Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Domingo, 22 de marzo de 2020 Páx. 17176

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 21 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), do 21 de marzo de 2020.

O Centro de Coordinación Operativa (Cecop), na súa reunión do 21 de marzo de 2020, adoptou o seguinte acordo:

ACORDO DO CENTRO DE COORDINACIÓN OPERATIVA DA SITUACIÓN
DE EMERXENCIA SANITARIA NO TERRITORIO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA
DE GALICIA, DECLARADA POLO ACORDO DO CONSELLO DA XUNTA
DE GALICIA DO DÍA 13 DE MARZO DE 2020, COMO CONSECUENCIA DA EVOLUCIÓN DA EPIDEMIA DO CORONAVIRUS COVID-19

O Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020 declarou a situación de emerxencia sanitaria de interese galego e activou o Plan territorial de emerxencias de Galicia coa conseguinte asunción de todas as actividades de emerxencia polo titular da Presidencia da Xunta de Galicia ou persoa en quen delegue.

A activación do Plan implicou a constitución do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), co obxecto de garantir o funcionamento e a operatividade do Plan.

O Acordo do Consello da Xunta de Galicia prevé que para o desenvolvemento do Plan poderán ditarse ordes e instrucións que afecten dereitos da cidadanía nos termos establecidos polas leis, así como adoptarse medidas de obrigado cumprimento para os seus destinatarios e destinatarias, conforme o que se dispoña se así o aconsellan as necesidades da emerxencia e dos bens que hai que protexer.

En particular, habilítase o Cecop para revisar ou adaptar ás circunstancias as previsións establecidas no acordo.

Tendo en conta o exposto, o Centro de Coordinación Operativa

ACORDA:

Primeiro. Composición do Cecop

Intégrase no Centro de Coordinación Operativa (Cecop), por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a Secretaría Xeral Técnica da Consellería en substitución da Secretaría Xeral de Emprego.

Segundo. Constitución de postos de mando avanzados provinciais

Constituiranse postos de mando avanzados provinciais, coa seguinte composición:

– Delegado/a territorial.

– Secretario/a territorial.

– As xefaturas territoriais de todas as consellerías, podendo incorporarse outro persoal das delegacións que se considere oportuno.

– Representante/s da Unidade de Policía Autonómica.

No caso da provincia de Pontevedra están representados no Posto de Mando Avanzado os dous delegados e secretarias territoriais.

As funcións dos postos de mando avanzado provincial serán as seguintes:

1. Centralizar as peticións de concellos acerca de necesidades de material, que se cursarán a través do formulario habilitado, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias, na web http://www.fegamp.gal/content/enquisa-subministro-material-epi.

2. Ser punto de información para os concellos e recadar información sobre as funcións vinculadas coa actividade do COVID-19 que se están a realizar nos diferentes concellos.

3. Canalizar ao 112 as ofertas de doazón de material que, se é o caso, se reciban nos postos de mando avanzado.

4. Organizar a distribución do material a concellos, GES e Unidade de Policía Autonómica, cando se dispoña deste, de acordo coas instrucións e prioridades establecidas no Cecop.

5. Outras funcións que determine o Cecop.

Terceiro. Medidas de suspensión da apertura ao público de determinadas actividades

Por solicitude dos Colexios Oficiais de Logopedas, Podólogos e Fisioterapeutas, disponse como medida cautelar a suspensión temporal da apertura ao público dos centros e establecementos de logopedia, podoloxía e fisioterapia en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, por non poder garantirse unha asistencia segura aos pacientes ante a situación de illamento, sen prexuízo de permitirse, se é o caso, os tratamentos urxentes ou inaprazables.

Darase traslado desta medida ao Ministerio de Sanidade, para que poida proceder de acordo co disposto na Orde SND/234/2020, do 15 de marzo, sobre adopción de disposicións e medidas de contención e remisión de información ao Ministerio de Sanidade ante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

Cuarto. Solicitude de desinfección coa colaboración da UME

O Servizo Galego de Saúde dá conta ao Cecop dos hospitais e centros que precisan da colaboración medidas de desinfección por parte da Unidade Militar de Emerxencias. Acórdase dar traslado das necesidades de desinfección e dunha relación priorizada de hospitais e centros á Delegación do Goberno en Galicia, para que se poidan levar a cabo as actuacións necesarias.

Quinto. Modificación do punto décimo do Acordo do Centro de Coordinación Operativa do 15 de marzo de 2020, mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19

Por proposta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, modifícase o punto décimo do Acordo do Centro de Coordinación Operativa, do 15 de marzo de 2020, mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19, que queda redactado como segue:

“Nos centros educativos de todos os niveis de ensino non universitario de máis de seis unidades permanecerá, a partir do luns 23 de marzo, unha persoa do equipo directivo do centro o tempo que considere preciso para atender o alumnado e as familias, así como para a verificación do funcionamento das infraestruturas tecnolóxicas do centro e do estado do propio edificio educativo”.

Sexto. Medidas extraordinarias en materia de vivenda

Por proposta da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, apróbanse as seguintes medidas extraordinarias en materia de vivenda, para axudar a paliar a situación dos colectivos máis vulnerables con motivo das medidas excepcionais adoptadas en relación co COVID-19:

– O Instituto Galego da Vivenda e Solo non presentará ao cobramento mediante domiciliación nin exixirá o pagamento inmediato dos recibos do alugamento das vivendas de promoción pública e dos locais comerciais da súa titularidade correspondentes ao mes de abril de 2020.

– O Instituto Galego da Vivenda e Solo adoptará as medidas oportunas para posibilitar que a axuda concedida ao abeiro do bono de alugueiro social e do bono de alugueiro social para vítimas de violencia de xénero poida alcanzar a totalidade da renda que teñen que pagar as persoas beneficiarias dos programas no vindeiro mes de abril de 2020.

Sétimo. Restrición da actividade cinexética

No Acordo do Cecop do 15 de marzo (DOG número 51, do 15.3.2020) estableceuse (punto décimo terceiro) a prohibición temporal de todas as accións de caza colectiva no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, agás autorizacións excepcionais por razóns de prevención dos accidentes de tráfico, danos á agricultura ou á gandaría e riscos en sanidade animal (prevención da entrada da peste porcina africana), ocasionados por especies cinexéticas (especialmente xabaril), onde se permiten as medidas de control en función da comprobación previa dos danos polas xefaturas territoriais da Conselleria de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Así mesmo, con data do 18 de marzo o Cecop acordou a ampliación da prohibición citada a todas as accións de caza.

Por petición da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, adóptase o seguinte acordo que precisa as seguintes condicións das actividades non prohibidas:

– Excepcionalmente, e como medida de control, poderán autorizarse accións de caza de especies cinexéticas, que deberán ser executadas por un só cazador, nos seguintes supostos:

a) Con ocasión de graves danos xeneralizados á agricultura ou á gandaría;

b) Como consecuencia de accidentes graves de tráfico reiterados nun mesmo punto quilométrico;

c) No suposto de graves riscos en sanidade animal (prevención da entrada da peste porcina africana).

– En todos os casos anteriores, as xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente Territorio e Vivenda comprobarán previamente os riscos, continxencias ou o grao de inseguridade.

Decídese, así mesmo, remitir estas condicións excepcionais á Administración do Estado, para os efectos do seu coñecemento e da debida coordinación, dado que implica a posibilidade de desprazamento pola existencia dunha situación de necesidade, de acordo co disposto no artigo 7.1.g) do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, modificado polo Real decreto 465/2020, do 17 de marzo.

Oitavo. Suspensión da actividade da Inspección Técnica de Vehículos

Tendo en conta o criterio anunciado polas autoridades delegadas competentes do Goberno do Estado relativo á obrigatoriedade de pechar os servizos das inspeccións técnicas de vehículos en toda España, adóptase a medida de suspensión temporal da actividade do servizo público de Inspección Técnica de Vehículos en Galicia, incluídos os servizos mínimos aprobados no Acordo do Cecop do 18 de marzo de 2020.

Noveno. Condicións de utilización dos medios de transporte marítimo de viaxeiros que se desenvolva en augas interiores de Galicia

Coa entrada en vigor da Orde TMA/230/2020, do 15 de marzo, pola que se concreta a actuación das autoridades autonómicas e locais respecto da fixación de servizos de transporte público da súa titularidade, búscase garantir a aplicación efectiva das medidas previstas para o transporte no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, clarificando o ámbito de actuacións de cada autoridade territorial competente en relación cos servizos de transporte público da súa competencia.

Posteriormente, a través da Orde TMA/254/2020, do 18 de marzo, pola que se ditan instrucións en materia de transporte por estrada e aéreo, concretouse, para o transporte terrestre, a instrución contida no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, de procurar a máxima separación posible entre os viaxeiros, limitando a ocupación a non máis dun terzo dos asentos dispoñibles para a ocupación máxima do vehículo.

De forma análoga ao indicado nas anteriores ordes, e no marco das competencias que habilitan as citadas disposicións, procede establecer normas complementarias no ámbito do transporte público marítimo de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia encamiñadas a limitar a cabida dos barcos que fan estes servizos.

Atendendo ao exposto, o Cecop, por proposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, entende necesario, no marco das competencias exclusivas que corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de transporte marítimo de viaxeiros que se desenvolva en augas interiores de Galicia, e de conformidade coa habilitación establecida no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, e na Orde TMA/230/2020, do 15 de marzo, establecer normas complementarias no ámbito do transporte público marítimo de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia encamiñadas a limitar a cabida dos barcos que fan estes servizos nos termos que a continuación se indican.

Nos servizos de transporte marítimo de viaxeiros que se desenvolvan en augas interiores de Galicia, as empresas adoptarán as medidas necesarias para procurar a máxima separación posible entre os viaxeiros, procurando, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, que os viaxeiros ocupen a cuberta superior. En calquera caso, non poderá ser ocupado máis dun terzo das prazas existentes en cada unha das cubertas de que dispoña a embarcación, debendo manterse libres as filas de asentos ou prazas máis próximas ás que ocupe o persoal da empresa navieira.

Décimo. Medidas para a aplicación da Orde SND/257/2020, do 19 de marzo, pola que se declara a suspensión de apertura ao público de establecementos de aloxamento turístico, de acordo co artigo 10.6 do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19

Por proposta da Consellería de Cultura e Turismo, apróbanse as medidas que seguen para a aplicación da Orde SND/257/2020, do 19 de marzo, pola que se declara a suspensión de apertura ao público de establecementos de aloxamento turístico, de acordo co artigo 10.6 do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

O 19 de marzo de 2020 publícase no BOE número 75 a Orde SND/257/2020, do 19 de marzo, pola que se declara a suspensión de apertura ao público de establecementos de aloxamento turístico, de acordo co artigo 10.6 do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

A citada orde establece a suspensión de apertura ao público de todos os hoteis e aloxamentos similares, aloxamentos turísticos e outros aloxamentos de curta estadía, cámpings, aparcadoiros de caravanas e outros establecementos similares, localizados en calquera parte do territorio nacional. Con carácter excepcional, queda permitida a prestación dos servizos de vixilancia, seguridade e mantemento nestes establecementos.

Así mesmo, o punto segundo da citada orde permite a apertura ao público daqueles establecementos turísticos que alberguen clientes que, no momento da declaración do estado de alarma, estean hospedados de maneira estable e de temporada, sempre que os seus ocupantes conten coas infraestruturas, nos seus propios espazos habitacionais, para poder levar a cabo as actividades de primeira necesidade nos termos que establece o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. Porén, estes establecementos non poderán admitir novos clientes ata que finalice a suspensión prevista no punto anterior.

A aplicación da citada orde abre unha ampla casuística de situacións persoais e laborais que precisarán ser atendidas dun xeito provisional xa que, noutro caso, se poderían producir situacións de desamparo de persoas en tránsito ou colectivos especialmente vulnerables socialmente ou mesmo afectación a prestacións de servizos estratéxicos para a comunidade por colectivos que agora mesmo se atopan en itinerancias ou en permanencias estacionais.

En consecuencia, tendo en conta o establecido no punto cuarto da Orde SND/257/2020, adóptanse as seguintes medidas:

1. A Comunidade Autónoma de Galicia habilitará, en función das necesidades, establecementos de acollida temporal de garda para as persoas usuarias dos establecementos turísticos e que por diferentes circunstancias tanto persoais como laborais non poidan retornar aos seus domicilios ou lugares de orixe no tempo posterior á fin do prazo establecido para o efectivo peche dos establecementos. Así mesmo, poderán facer uso destes establecementos as persoas e colectivos que se recollen no presente acordo e precisen dunha solución temporal derivado do peche.

2. Poderán permanecer abertos aqueles establecementos turísticos que alberguen clientes que, no momento da declaración do estado de alarma, estean hospedados de maneira estable e de temporada, sempre que os seus ocupantes conten coas infraestruturas, nos seus propios espazos habitacionais, para poder levar a cabo as actividades de primeira necesidade.

No caso de que os ditos establecementos non conten coas infraestruturas necesarias para que os hóspedes desenvolvan nos seus espazos habitacionais as actividades de primeira necesidade, porano en coñecemento dos servizos turísticos da respectiva provincia para os efectos de derivar os hóspedes a outro establecemento de acollida temporal.

3. Poderán permanecer abertos aqueles establecementos turísticos que sexan necesarios para o aloxamento dos traballadores dos sectores estratéxicos e de primeira necesidade definidos no artigo 18 do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, é dicir, os traballadores dos operadores críticos de servizos esenciais e das empresas e provedores que, non tendo a consideración de críticos, son esenciais para asegurar o abastecemento da poboación e os propios servicios esenciais. Neste ámbito inclúense expresamente os traballadores que desenvolven funcións de salvamento marítimo e loita contra incendios.

A Comunidade Autónoma de Galicia acollerá, en función das necesidades, nos establecementos de acollida temporal de garda os traballadores a que se refire o parágrafo anterior e que por diferentes circunstancias non atopen aloxamento axeitado.

4. Facilitarase a apertura de establecementos para a acollida de colectivos que polas súas características presenten unha especial vulnerabilidade social (persoas sen fogar, refuxiados, persoas en risco de exclusión, persoas vítimas de violencia de xénero e outros). A Comunidade Autónoma, en coordinación cos servizos sociais dos concellos ou a Administración competente, facilitará a acollida destes colectivos.

5. Os establecementos turísticos de acollida de garda que a Comunidade Autónoma habilite para a atención das situacións sinaladas nos puntos anteriores deberán reunir as seguintes condicións:

– Contar coas infraestruturas necesarias para que os hóspedes desenvolvan nos seus espazos habitacionais as actividades de primeira necesidade ou, se é o caso, acceso a servizos necesarios para a cobertura das necesidades básicas de alimentación, incluída a posibilidade de que no propio establecemento se elaboren comidas para os usuarios, que neste caso deberán repartirse de xeito individualizado e respectando as indicacións das autoridades sanitarias.

– Non superarán o límite dun terzo da súa ocupación.

– Os establecementos turísticos aplicarán estritamente todas as medidas de limpeza e hixiene recomendadas polas autoridades sanitarias.

6. Os traslados necesarios para que as persoas poidan ser acollidas nos establecementos de referencia deberán realizarse segundo as normas de mobilidade en vigor.

Décimo primeiro. Aclaración sobre desprazamentos desde ou ao lugar de traballo

A Administración autonómica vén recibindo consultas e peticións acerca de se se poden manter certos desprazamentos desde ou ao lugar de traballo en vehículos ocupados por máis dun traballador.

Á vista das dúbidas e consultas existentes, e tendo en conta que o artigo 7.1 do Real decreto 463/2020, de declaración do estado de alarma, modificado polo Real decreto 465/2020, exceptúa da regra do carácter individual dos desprazamentos a existencia de causa xustificada, o Cecop adopta o seguinte acordo interpretativo:

Aclárase expresamente que concorre causa xustificada que permite a excepción á regra do carácter individual dos desprazamentos nos seguintes casos (con carácter non exhaustivo e, polo tanto, sen prexuízo doutros casos que poidan existir):

– Os desprazamentos desde e ao lugar de traballo en vehículo compartido por máis dun traballador, en sectores críticos para o mantemento dos servizos esenciais e de empresas que son esenciais para asegurar o abastecemento da poboación e os propios servizos esenciais (como, por exemplo, traballadores das compañías enerxéticas para a resolución de avarías, por seren imprescindibles para o mantemento da subministración enerxética, moi especialmente nos hospitais e resto de centros sanitarios, así como tamén ao resto da cidadanía e á industria; traballadores do sector primario –agricultores, gandeiros, sector forestal, conserveiras...–, por estaren vinculados á garantía do mantemento da cadea alimentaria, así como traballadores de transporte, recollida e tratamento de residuos).

O traslado nestes casos pode realizarse a cargo da propia empresa en vehículos compartidos da súa titularidade (microbuses, por exemplo) ou ben compartindo os traballadores vehículo.

O número de persoas que compartan vehículo nos casos antes expresados non poderá superar o número seguinte:

– 2 persoas para vehículos cunha ocupación máxima de 5 persoas.

– 3 persoas para vehículos cunha ocupación máxima de 7 persoas.

– 4 persoas para vehículos cunha ocupación máxima de 9 persoas.

– 30 % da súa ocupación para vehículos cunha ocupación superior a 9 persoas.

Decídese, así mesmo, remitir este criterio interpretativo á Administración do Estado, para os efectos do seu coñecemento e para que, no caso de que entenda que esta interpretación non resulta posible, o indique expresamente.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2020

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza