Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Mércores, 18 de marzo de 2020 Páx. 16980

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 9 de marzo de 2020, do tribunal designado para cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo de grao medio de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros técnicos, especialidade de enxeñaría técnica agrícola, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 (Diario Oficial de Galicia número 47, do 7 de marzo) pola que se dá publicidade a diversos acordos.

En sesións que tiveron lugar o 5 e o 9 de marzo de 2020, o tribunal nomeado mediante Orde do 12 de xullo de 2019 (DOG núm. 137, do 19 de xullo) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo de grao medio de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros técnicos, especialidade de enxeñaría técnica agrícola convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG núm. 47, do 7 de marzo), modificado pola Orde do 23 de xullo de 2019 (DOG núm.144, do 31 de xullo).

ACORDOU:

Primeiro. Unha vez revisadas, na sesión que tivo lugar o 5 de marzo de 2020, as reclamacións presentadas ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria:

• Anular as preguntas número 3 e número 6, que pasan a ser substituídas polas preguntas de reserva número 36 e número 37, respectivamente.

• Cambiar a resposta da pregunta número 12, que pasa a ser a resposta b) e cambiar a resposta da pregunta número 23, que pasa a ser a resposta d).

• Desestimar o resto das alegacións presentadas.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.2 da convocatoria, superaron o segundo exercicio do proceso selectivo as persoas aspirantes que obtiveron unha puntuación mínima de vinte puntos (20 puntos). Para estes efectos, nos criterios de corrección, valoración e superación do segundo exercicio, aprobados polo tribunal no Acordo do 18 de febreiro de 2020 en cumprimento da potestade de determinación do criterio de superación do exercicio, e publicados no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal, estableceuse que superarían o segundo exercicio as persoas aspirantes que acadasen as mellores puntuacións, ata completar o número máximo de 20, sempre que obtivesen un número mínimo de 14 respostas correctas (unha vez feitas as deducións por respostas incorrectas, que descontarán cada unha delas un terzo dunha pregunta correcta). Todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela persoa declarada apta que marque o corte considéranse igualmente aptas aínda que se supere o número de persoas aspirantes antes indicado (20).

Asignouse a valoración de 20 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obtiveron unha nota equivalente á nota de corte fixada.

O resto das persoas declaradas aptas teñen unha puntuación distribuída entre os 20 e os 40 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. Do mesmo xeito asignouse a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas.

Feita a corrección en sesión do 9 de marzo de 2020, e consonte os criterios anteriores, superaron o segundo exercicio un total de 21 persoas aspirantes, por ter a mesma puntuación as dúas últimas persoas aspirantes que marcan o corte.

Terceiro. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas ao segundo exercicio do proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo de grao medio de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros técnicos, especialidade enxeñaría técnica agrícola , no lugar onde se realizou a proba e no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal.

Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. De conformidade coa base II.1.1.4 os documentos que xustifiquen a exención (orixinais ou fotocopias compulsadas) da proba de galego deberán ser presentados polas persoas aspirantes que superen o segundo exercicio no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. De conformidade co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Facenda, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2020

Olga Janeiro Barandiarán
Presidenta do tribunal