Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Luns, 16 de marzo de 2020 Páx. 16487

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 3 de marzo de 2020 pola que se convoca concurso público de acceso a prazas de corpos docentes universitarios (CD1901).

De conformidade co disposto na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro (BOE do 24 de decembro), de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril (BOE do 13 de abril), en diante LOU, e no Decreto 266/2002, do 6 de setembro (DOG do 17 de setembro), da Xunta de Galicia, sobre contratación de profesorado universitario, e a teor do establecido nos estatutos da Universidade de Vigo, aprobados polo Decreto 13/2019, do 24 de xaneiro (DOG do 22 de febreiro), da Xunta de Galicia, conforme os acordos adoptados polo Consello de Goberno, tras obter a autorización da Comunidade Autónoma de Galicia, e publicada no Diario Oficial de Galicia a oferta de emprego pública do persoal docente e investigador para o ano 2017 (Resolución do 19 de decembro de 2017, DOG do 21 de decembro), para o ano 2018 (Resolución do 14 de decembro de 2018, DOG do 20 de decembro).

Esta reitoría, no uso das competencias recoñecidas pola LOU, resolveu convocar a concurso a/as praza/s que figura no anexo I da presente resolución, con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

Primeira. Normas xerais

Este concurso rexerase pola LOU, polo Decreto 266/2002; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro), en diante Lei 39/2015; a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE do 2 de outubro), en diante Lei 40/2015; o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (BOE do 31 de outubro), en diante EBEP, os estatutos da Universidade de Vigo, polo Regulamento de profesorado da Universidade de Vigo, aprobado polo Claustro Universitario o 24 de xullo de 2012, e pola normativa reguladora dos concursos de acceso aos corpos docentes universitarios e do procedemento de selección de profesorado contratado doutor con vinculación permanente na Universidade de Vigo, aprobada polo Consello de Goberno o 8 de outubro de 2008; polas bases desta convocatoria e demais normativa que resulte de aplicación.

Segunda. Requisitos das persoas candidatas

2.1. Para poder seren admitidas á realización destas probas selectivas, as persoas que sexan aspirantes deberán reunir os requisitos exixidos nesta base na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes e mantelos ata a formalización do contrato:

a) Ter nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea ou nacional daqueles Estados aos cales, en virtude de tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa de aplicación a libre circulación de traballadores e traballadoras nos termos establecidos no EBEP.

Tamén poderán participar o cónxuxe, descendentes e descendentes do cónxuxe, das persoas con nacionalidade española e de quen sexa nacional doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito; os menores de vinte e un anos ou maiores desa idade que vivan ás súas expensas. Este último beneficio será igualmente de aplicación a familiares de nacionais doutros Estados cando así se prevexa nos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España.

Os nacionais de Estados distintos dos apuntados anteriormente poderán tamén participar nos concursos e seren contratados sempre que se atopen legalmente en España e dispoñan do documento que os habilite para residir e acceder sen limitacións ao mercado de traballo.

b) Ter cumpridos os dezaseis anos de idade e non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

c) Estar en posesión da titulación de doutor ou doutora. No caso de títulos obtidos no estranxeiro, deberá achegarse credencial que acredite a súa homologación ou o seu recoñecemento para o exercicio como docente de universidade.

d) Acreditar a avaliación positiva pola Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación ou pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia. Quen pertenza aos corpos docentes universitarios e as persoas candidatas que se atopen habilitadas ou acreditadas resultarán admitidas nos termos e nas condicións establecidos na Resolución da Dirección Xeral de Universidades do 18 de febreiro de 2005 (BOE de 4 de marzo).

e) Ter aboado as taxas por dereitos de exame dentro do prazo de presentación de solicitudes.

f) Non ter sido separado do servizo, mediante expediente disciplinario, de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos. As persoas aspirantes cuxa nacionalidade non sexa a española deberán acreditar non estaren inhabilitadas ou en situación equivalente, nin estaren sometidas a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

g) Posuír a capacidade funcional para o desempeño das tarefas correspondentes á praza.

h) Ter finalizado o Programa Ramón y Cajal como investigador doutor e dispor do certificado I3 nas prazas que se indique no anexo I e reservadas de conformidade co artigo 19 da Lei 3/2017, do 28 de xuño, dos orzamentos xerais do Estado para o ano 2017; no artigo 19 da Lei 6/2018, do 3 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018, prorrogados para o ano 2019.

Terceira. Solicitudes

3.1. A solicitude de participación farase cubrindo o formulario integrado na aplicación web da Universidade de Vigo. Para presentar a solicitude de participación, as persoas interesadas deberán cubrir o formulario web da solicitude que se atopa establecido especificamente para a praza e o corpo correspondente, dispoñible na ligazón https://secretaria.uvigo.gal/uv/web/convocatoria/public/index, no prazo de vinte días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Cando o último día do prazo sexa inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

3.2. Unha vez cuberta e validada a solicitude a través da aplicación web, esta deberá ser impresa, asinada e presentada no Rexistro Xeral (Edificio Exeria, Campus Universitario, 36310 Vigo), ou nos rexistros auxiliares da Universidade de Vigo (Campus de Pontevedra, Campus de Ourense e r/ Torrecedeira, nº 86, Vigo), ou de acordo coas restantes formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015.

As solicitudes remitidas a través dunha oficina de Correos presentaranse en sobre aberto para que o persoal de Correos lle estampe a data de presentación na solicitude antes de ser certificada. O enderezo postal será o seguinte:

Rexistro Xeral da Universidade de Vigo, Edificio Exeria, Servizos Centrais do Campus As Lagoas, Marcosende, s/n, 36310 Vigo, Pontevedra.

As solicitudes remitidas desde o estranxeiro deberán cursarse a través das representacións diplomáticas ou consulares españolas correspondentes e debe figurar igualmente a data da súa presentación na solicitude. Neste caso, a presentación da solicitude comunicarase por correo electrónico á conta consultapdi@uvigo.es e enviarase copia dela despois de tela presentado.

3.3. A publicación dos actos que integran este procedemento no taboleiro de anuncios do Edificio de Exeria, servizos centrais servirá de notificación para todos os efectos, de acordo co previsto no artigo 45.1 da Lei 39/2015.

Con independencia dos lugares en que regulamentariamente deban publicarse, tanto a convocatoria como os actos e acordos que integran este proceso selectivo publicaranse a título divulgativo na páxina electrónica da Universidade de Vigo, no seguinte enderezo: https://secretaria.uvigo.gal/uv/web/convocatoria/public/index

3.4. Os dereitos de exame para cada praza CD1901 serán de 43,30 euros. A liquidación de taxas realizarase a través da aplicación web da Universidade de Vigo habilitada para a participación no concurso de acceso. Poderá aboarse o importe correspondente no período indicado na folla de liquidación, ben en efectivo ou con tarxeta.

En efectivo farase nalgunha das entidades bancarias colaboradoras coa Universidade de Vigo: Abanca, Banco Santander ou CaixaBank. Con tarxeta realizarase a través da aplicación informática, que permitirá seleccionar esta opción, será preciso seguir con atención o proceso ata a súa finalización e comprobar que o pagamento foi feito correctamente.

Segundo o disposto no artigo 23 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento as persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 % e os membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial. Aplicarase unha bonificación do 50 % na taxa de inscrición aos membros de familias numerosas de categoría xeral. Nos tres supostos será necesario que coa solicitude presenten as respectivas certificacións que o acrediten.

Así mesmo, terán unha bonificación do 50 % da taxa as persoas que figurasen como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data de publicación da presente convocatoria e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego, aspectos que deberán ser certificados pola oficina dos servizos públicos de emprego.

A falta de pagamento dos dereitos de exame no prazo de presentación de instancias non é reparable e determinará a exclusión definitiva do concurso de quen sexa aspirante, agás que acredite o pagamento ou a exención da citada taxa.

3.5. Durante o proceso de inscrición descrito na base 3.1 achegaranse nun fichero pdf os seguintes documentos; será causa de exclusión a falta dalgún deles:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade. Quen sexa aspirante, non posúa a nacionalidade española e teña dereito a participar, deberá presentar fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, de ser o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de vivir ás expensas ou estar a cargo de quen sexa nacional doutro Estado co que teña o devandito vínculo. Así mesmo, deberán presentar declaración xurada ou promesa de non estaren separados de dereito do seu cónxuxe e, se é o caso, do feito de que vive ás súas expensas ou está ao seu cargo.

b) Fotocopia do título de doutor ou doutora. Cando corresponda, deberá xuntarse a credencial de homologación ou recoñecemento profesional.

c) Fotocopia da credencial de avaliación positiva da súa actividade docente e investigadora expedida pola axencia ou o órgano de avaliación competente. A persoa que sexa funcionaria dos corpos docentes universitarios deberá presentar certificación de servizos prestados acreditativa de tal condición e as persoas candidatas que se atopen habilitadas, copia da credencial que o acredite.

d) No suposto de ser docente dunha praza de igual categoría deberá presentar folla de servizos orixinal que acredite o seu desempeño.

e) Xustificante, se é o caso, da exención parcial ou total de taxas.

3.6. Os erros de feito que se puidesen advertir poderanse emendar en calquera momento, de oficio ou por petición da persoa interesada. Quen sexa aspirante queda vinculado aos datos que fixese constar na súa solicitude e poderá unicamente demandar a súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 3.1 para a presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo, non se admitirá ningunha petición desta natureza, excepto causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada pola universidade.

Cuarta. Admisión de aspirantes

4.1. No prazo máximo de 15 días hábiles desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, o reitor da Universidade de Vigo ditará unha resolución que aprobe a relación provisional de persoas admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión.

4.2. As persoas interesadas poderán presentar reclamación ante o reitor contra esta resolución reitoral, no prazo de dez días hábiles contados desde o día seguinte ao da súa publicación. Posteriormente ditarase unha resolución, que aprobe a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas. As reclamacións entenderanse resoltas coa publicación da lista definitiva.

Quinta. Comisións de acceso

5.1. As comisións de acceso deberán procurar unha composición equilibrada entre mulleres e homes, agás cando non sexa posible por razóns fundadas e obxectivas, debidamente motivadas. De acordo co que establece o artigo 75.4 dos estatutos da Universidade de Vigo, a composición das comisións é a que figura no anexo II desta convocatoria e terá a categoría primeira das recollidas no artigo 30 do Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servizo.

Agás petición expresa da Presidencia e debidamente autorizada, cada comisión terá a súa sede e actuará no centro en que teña a súa sede o departamento a que se adscriba a praza convocada.

A universidade fará públicos coa publicación da convocatoria os curriculum vitae dos membros das comisións de acceso no enderezo da internet: https://secretaria.uvigo.gal/uv/web/convocatoria/public/index

O nomeamento como membro dunha comisión é irrenunciable, agás cando concorra causa xustificada, debidamente alegada pola persoa interesada e así apreciada por esta reitoría. Os membros da comisión deberán absterse de actuar e poderán ser recusados nos casos e polos motivos previstos no artigo 23 da Lei 40/2015. Resolta a renuncia, a abstención ou a recusación, as persoas afectadas serán substituídas polos respectivos suplentes e, na súa falta, por orde correlativa e, en último caso, resolverá o reitor.

5.2. As comisións deberán constituírse no prazo dun mes desde a publicación da relación definitiva de persoas admitidas e excluídas. Transcorrido o prazo sen que se constituíse a comisión correspondente, o reitor procederá á substitución da persoa que exerza a presidencia titular.

5.3. A constitución de cada comisión exixirá a asistencia de cinco dos seus membros, titulares ou suplentes, se é o caso. A Presidencia, unha vez realizadas as consultas pertinentes cos restantes membros, convocará a quen sexa membro titular e, de ser o caso, suplente, cunha antelación mínima de dez días hábiles e, fixará o lugar, a data e a hora para proceder ao acto de constitución da comisión, que poderá realizarse por calquera dos procedementos que permitan os medios tecnolóxicos dispoñibles, neste suposto quedará recollida na acta tal circunstancia. Os membros titulares serán substituídos polos seus respectivos suplentes, en primeiro lugar, ou por orde correlativa.

No acto de constitución, a comisión establecerá os criterios de valoración do concurso adecuados ao perfil da praza e faraos públicos no taboleiro de anuncios do lugar onde se realicen as probas, antes do acto de presentación dos candidatos e candidatas.

5.4. Unha vez constituída a comisión, en caso de ausencia da persoa que exerza a presidencia, será substituída polo catedrático ou catedrática de universidade con maior antigüidade que teña recoñecidos, polo menos, dous tramos de investigación.

5.5. Para que a comisión poda actuar validamente requirirase a asistencia de, polo menos, tres dos seus membros, entre os que figurarán obrigatoriamente as persoas que ocupen a presidencia e a secretaría. Os membros da comisión que estivesen ausentes da proba cesarán en tal condición, sen prexuízo das responsabilidades en que puidesen ter incorrido.

5.6. Á secretaría de cada comisión corresponderanlle as actuacións administrativas e a xestión económica propias da comisión, auxiliada polo persoal de administración e servizos do departamento a que estea adscrita a praza.

5.7. Durante o desenvolvemento do concurso a comisión resolverá as dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas, así como o que proceda nos casos non previstos nelas. En todo momento a súa actuación axustarase ao disposto na Lei 39/2015 e na Lei 40/2015.

Sexta. Acto de presentación e proba

6.1. A presidencia da comisión convocará a quen participe no concurso ao acto de presentación cunha antelación mínima de dez días hábiles e indicará o lugar e a hora para realizar o acto de presentación.

6.2. No acto de presentación, que será público, quen sexa concursante entregará en calquera soporte informático as alíneas a) e b):

a) O curriculum vitae por sextuplicado, que deberá axustarse ao modelo que se achega como anexo III, no cal detallarán os seus méritos e o historial académico docente e investigador.

b) O seu proxecto docente e investigador adecuado ao perfil do concurso, tamén por sextuplicado.

c) Un exemplar das publicacións e dos documentos acreditativos do consignado no curriculum vitae, con independencia de que a comisión poida solicitar documentación complementaria acreditativa orixinal ou compulsada.

6.3. No acto de presentación determinarase, mediante sorteo, a orde de actuación das persoas candidatas, e a comisión fixará e publicará no taboleiro o lugar, a data e a hora de comezo da proba, a cal deberá iniciarse no prazo máximo de dez (10) días hábiles, contados desde o día do acto de presentación. Este prazo poderá ser renunciable por escrito por parte das persoas concursantes. Igualmente, a comisión fixará o prazo durante o cal poderán examinar a documentación presentada as restantes persoas que concursen.

6.4. As mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización do exercicio polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación ou, eventualmente, nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro dos cinco (5) días hábiles seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano que convoca aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente, tomando en conta, ademais do alegado, os dereitos dos demais aspirantes a unha resolución do proceso axustada a tempos razoables e as necesidades e intereses da universidade. Contra tal acordo non caberá recurso sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible, de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.5. A comisión valorará exclusivamente os méritos que, sendo alegados no curriculum vitae por quen sexa aspirante, estean debidamente xustificados, sempre referidos á data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

6.6. Os concursos realizaranse en dependencias da Universidade de Vigo. Constarán dunha única proba, que será pública e consistirá na exposición oral, durante un tempo mínimo de trinta minutos e máximo de dúas horas, dos méritos e do historial académico docente e investigador, así como do proxecto docente e investigador presentado. A continuación, a comisión debaterá co candidato ou candidata durante un tempo máximo de dúas horas sobre os seus méritos, o seu proxecto docente e investigador e a adecuación destes ao perfil da praza obxecto de concurso.

6.7. Finalizada a proba, cada membro da comisión entregaralle á Presidencia un informe razoado axustado aos criterios previamente fixados de cada unha das persoas que concursen, con expresión explícita do voto favorable ou desfavorable.

6.8. Para superar a proba é necesario obter, polo menos, tres votos favorables dos membros da comisión. De non acadar ningunha candidatura polo menos tres votos favorables, o proceso poderá concluír coa proposta de non provisión, que deberá ser suficientemente motivada.

6.9. A proposta de provisión de prazas realizarase con base nos votos favorables recibidos dos membros da comisión. En caso de empate, recorrerase á votación, sen que sexa posible a abstención. De persistir o empate, dirimirá o voto da Presidencia.

Sétima. Proposta, presentación de documentos e formalización de contratos

7.1. A comisión elevará ao reitor, motivadamente e con carácter vinculante, a relación de todas as persoas que superaron a proba por orde de preferencia. A comisión poderá propor a non provisión da praza xustificando esta decisión. Este acordo publicarase no centro onde se realice a proba e servirá de notificación ás persoas interesadas para todos os efectos.

7.2. No prazo dos tres días hábiles seguintes ao de finalización da súa actuación, a secretaría da comisión entregará no Servizo de Persoal Docente e Investigador da Universidade de Vigo a documentación completa relativa ás súas actuacións e un exemplar da documentación presentada por cada persoa que concursase.

7.3. As persoas propostas para a provisión das prazas deberán presentar no prazo dos vinte días hábiles seguintes ao de publicación da proposta da comisión no lugar de realización da proba, nos lugares e conforme o procedemento previsto na base 3.2, os seguintes documentos:

a) A documentación recollida na base 3.5: fotocopia do documento de identidade, fotocopia compulsada do título de doutor ou doutora, fotocopia compulsada da acreditación e folla de servicios orixinal da universidade ou organismo, para os aspirantes que non pertenzan á Universidade de Vigo.

b) Declaración xurada ou promesa de non incorrer en incompatibilidade segundo o establecido na Lei 53/1984, do 26 de setembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas (BOE do 4 de xaneiro de 1985), en diante Lei 53/1984.

c) Declaración xurada ou promesa de non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos, de conformidade co establecido no artigo 56.1.d) do EBEP.

No caso de ser nacional doutro Estado, acreditar non encontrarse inhabilitado ou en situación equivalente nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos, o acceso ao emprego público.

d) Certificado médico oficial ou informe de saúde emitido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) de non padecer enfermidade nin defecto físico ou psíquico que o incapacite para o desempeño das funcións correspondentes a docente de universidade.

Quen teña a condición de funcionario de carreira estará exento de xustificar e presentar os documentos das alíneas b) e c) e terá que presentar certificado (folla de servizos prestados) da universidade ou organismo de que dependa que acredite a súa condición e as circunstancias que consten na folla de servizos. De acordo coa base 3.3.d), non será necesario ese certificado cando xa se tiver achegado coa solicitude de participación.

7.4. O reitor da Universidade de Vigo efectuará o nomeamento como profesor contratado doutor ou como profesora contratada doutora das persoas propostas pola comisión, nun número que non exceda o número de prazas convocadas a concurso, unha vez que acheguen a documentación requirida no prazo. De non facelo, o reitor procederá, se é o caso, ao nomeamento da seguinte persoa na orde proposta.

7.5. O nomeamento especificará a denominación da praza, categoría e área de coñecemento, e remitirase para a súa publicación ao Diario Oficial de Galicia.

7.6. No prazo máximo de vinte días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación do nomeamento no Diario Oficial de Galicia, formalizarase a contratación da persoa proposta. A sinatura do contrato ten carácter persoal e intransferible. No caso de que non asine no prazo sinalado sen autorización expresa, considerarase que renuncia á praza e poderase proceder ao nomeamento da seguinte persoa na orde prevista na base 7.1.

7.7. O contrato terá duración indefinida e a xornada de traballo será a fixada con carácter xeral para os corpos docentes universitarios. O período de proba será de 6 meses e considerarase superado sempre que non conste obxección expresa contraria dentro dese prazo.

7.8. As referencias a necesidades e obrigacións docentes e ao centro de adscrición que poida conter a convocatoria non suporán dereito de vinculación exclusiva a tal actividade docente e destino para quen teña adxudicada a praza.

7.9. O contrato estará suxeito á Lei 53/1984. O seu incumprimento será causa de extinción do contrato.

Oitava. Comisión de Reclamacións

8.1. Contra a proposta da comisión, as persoas admitidas no concurso poderán presentar reclamación ante o reitor da Universidade de Vigo, no prazo máximo de dez días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación no lugar de realización da proba. Admitida a trámite a reclamación, suspenderase o nomeamento ata a súa resolución definitiva.

8.2. As reclamacións que se presenten anunciaranse no taboleiro de anuncios do Rexistro Xeral da Universidade de Vigo, publicación que servirá de notificación para todos os efectos. As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días hábiles para formular alegacións sobre o contido da reclamación.

8.3. As reclamacións serán valoradas pola Comisión de Reclamacións da Universidade de Vigo, que examinará o expediente relativo ao concurso, valorará os aspectos puramente procedementais e verificará o efectivo respecto, por parte da Comisión de Selección, da igualdade de condicións dos candidatos e candidatas e dos seus principios de mérito e de capacidade no procedemento do concurso de acceso. Resolverá no prazo máximo de tres meses, ratificando ou non a proposta reclamada. Neste último caso, retrotraerase o expediente ata o momento en que se produciu o vicio, e a Comisión de Selección deberá formular nova proposta, tras o que o reitor ditará a resolución de acordo coa proposta da Comisión de Reclamacións.

8.4. As resolucións do reitor a que se refire o punto anterior deste artigo esgotan a vía administrativa e serán impugnables directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Novena. Devolución da documentación presentada polos/as aspirantes

A documentación presentada no concurso deberá ser retirada do Servizo de PDI, logo da petición da persoa interesada, dentro do prazo de tres meses contados desde a finalización do procedemento ou, se é o caso, desde que a resolución impugnada adquira firmeza. A documentación que non fose retirada nese prazo será destruída.

Décima. Protección de datos

De acordo co disposto no artigo 13 do Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección da persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, e co disposto no artigo 11 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, os datos facilitados na solicitude serán tratados baixo a responsabilidade da Universidade de Vigo, coa finalidade de xestionar a tramitación deste concurso e amparadas pola Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e os estatutos da Universidade de Vigo.

Coa súa participación neste concurso, as persoas interesadas autorizan a Universidade de Vigo para a publicación dos seus datos, de acordo cos principios de publicidade e transparencia, cando así derive da natureza deste concurso. Non obstante e co fin de previr riscos para a publicidade de datos persoais de vítimas de violencia de xénero, a persoa afectada comunicará esta circunstancia coa maior celeridade á Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo (986 81 34 19 e igualdade@uvigo.es).

Estes datos trataranse durante o tempo imprescindible para cumprir coa citada finalidade e conservaranse durante o prazo necesario para determinar as posibles responsabilidades que puideren derivar desa finalidade e do tratamento dos datos.

As persoas participantes están obrigadas a facilitar estes datos en virtude do especificado nos parágrafos anteriores e, en caso de non facelo, excluiranse do proceso selectivo.

As persoas participantes teñen dereito a solicitar ao responsable do tratamento, en calquera momento, o acceso, a rectificación ou a supresión dos seus datos persoais e a limitación do seu tratamento, así como a oporse ao devandito tratamento e a solicitar, agás casos de interese público e/ou exercicio de poderes públicos, a portabilidade dos seus datos.

Estes dereitos poderán exercerse mediante solicitude dirixida ao reitor da Universidade de Vigo, no Rexistro da Universidade de Vigo ou en calquera dos rexistros indicados no artigo 16 da LPCAP e remitila a Secretaría Xeral da Universidade de Vigo, Campus Universitario, 36310 Vigo, Pontevedra. Para máis información: https://www.uvigo.gal/proteccion-datos

Igualmente, poden dirixir a solicitude á delegada de Protección de Datos: Ana Garriga Domínguez, Facultade de Dereito, Campus Universitario As Lagoas, 32004 Ourense (España) 988 36 88 34, dpd@uvigo.gal

Tamén poden presentar unha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD).

Décimo primeira. Norma final

11.1. O tempo transcorrido entre a publicación da presente convocatoria e a resolución do concurso non poderá exceder catro meses. Para estes efectos, o mes de agosto considerarase inhábil.

11.2. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

As persoas interesadas poderán optar por interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución, perante o reitor. Neste caso non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producise o rexeitamento presunto do recurso de reposición interposto, segundo o previsto no artigo 123.2 da Lei 39/2015.

Vigo, 3 de marzo de 2020

Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo

ANEXO I

Datos das prazas

Praza nº 1.

Referencia:

CD1901-C02-412-DO-TC-01

Nº de prazas:

1

Corpo/categoría:

profesor/a contratado/a doutor/a

Área de coñecemento:

A0412 Fisioloxía Vexetal

Departamento:

D00c02 Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo

Actividade docente e investigadora:

Fisioloxía vexetal II

Redacción e execución de proxectos

Centro de traballo:

302 Facultade de Bioloxía

Observacións:

Ter rematado o Programa Ramón y Cajal e ter conseguido o certificado I3

Praza nº 2.

Referencia:

CD1901-T03-495-DO-TC-01

Nº de prazas:

1

Corpo/categoría:

profesor/a contratado/a doutor/a

Área de coñecemento:

A0495 Enxeñaría Aeroespacial

Departamento:

D00t03 Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos

Actividade docente e investigadora:

Transporte aéreo e sistemas embarcados

Vehículos aeroespaciais

Centro de traballo:

107 Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo

Praza nº 3.

Referencia:

CD1901-T04-555-DO-TC-01

Nº de prazas:

1

Corpo/categoría:

profesor/a contratado/a doutor/a

Área de coñecemento:

A0555 Enxeñería Química

Departamento:

D00t04 Enxeñaría Química

Actividade docente e investigadora:

Modelaxe de procesos biotecnolóxicos

Centro de traballo:

312 Escola de Enxeñaría Industrial

Observacións:

Ter rematado o Programa Ramón y Cajal e ter conseguido o certificado I3

ANEXO II

Comisións de acceso

Praza nº 1: CD1901-C02-412-DO-TC-01.

Área: Fisioloxía Vexetal.

Cargo

Nome

Corpo

Institución

Comisión titular

Presidente

Manuel Joaquín Reigosa Roger

Catedrático de universidade

Universidade de Vigo

Secretario

José Carlos Souto Otero

Profesor titular de universidade

Universidade de Vigo

Vogal 1ª

Penélope García Angulo

Profesora contratada doutora

Universidade de León

Vogal 2º

Antonio Esteban Encina García

Profesor titular de universidade

Universidade de León

Vogal 3º

Manuel Ángel Rey Fraile

Profesor titular de universidade

Universidade de Vigo

Comisión suplente

Presidenta

Rosa Ana Malvar Pintos

Escala de profesores de investigación

CSIC, Consello Superior de Investigacións Científicas

Secretaria

Adela María Sánchez Moreiras

Profesora contratada doutora

Universidade de Vigo

Suplente 1º

Pedro Revilla Temiño

Escala de investigadores científicos

CSIC

Suplente 2ª

María Nuria Pedrol Bonjoch

Profesora contratada doutora

Universidade de Vigo

Suplente 3ª

Ana María Butrón Gómez

Escala de científicos titulares

CSIC

Praza nº 2: CD1901-T03-495-DO-TC-01.

Área: Enxeñaría Aeroespacial.

Cargo

Nome

Corpo

Institución

Comisión titular

Presidente

José Luis Míguez Tabarés

Catedrático de universidade

Universidade de Vigo

Secretario

Pablo Fajardo Peña

Profesor titular de universidade

Universidad Carlos III de Madrid

Vogal 1ª

María Concepción Paz Penín

Profesora titular de universidade

Universidade de Vigo

Vogal 2º

Sergio Esteban Roncero

Profesor contratado doctor

Universidad de Sevilla

Vogal 3º

Álvaro Cuerva Tejero

Profesor titular de universidade

Universidad Politécnica de Madrid

Comisión suplente

Presidenta

Mª Jesús Sanchís Sánchez

Catedrática de universidade

Universidad Politécnica de Valencia

Secretario

Jacobo Porteiro Fresco

Profesor titular de universidade

Universidade de Vigo

Suplente 1º

Joaquín Baltasar Collazo Rodríguez

Profesor contratado doctor

Universidade de Vigo

Suplente 2º

Pablo Eguía Oller

Profesor titular de universidade

Universidade de Vigo

Suplente 3ª

Elena Beatriz Martín Ortega

Profesora titular de universidade

Universidade de Vigo

Praza nº 3: CD1901-T04-555-DO-TC-01.

Área: Enxeñería Química.

Cargo

Nome

Corpo

Institución

Comisión titular

Presidente

Ramón Nóvoa Rodríguez

Catedrático de universidade

Universidade de Vigo

Secretaria

María Asunción Longo González

Profesora titular deuniversidade

Universidade de Vigo

Vogal 1º

José Manuel Canosa Saa

Profesor titular de universidade

Universidade de Vigo

Vogal 2ª

Sandra Bolaño García

Profesora titular de universidade

Universidade de Vigo

Vogal 3º

José Manuel Cruz Freire

Profesor titular de universidade

Universidade de Vigo

Comisión suplente

Presidenta

Ana Mª Soto Campos

Catedrática de universidade

Universidade de Santiago de

Compostela

Secretario

José Manuel Domínguez González

Profesor titular de universidade

Universidade de Vigo

Suplente 1ª

Ana Belén Moldes Menduíña

Profesora contratada doutora

Universidade de Vigo

Suplente 2ª

Susana Lucas Yagüe

Profesora titular de universidade

Universidad de Valladolid

Suplente 3ª

Ana María Rodríguez Rodríguez

Profesora contratada doutora

Universidade de Vigo

ANEXO III

Curriculum vitae

Datos persoais:

− Apelidos e nome.

− NIF.

− Data, localidade e provincia de nacemento.

− Enderezo, localidade e provincia de residencia.

− Teléfono e enderezo electrónico.

− Categoría actual como docente, centro, departamento e área de docencia actual.

− Data de resolución da habilitación e BOE de publicación.

Datos académicos.

1. Títulos académicos: clase, organismo e centro expedidor, data e cualificación, se a houbese.

2. Postos docentes desempeñados: categoría, organismo ou centro, réxime de dedicación, data de nomeamento ou contrato, data de cesamento.

3. Actividade docente desempeñada.

4. Actividade investigadora desempeñada.

5. Publicacións de libros e monografías: autoría ou coautoría/s, título, editor, editorial, data (de estar pendente de publicación, xustifique a aceptación o Consello Editorial).

6. Traballos científicos publicados en revistas españolas ou estranxeiras: autoría ou coautoría/s, título, revista, volume, páxina, data (de estar pendente de publicación, xustifique a aceptación o Consello Editorial).

7. Outras publicacións.

8. Outros traballos de investigación.

9. Proxectos de investigación subvencionados.

10. Comunicacións e relatorios presentados a congresos: título, organizador, carácter nacional ou internacional, lugar e data.

11. Patentes.

12. Cursos e seminarios impartidos: centro, organismo, materia, actividade desenvolta, data.

13. Cursos e seminarios recibidos: centro, organismo, materia, data.

14. Bolsas, axudas e premios recibidos (posteriores á licenciatura).

15. Actividade en empresas e profesión libre.

16. Outros méritos docentes ou de investigación.

17. Outros méritos.

18. Cargos de xestión desempeñados: cargo, centro, período.

19. Dilixencia de referendo do currículum.