Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Xoves, 26 de marzo de 2020 Páx. 17378

III. Outras disposicións

Universidade da Coruña

RESOLUCIÓN do 13 de marzo de 2020 pola que se publica a oferta de emprego público (OEP) do persoal docente e investigador para o ano 2020.

Conforme o disposto no artigo 70 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público; no artigo 19 da Lei 6/2018, do 3 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018; nos artigos 12 e 36 da Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020; no artigo 62.2 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, así como nos estatutos da Universidade da Coruña (UDC) e no Acordo do Consello de Goberno do 27 de febreiro de 2020 polo que se aproba a oferta pública de emprego para o ano 2020 de prazas estables de persoal docente e investigador da Universidade da Coruña, logo da negociación cos órganos de representación do persoal docente e investigador e unha vez obtida a autorización da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, con data do 11 de marzo de 2020, tal e como se determina nos artigos 12 e 36 da Lei 6/2019,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar a oferta de emprego público (OEP) do persoal docente e investigador da UDC para o ano 2020.

Segundo. En aplicación do artigo 19.un.3.I.) da Lei 6/2018, dentro do límite da taxa de reposición correspondente ao corpo de profesores titulares de universidade e aos profesores contratados doutores destínanse dez prazas (catro de profesor/a titular e seis de contratado/a doutor/a) para a incorporación de persoal investigador doutor que finalizase o Programa Ramón y Cajal e obtivese o certificado I3. No caso de que non se utilicen todas as prazas previstas nesta reserva, estas poderanse ofertar a outros investigadores de programas de excelencia, nacionais ou internacionais que obtivesen o certificado I3.

Terceiro. As convocatorias dos concursos de acceso derivados desta oferta publicaranse no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, para garantir a publicidade exixida nos artigos 62 e 48.3 da Lei 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e executaranse dentro do prazo máximo previsto no artigo 70 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público.

Esta oferta de emprego inclúe as necesidades de recursos humanos de carácter permanente no ámbito docente e investigador con asignación orzamentaria que non poden ser cubertas cos efectivos de persoal existentes, segundo se detalla no anexo.

Na actualidade non se aprobou a Lei de orzamentos do Estado para o ano 2020 e encóntranse prorrogados os orzamentos do ano 2018. Esta oferta realízase conforme os requisitos establecidos na Lei 6/2018, do 3 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018. A disposición adicional oitava da Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2020, establece que a oferta pública de emprego se adaptará aos límites máximos e aos restantes requisitos que se establezan na normativa básica estatal. En consecuencia, esta oferta, de ser o caso, poderá modificarse para axustarse ao disposto na dita normativa básica.

A OEP das mencionadas prazas non afecta o cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria establecidos para a Universidade da Coruña, nin os demais límites fixados na Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira.

A Coruña, 13 de marzo de 2020

Julio Ernesto Abalde Alonso
Reitor da Universidade da Coruña

ANEXO

Oferta de emprego público do persoal docente e investigador
da Universidade da Coruña para o ano 2020

1. Sistema de acceso libre.

1.1. Persoal docente e investigador dos corpos docentes universitarios.

Corpo

Número de prazas

Profesor/a titular de universidade

31

Catro das prazas resérvanse para persoal investigador doutor que finalizase o programa Ramón y Cajal e dispoña da certificación I3. No caso de que non se utilicen todas as prazas previstas nesta reserva, estas poderanse ofertar a outros investigadores de programas de excelencia, nacionais ou internacionais e que obtivesen o certificado I3.

1.2. Persoal docente e investigador contratado.

Categoría

Número de prazas

Profesor/a contratado/a doutor/a

32

Seis das prazas resérvanse para persoal investigador doutor que finalizase o programa Ramón y Cajal e dispoña da certificación I3. No caso de que non se utilicen todas as prazas previstas nesta reserva, estas poderanse ofertar a outros investigadores de programas de excelencia, nacionais ou internacionais e que obtivesen o certificado I3.

2. Sistema de acceso por promoción interna.

En aplicación do disposto na disposición derradeira segunda do Real decreto lei 10/2015, do 11 de setembro, que modifica o artigo 62.2 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, inclúense na OEP para o ano 2020 as seguintes prazas polo procedemento de promoción interna:

Corpo

Número de prazas

Catedrático/a de universidade

15