Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Venres, 20 de marzo de 2020 Páx. 17123

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 13 de marzo de 2020, do tribunal nomeado para cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo de grao medio de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros técnicos, especialidade de enxeñaría técnica de obras públicas, convocado por Orde de 1 de marzo de 2018, pola que se lle dá publicidade a diversos acordos.

Nas sesións que tiveron lugar os días 9 e 13 de marzo de 2020, o tribunal nomeado pola Orde do 24 de xullo de 2019 (DOG núm. 144, do 31 de xullo) para cualificar o proceso selectivo de ingreso no corpo facultativo de grao medio de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros técnicos, especialidade de enxeñaría técnica de obras públicas, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG núm. 47, do 7 de marzo)

ACORDOU:

Primeiro. Anular, con base nas alegacións presentadas, as preguntas 5, 17, 20, 21, 30, 31 e a pregunta de reserva 38. As tres primeiras preguntas pasan a ser substituídas polas preguntas de reserva 36, 37 e 39, polo que o cuestionario definitivo do exercicio pasa a ter un total de 32 preguntas.

Segundo. Desestimar na súa totalidade as restantes reclamacións e alegacións presentadas.

Terceiro. De conformidade co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria, o exercicio cualificarase de 0 a 40 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 20 puntos. Para estes efectos, nos criterios de corrección, valoración e superación do segundo exercicio aprobados polo tribunal o día 5 de febreiro de 2020 en cumprimento da potestade de determinación do criterio de superación do exercicio, e publicados no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal, estableceuse que superarían o segundo exercicio do proceso selectivo as persoas aspirantes que acaden as mellores puntuacións, ata completar o número máximo de 12, sempre que obtivesen un número mínimo de 17 respostas correctas (unha vez feitas as deducións por respostas incorrectas, que descontarán cada unha delas un terzo dunha pregunta correcta). As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación. Todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela persoa declarada apta que marque o corte consideraranse igualmente aptas aínda se supere o número de aspirantes antes indicado (12).

Dado que como consecuencia das impugnacións admitidas o número total de preguntas válidas é de 32, procede reducir proporcionalmente o número mínimo de respostas correctas necesario para superar o exercicio de xeito que o número mínimo de respostas correctas (unha vez feitas as deducións por respostas incorrectas, que descontarán cada unha delas un terzo dunha pregunta correcta) pasa a ser de 15.

Asignarase a valoración de 20 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada.

O resto das persoas declaradas aptas terán unha puntuación distribuída entre os 20 e os 40 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. Do mesmo xeito, asignarase a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas.

Cuarto. Feita a corrección na sesión que tivo lugar o día 13 de marzo de 2020, e conforme os criterios anteriores, superaron o exame un total de 6 persoas aspirantes.

Quinto. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas ao segundo exercicio do proceso selectivo para o ingreso no corpo facultativo de grao medio de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros técnicos, especialidade de enxeñaría técnica de obras públicas no lugar onde se realizou o exercicio e no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal.

Sexto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Sétimo. De conformidade co disposto na base II.1.1.4 da convocatoria, estarán exentas de realizar o cuarto exercicio do proceso selectivo para evidenciar o coñecemento da lingua galega as persoas aspirantes que acrediten que, dentro do prazo sinalado para presentar a solicitude para participar no proceso selectivo posúan o Celga 4 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo).

Os documentos que xustifiquen a exención (orixinais ou fotocopias compulsadas) deberán se presentados polas persoas aspirantes que superen o segundo exercicio no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación no DOG da resolución pola cal o tribunal faga públicas as cualificacións dese exercicio.

Oitavo. De conformidade co disposto na base III.13 da convocatoria, contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro competente en materia de Función Pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2020

Darío Ferreiro Otero
Presidente do tribunal