Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Mércores, 18 de marzo de 2020 Páx. 16857

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 2020, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral da Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia.

Consonte o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, esta dirección xeral dispón a publicación do acordo que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2020

Blanca García-Señoráns Álvarez
Directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO

Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia adoptou o seguinte acordo:

1. De conformidade coas negociacións previas realizadas polo grupo de traballo constituído en cumprimento do previsto nos acordos da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia de datas 12 de xullo e 26 de xullo de 2019, para o estudo e proposta de solución das discrepancias competenciais manifestadas en relación cos artigos 13.4, 15.5.a), 26.3, 27.a), 36.4, e 44.1 e 2 ambas as partes considéranas solucionadas en razón aos seguintes compromisos:

1.1. No que se refire aos artigos 26.3, 27.a) e 36.4, ambas as partes coinciden en considerar que o contido destes preceptos, en canto ás obrigacións que puidesen comportar ou as finalidades das accións para realizarse refiren á Administración autonómica, e non implican obrigas para os funcionarios do Rexistro da Propiedade nin sobre o modo en que se deban efectuar ou cancelar os asentos no Rexistro.

Todo iso entenderase sen prexuízo da competencia que corresponde en exclusiva ao Estado en materia de ordenación dos rexistros e instrumentos públicos, conforme dispón o artigo 149.1.8ª da Constitución.

1.2. No concernente aos artigos 13.4, 15.5.a) e 44.1 e .2, acórdase o seguinte:

a) En relación co artigo 13.4 da Lei 1/2019, ambas as partes coinciden en entender que as medidas que se adopten para mellorar a accesibilidade, habitabilidade ou eficiencia enerxética estarán en todo caso supeditadas ao mantemento dos valores culturais recoñecidos nos inmobles os que fai alusión o mencionado punto (bens de interese cultural e catalogados) e no seu ámbito e contorna propios, garantindo así o cumprimento íntegro da normativa de protección do patrimonio cultural.

b) A controversia respecto do artigo 15.5.a) perdeu obxecto ao suprimir tal punto o artigo 15.dous da Lei do Parlamento de Galicia 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 246, do 30 de decembro).

c) Polo que respecta ao artigo 44.1, entenden ambas as partes que o devandito artigo non sería de aplicación ás actuacións en edificios singulares declarados bens de interese cultural nin ás realizadas en calquera outro inmoble catalogado, calquera que sexa o seu nivel de protección. Enténdese igualmente que tal precepto é respectuoso coa consideración da contorna de protección e da zona de amortecemento como elementos necesarios para garantir a percepción ou comprensión cultural dos edificios protexidos e permitir a súa protección e que, por iso, este unicamente está a exceptuar de autorización previa do órgano autonómico competente en materia de patrimonio cultural aquelas actuacións realizadas en edificios situados na contorna de protección ou zona de amortecemento que non se refiran á envolvente exterior.

As partes entenden que a referencia que se fai a «con independencia do disposto neste (plan especial de protección)» debe entenderse limitada á posible previsión por tales instrumentos da necesidade de autorización administrativa pola Administración autonómica en contra do disposto por este precepto, sen que poida considerarse que ampara a posibilidade de realizar actuacións en contra das determinacións contidas no plan especial, cuxo cumprimento íntegro debe garantir, e procederase á actualización dos plans que non respondan adecuadamente ás necesidades e realidades do ámbito que deben protexer.

d) En relación co artigo 44.2, ambas as partes coinciden en que debe interpretarse nun sentido restritivo a posibilidade de realizar intervencións sen autorización da consellería competente en materia de protección do patrimonio histórico, excluíndose en todo caso as actuacións en edificios singulares declarados de interese cultural ou catalogados con nivel de protección integral, cabe respecto ao resto dos edificios a licenza directa unicamente naquelas actuacións que, sen afectar os elementos protexidos e valores culturais dos citados inmobles, se produzan no interior ou, de ser no exterior, se limiten a intervencións de carácter mínimo nas carpintarías exteriores, acabados de fachada ou cambios de cuberta. A Xunta de Galicia comprométese a desenvolver regulamentariamente o precepto en atención a tal interpretación restritiva, establecendo nesa futura disposición xeral que só cumpren as exixencias antes indicadas, aquelas intervencións descritas e relacionadas con carácter taxado no punto cuarto, VI, b) da instrución interpretativa conxunta da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da Consellería de Cultura e Turismo para a aplicación das seccións 1ª, Normas de aplicación directa, e 2ª, Licenzas directas, do capítulo V do título I dá Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, publicada mediante Resolución do 2 de agosto de 2019 (Diario Oficial de Galicia núm. 153, do 13 de agosto de 2019).

2. En razón ao acordo acadado, ambas as partes coinciden en considerar resoltas as discrepancias manifestadas en relación coa Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia.

3. Comunicar este acordo ao Tribunal Constitucional para os efectos previstos no artigo 33.2 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, así como inserir o presente acordo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Madrid, 29 de xaneiro de 2020

Carolina Darias San Sebastián
Ministra de Política Territorial e Función Pública

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e Conselleiro da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza