Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Venres, 27 de marzo de 2020 Páx. 17432

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 26 de marzo de 2020 pola que se autoriza a encomenda aos profesionais sanitarios de último ano de formación das restantes especialidades do exercicio provisional das funcións de facultativo/a adxunto/a especialista, enfermeiro/a especialista ou categoría profesional a que os habilite durante a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

De acordo co punto décimo da Orde SND/232/2020, do 15 de marzo, pola que se adoptan medidas en materia de recursos humanos e medios para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, as comunidades autónomas poderán adoptar as medidas necesarias para garantir a protección de persoas, bens e lugares, e poderán imporlles aos empregados públicos e traballadores ao servizo delas, calquera que sexa a súa categoría profesional, servizos extraordinarios pola súa duración ou pola súa natureza.

As medidas que se adopten poderán ir dirixidas a encomendar funcións distintas das correspondentes ao posto de traballo, categoría ou especialidade, así como medidas de mobilidade xeográfica.

De acordo co número 6 do citado punto, todas as medidas deberán adoptarse co fin de contribuír á correcta prestación asistencial ou dos dispositivos de prevención, control ou seguimento e a súa aplicación realizarase con carácter gradual, utilizando de maneira racional os recursos humanos dispoñibles, e non será de aplicación ás mulleres que se atopen nun estado de xestación.

Mediante a Orde do 24 de marzo de 2020 (DOG número 59), da Consellería de Sanidade, estableceuse o procedemento para a articulación da encomenda aos profesionais sanitarios de último ano de formación de determinadas especialidades do exercicio provisional das funcións de facultativo/a adxunto/a especialista, médico/a de familia de atención primaria, pediatra de atención primaria ou enfermeiro/a especialista durante a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

As citadas especialidades son as recollidas expresamente na Orde ministerial SND/232/2020, do 15 de marzo, pola que se adoptan medidas en materia de recursos humanos e medios para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, respecto das cales o Ministerio de Sanidade estableceu a prórroga da súa contratación.

Xa que logo, dada a progresión da pandemia e para atender adecuadamente a asistencia sanitaria da poboación cos medios adscritos a esta comunidade autónoma, cómpre tamén prever a posibilidade de encomendar as citadas funcións aos profesionais sanitarios de último ano de formación das restantes especialidades non previstas na citada orde.

Así mesmo, de acordo co parágrafo 2 do punto décimo da orde ministerial, cómpre tamén a adopción de medidas relativas á prestación de servizos consistentes na encomenda de funcións distintas das correspondentes ao posto de traballo, categoría ou especialidade, así como medidas de mobilidade xeográfica.

Por conseguinte, de acordo cos puntos décimo e décimo segundo da Orde SND/232/2020, do 15 de marzo, cómpre a adopción das seguintes medidas de actuación, en virtude do cal se

RESOLVE:

Primeiro

Encomendar aos ditos profesionais sanitarios de último ano de formación das restantes especialidades non previstas na Orde do 24 de marzo de 2020 desta consellería, de maneira provisional, as funcións, en correspondencia coa súa especialidade de formación, de facultativo/a adxunto/a especialista, enfermeiro/a especialista ou categoría profesional a que os habilite dentro do Sistema público de saúde de Galicia.

Segundo

A encomenda será realizada polas xerencias/direccións de cada área sanitaria de acordo co modelo recollido no anexo I da presente orde e o procedemento establecido na Orde do 24 de marzo de 2020, da Consellería de Sanidade, respecto da avaliación provisional por parte das comisións de docencia.

Terceiro

Recoñecer aos citados profesionais sanitarios as percepcións económicas da categoría profesional correspondente durante o tempo que desempeñen as ditas funcións, así como promover a valoración dos servizos prestados na citada categoría/especialidades nos procesos selectivos e de provisión de postos dentro do Sistema público de saúde de Galicia.

Cuarto

Así mesmo, dado o incremento progresivo da demanda asistencial nos servizos de urxencias dos centros do Sistema público de Saúde de Galicia, as xerencias/direccións poderán encomendar aos profesionais sanitarios de último ano de formación, en correspondencia coa súa especialidade de formación, as funcións das categorías de médico/a asistencial 061, médico/a coordinador, médico de urxencias hospitalarias. A encomenda será realizada polas xerencias/direccións de cada área sanitaria utilizando o modelo establecido no anexo I da Orde do 24 de marzo de 2020, da Consellería de Sanidade, e o procedemento establecido na Orde do 24 de marzo de 2020, da Consellería de Sanidade, respecto da avaliación provisional por parte das comisións de docencia.

Quinto

A presente medida adóptase co fin de contribuír á correcta prestación asistencial dos pacientes afectados polo COVID-19 e durará en función das necesidades asistenciais derivadas da evolución da crise sanitaria e do que dispoña a normativa estatal e demais normativa de aplicación.

Sexto

As presentes medidas resultarán de aplicación desde o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO I

(Orde do 26 de marzo de 2020 da Consellería de Sanidade)

Encomenda do exercicio provisional das funcións de (...) durante a xestión
da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19

De conformidade co disposto no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, e no punto décimo da Orde SND/232/2020, do 15 de marzo, pola que se adoptan medidas en materia de recursos humanos e medios para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, acórdase a encomenda das funcións de..., por causa do estado de alarma ante a situación de crise sanitaria.

Esta encomenda de funcións, sexa cal for a súa duración, non supón dereito ningún a acceder a unha praza do cadro de persoal da institución ou a un vínculo de carácter fixo ou permanente.

O réxime xurídico aplicable será o establecido no punto décimo da Orde SND/232/2020, do 15 de marzo, o disposto na Orde do 26 de marzo da Consellería de Sanidade e demais normativa aplicable durante a crise sanitaria.

1. DATOS DO/A INTERESADO/A:

– Apelidos e nome:

– NIF/NIE:

– Titulación:

– Especialidade:

2. FUNCIÓNS, CAUSA E DURACIÓN DA ENCOMENDA DE FUNCIÓNS:

– Funcións: as propias da categoría de...

– Descrición da prestación: encomenda de funcións ante a situación de crise sanitaria.

– Retribucións:

– Centro de traballo:

– Distrito:

– Centro de xestión: A.S. de...

– Duración: desde o día... ata a finalización da encomenda.

– Xornada:

Xerente da Área Sanitaria de... O/A interesado/a

Asdo.: Asdo.: