando o seu volume de servizos ou recursos sexa insuficiente para o mantemento dos ditos postos.

O Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal recolle, así mesmo, a posibilidade de eximir as mancomunidades de municipios da obriga de manter postos reservados, por proposta destas, cando o volume de servizos xestionados ou recursos dispoñibles sexa insuficiente manifestamente para o mantemento dos postos, establecendo que as funcións reservadas nas entidades eximidas serán exercidas polo sistema de acumulación de xeito preferente e excepcionalmente polo persoal funcionario con habilitación de carácter nacional das entidades que a compoñen ou, na súa falta, polo servizo de asistencia da deputación provincial correspondente.

A Deputación Provincial de Ourense emite informe favorable sobre a proposta de exención formulada pola Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria do Ribeiro e o desempeño das funcións reservadas mediante acumulación.

Polo exposto, vista a memoria-proposta da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico Local, e no exercicio das competencias conferidas polo artigo 15.e) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e polo artigo 22 do Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza,

RESOLVO:

Eximir da obriga de manter o posto de Secretaría a Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria do Ribeiro, dispoñendo que as funcións reservadas sexan desempeñadas en réxime de acumulación.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, os interesados poderán interpoñer recurso administrativo de reposición, ante este órgano directivo, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

Santiago de Compostela, 19 de febreiro de 2020

Marta Fernández-Tapias Núñez
Directora xeral de Administración Local