Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Xoves, 2 de abril de 2020 Páx. 17739

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 31 de marzo de 2020 pola que se acorda a ampliación do prazo máximo de resolución e notificación do procedemento de suspensión de contratos e redución de xornada por causa de forza maior que teñan a súa causa directa en perdas de actividade como consecuencia do COVID-19, incluída a declaración do estado de alarma, tramitados pola Secretaría Xeral de Emprego así como polas respectivas xefaturas territoriais en función dos respectivos ámbitos territoriais de afectación.

O artigo 22 do Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19, establece unhas medidas excepcionais en relación cos procedementos de suspensión de contratos e redución de xornada por causa de forza maior que teñan a súa causa directa en perdas de actividade como consecuencia do COVID-19, incluída a declaración do estado de alarma.

Son medidas que perseguen evitar que unha situación conxuntural como a actual teña un impacto negativo de carácter estrutural sobre o emprego. Como sinala a exposición de motivos do Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, «este tipo de medidas que teñen por obxectivo a flexibilidade e axilidade dos procedementos de regulación de emprego e a mellora da cobertura, tanto para os traballadores como para os empresarios, contribúe a minorar o impacto negativo sobre o emprego e a actividade económica, dado que se priorizará o mantemento do emprego sobre a extinción dos contratos».

Neste contexto, o citado artigo 22 contén unha serie de especialidades, respecto do recollido na normativa reguladora destes procedementos, que resultan de aplicación naqueles supostos en que decida a empresa a suspensión de contratos ou a redución temporal da xornada de traballo por causa de forza maior con base nas descritas no punto 1 do devandito precepto:

«1. As suspensións de contrato e reducións de xornada que teñan a súa causa directa en perdas de actividade como consecuencia do COVID-19, incluída a declaración do estado de alarma, que impliquen suspensión ou cancelación de actividades, peche temporal de locais de afluencia pública, restricións no transporte público e, en xeral, da mobilidade das persoas e/ou as mercadorías, falta de subministracións que impidan gravemente continuar co desenvolvemento ordinario da actividade, ou ben en situacións urxentes e extraordinarias debidas ao contaxio do persoal ou a adopción de medidas de illamento preventivo decretados pola autoridade sanitaria, que queden debidamente acreditados, terán a consideración de provenientes dunha situación de forza maior, coas consecuencias que derivan do artigo 47 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro».

Unha destas medidas especiais que afecta o citado procedemento é a referida ao prazo de resolución contida no artigo 22.2.c) do Real decreto lei, ao dispoñer que «A resolución da autoridade laboral pronunciarase no prazo de cinco días desde a solicitude, logo de informe, de ser o caso, da Inspección de Traballo e Seguridade Social, e deberá limitarse a constatar a existencia, cando cumpra, da forza maior alegada pola empresa, correspondendo a esta a decisión sobre a aplicación de medidas de suspensión dos contratos ou redución de xornada, que producirán efectos desde a data do feito causante da forza maior».

Igualmente, no Real decreto lei 9/2020, do 27 de marzo, polo que se adoptan medidas complementarias, no ámbito laboral, para paliar os efectos derivados do COVID-19, tamén se articularon novas medidas incidentes na tramitación dos expedientes de regulación de emprego concorrendo causa de forza maior por mor da situación de emerxencia sanitaria.

Sen prexuízo da flexibilidade e axilidade administrativa que pretenden as medidas sinaladas, o elevado número das solicitudes formuladas na Comunidade Autónoma de Galicia derivadas da suspensión de actividades que foron ordenadas polas administracións públicas –estatal e autonómica– fan presupoñer un difícil cumprimento do prazo máximo de resolución. En efecto, son numerosos os equipamentos, locais, establecementos e actividades cuxa apertura ao público quedou suspendida en Galicia conforme o disposto no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, no ámbito estatal, así como na Resolución do 13 de marzo de 2020 (DOG núm. 50 bis, do 13 de marzo), da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, polo que se declara a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activa o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, e na Resolución do 21 de marzo de 2020 (DOG núm. 56, do 22 de marzo), da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do centro de Coordinación Operativa (Cecop) do 21 de marzo de 2020, entre outras normas de aplicación.

Unha suspensión de actividade tan extensa e xeneralizada que afecta a maior parte do tecido económico de Galicia e que resulta obrigada para todos e todas os empresarios e empresarias e para as persoas titulares dos establecementos afectados polas citadas disposicións, e noutros casos, por decisións adoptadas polas autoridades sanitarias por razóns extraordinarias e urxentes vinculadas co contaxio ou illamento preventivo, motivou, como non podía ser doutro xeito, a presentación dun gran número de solicitudes de suspensión de contratos e redución de xornada por causa de forza maior que teñen a súa causa directa en perdas de actividade como consecuencia do COVID-19.

O volume das solicitudes presentadas en Galicia (máis de 25.000) e, sobre todo, daquelas que, indefectiblemente, se van presentar no futuro, fan imposible a resolución dos procedementos no prazo de cinco días sinalado no artigo 22 do Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo.

Aínda que a Secretaría Xeral de Emprego e as xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria utilizaron todos os medios persoais e materiais de que dispoñen para a tramitación e resolución destes expedientes, adscribindo persoal funcionario de todos os seus órganos administrativos para que desenvolva funcións administrativas e de tramitación, tanto de forma presencial como mediante teletraballo, o volume de solicitudes, que se incrementa cada día, leva a concluír que resultará moi difícil cumprir co prazo de resolución establecido e cos mínimos requisitos de seguridade xurídica que a resolución destes expedientes exixe.

Por outra banda, non debemos esquecer que os procedementos de regulación de emprego, aínda que sexa temporal, teñen un impacto negativo de carácter estrutural sobre o emprego e a economía, e sobre todo, para as persoas traballadoras e para os empresarios e empresarias. Por este motivo, a Administración debe ser rigorosa na súa aplicación. É obrigado que examine e constate a existencia, caso por caso, da forza maior alegada por cada unha das empresas, requirindo a corrección de deficiencias da documentación achegada e a acreditación da forza maior –especialmente naqueles casos en que esta se motive en causas indirectas–, para evitar que se poidan producir autorizacións non axustadas á legalidade vixente en prexuízo das persoas traballadoras e do interese público.

Esta análise e verificación de datos relativos ás numerosas empresas que presentaron solicitudes é unha tarefa que require dun tempo importante que pode levar a exceder o prazo legal establecido. Por todo iso, resulta necesario adoptar unha decisión que dea unha resposta extraordinaria e razoable para o conxunto de tales expedientes que se tramitan tanto na Secretaría Xeral de Emprego como nas xefaturas territoriais da Consellería se ben, e de conformidade co disposto no artigo 35.b) do Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, baixo as potestades de dirección, coordinación, control e execución que en materia de emprego e, nomeadamente, de relacións laborais, se lle confiren á antedita Secretaría Xeral de Emprego, e enfocar o cumprimento regular dos prazos dunha maneira global respecto a todos eles.

O artigo 23.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, establece que de maneira excepcional, cando se esgoten os medios persoais e materiais dispoñibles referidos no número 5 do artigo 21, o órgano competente para resolver, por proposta, de ser o caso, do órgano instrutor ou o superior xerárquico do órgano competente para resolver, poderá acordar de maneira motivada a ampliación do prazo máximo de resolución e notificación, non podendo ser este superior ao establecido para a tramitación do procedemento.

O número 2 do mesmo artigo precisa que non caberá recurso ningún contra o acordo que declare a ampliación de prazos, que deberá ser notificado aos solicitantes, sen prexuízo do procedente contra a resolución que poña fin ao procedemento.

O Tribunal Supremo, en relación co derrogado artigo 42.6 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, interpretou esta previsión legal no sentido de que basta unha xustificación clara e real da dificultade para resolver no prazo ordinario para que sexa admisible a súa ampliación. Isto é, que a solución da ampliación do prazo non pode concibirse como unha posibilidade extrema en supostos absolutamente excepcionais, senón como unha posibilidade admisible cando a Administración non atope outra forma razoable para o cumprimento do prazo e o xustifique adecuadamente (STS do 20 de abril de 2011 que cita sentenzas do 10 de xullo de 2008 –RC 7144/2005– e do 4 de marzo de 2009 –RC 3943/2006–).

Así mesmo, a doutrina do Tribunal Supremo recollida na citada Sentenza do 20 de abril de 2011 indica que «debe tamén admitirse que se a Administración debe facer fronte a unha excesiva acumulación de expedientes de calquera xénero ten que enfocar o cumprimento regular dos prazos dunha maneira global respecto a todos eles, por encima das incidencias de cada expediente en concreto, polo que a ampliación do prazo se presenta como unha resposta extraordinaria razoable para o conxunto de tales expedientes».

De acordo con este precepto e a xurisprudencia expresada, en atención ás circunstancias excepcionais derivadas da pandemia do COVID-19 e da situación de estado de alarma, con motivación nas circunstancias descritas nesta orde que supoñen a imposibilidade de cumprir o prazo de resolución de cinco días establecido no artigo 22 do Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, e coa finalidade de resolver, coas debidas garantías e seguridade xurídica que o procedemento de regulación temporal de emprego exixe, as solicitudes de suspensión de contratos e redución de xornada por causa de forza maior que teñan a súa causa directa en perdas de actividade como consecuencia do COVID-19, considérase que concorren os requisitos e razóns de interese público para proceder á ampliación do prazo máximo de resolución e notificación de todos estes procedementos que se tramiten tanto na Secretaría Xeral de Emprego como nas xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria consonte os criterios de coordinación e dirección antes referidos, de conformidade co que se establece no artigo 23 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

A dita ampliación de prazo, polas especiais circunstancias descritas e o interese público concorrente, consonte os principios de eficacia e axilidade que presiden a actuación das administracións públicas, será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia para efectos da súa notificación a todos os interesados, en aplicación do disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Así mesmo, será publicada na páxina web corporativa da Xunta de Galicia, para xeral coñecemento de toda a cidadanía.

Sen prexuízo do exposto, todas as resolucións da autoridade laboral autorizando ou denegando as solicitudes de suspensión de contratos e redución de xornada por causa de forza maior que foron presentadas serán notificadas persoalmente a todos os interesados e interesadas por medios electrónicos, nos enderezos expresamente indicados nas súas solicitudes.

Por canto antecede, en virtude do disposto no artigo 23.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en exercicio das competencias atribuídas no artigo 4 do Decreto 135/2017, do 28 de decembro, do Consello da Xunta, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria,

ACORDO:

Primeiro

Declarar aplicable a ampliación do prazo máximo de resolución e notificación de todos os procedementos de suspensión de contratos e redución de xornada por causa de forza maior que teñan a súa causa directa en perdas de actividade como consecuencia do COVID-19, incluída a declaración do estado de alarma, que tramiten a Secretaría Xeral de Emprego e as xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, ampliando cinco días o prazo previsto no artigo 22 do Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19.

Segundo

Publicar esta orde no Diario Oficial de Galicia para efectos da súa notificación a todos os solicitantes en aplicación do disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e na páxina web corporativa da Xunta de Galicia para o seu coñecemento xeral.

Terceiro

Contra o presente acordo non caberá recurso ningún, a teor do disposto no artigo 23.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2020

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria