Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Xoves, 26 de marzo de 2020 Páx. 17374

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ACORDO do 24 de marzo de 2020 polo que se establecen medidas preventivas no eido da sanidade mortuoria, como consecuencia da epidemia do COVID-19, na Comunidade Autónoma de Galicia.

Por Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, declarouse a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, activouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), e adoptáronse unha serie medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

No punto décimo terceiro, durante o tempo de vixencia do dito acordo, establécese unha limitación na cabida dos velorios e tanatorios a un terzo da súa capacidade máxima e, así mesmo, os cortexos fúnebres quedan reducidos a un máximo de 25 persoas. Non obstante, tendo en conta a situación actual, cómpre seguir tomando medidas na restrición de movementos ou contacto social, fundamentalmente para reforzar a seguridade daquelas persoas máis vulnerables (anciáns, persoas con pluripatoloxía ou inmunodeprimidos), co obxectivo de evitar a exposición ao virus e minimizar o risco de transmisión.

Con data do 22 de marzo de 2020, foi publicada a Orde SND/272/2020, do 21 de marzo, pola que se establecen medidas excepcionais para expedir a licenza de enterramento e o destino final dos cadáveres ante a situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. Esta establece que a inscrición no Rexistro Civil e a posterior expedición da licenza de enterramento poderán ser realizadas pola autoridade competente sen que teñan que pasar, polo menos, vinte e catro horas desde o falecemento. Esta entra en vigor o mesmo día da súa publicación e estará vixente mentres dure o estado de alarma.

O Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan as medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, autoriza a Consellería de Sanidade a establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias que sexan necesarias.

Nestes momentos estase a producir un incremento no número de falecidos, entre eles cada vez son máis os diagnosticados como COVID-19. Isto, xunto á dificultade que están a ter as empresas do sector para a adquisición dos EPI necesarios, motiva a adopción de medidas complementarias ás previamente establecidas en materia de sanidade mortuoria.

Tendo en conta o anterior, e no exercicio das facultades conferidas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020,

ACORDO:

Primeiro

Suspender a realización de actividades de tanatopraxia (embalsamamento e conservación temporal) en todos os cadáveres, incluídas as actividades de tanatoestética, con independencia de cal sexa a causa do falecemento, permitindo unicamente como técnica de conservación a refrixeración do cadáver ata a súa condución a destino final.

Segundo

O acondicionamento do cadáver realizarase por algún dos seguintes procedementos:

a) Segundo o disposto no protocolo establecido polo ministerio competente en materia de sanidade, empregando unha bolsa sanitaria estanca autorizada para tal fin, a cal se deberá pulverizar con desinfectante de uso hospitalario ou cunha solución de hipoclorito sódico que conteña 5.000 ppm de cloro activo (dilución 1:10 dunha lixivia con concentración 40-50 g/litro preparada recentemente).

b) No caso de non dispor de bolsa sanitaria estanca, empregarase un dobre sudario de plástico que garanta a manipulación e condución dos cadáveres de maneira segura; igualmente, deberase pulverizar con desinfectante de uso hospitalario ou cunha solución de hipoclorito sódico que conteña 5.000 ppm de cloro activo (dilución 1:10 de una lixivia con concentración 40-50 g/litro preparada recentemente).

En ambos os casos, unha vez introducido o cadáver no féretro deberase volver pulverizar segundo o procedemento indicado anteriormente.

Terceiro

Limitar todas as actividades de vela de cadáveres, tanto en establecementos públicos, privados como no domicilio particular e con independencia de cal sexa a causa do falecemento, de maneira que se garanta en todo momento o cumprimento das seguintes medidas:

a) Non asistirán ao dó as persoas que presenten síntomas respiratorios de calquera clase.

b) É necesario lavar as mans con auga e xabón ou con solución desinfectante previamente ao acceso ás instalacións funerarias, así como despois de usar o libro de pésame e os servizos ou baños.

c) Evitarase en todo momento a confluencia de máis de 8 persoas por cada sala de vela no interior do edificio, respectando inescusablemente unha distancia mínima de 2 metros entre cada unha.

d) Evitarase a manifestación de condolencias a familiares a través de abrazos, bicos e aperta de mans.

e) Os titulares dos velorios e tanatorios poñerán ao dispor dos usuarios:

i. Solución alcohólica desinfectante ou hidroxel.

ii. Auga, xabón e toallas dun só uso nos aseos públicos das instalacións.

f) Estas normas deberán ser exhibidas nun lugar ben visible en todas dependencias do establecemento para coñecemento dos usuarios e será responsabilidade do titular do establecemento garantir o seu cumprimento en todo momento.

Cuarto

Aprazar as cerimonias de culto relixiosas ou cerimonias civís fúnebres.

Quinto

As comitivas de acompañamento para a inhumación ou despedida de incineración restrinxiranse aos achegados e familiares máis próximos, quedarán reducidas a un máximo de 20 persoas, gardando entre os asistentes a distancia de 2 metros, e evitaranse saúdos ou manifestacións afectuosas que impliquen contacto entre os participantes, todo iso sen menoscabo das restricións e recomendacións establecidas con carácter xeral.

Sexto

Con base nas restricións de carácter xeral xa establecidas, o servizo de cafetaría e/ou restauración asociado este tipo de establecementos debe permanecer pechado e sen actividade.

Sétimo

En todo caso, segundo o establecido na Orde SND/272/2020, do 21 de marzo, poderase proceder á inhumación ou incineración de todos os cadáveres incluídos no seu ámbito de aplicación antes das vinte e catro horas seguintes ao falecemento.

Oitavo

O disposto no presente acordo entrará en vigor no momento da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación durante a vixencia do estado de alarma declarado co fin de afrontar a situación de emerxencia sanitaria provocada polo coronavirus COVID-19.

Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade