Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Venres, 3 de abril de 2020 Páx. 17800

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 30 de marzo de 2020, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, pola que se publica o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27 de marzo de 2020 polo que se adoptan medidas urxentes e excepcionais no ámbito do control da xestión económico-financeira efectuado pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 27 de marzo de 2020, adoptou, por proposta da Consellería de Facenda, o acordo polo que se adoptan medidas urxentes e excepcionais no ámbito do control da xestión económico-financeira efectuado pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

En consecuencia, de acordo co establecido no punto quinto do citado acordo e para xeral coñecemento, resolvo proceder á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2020

Almudena Chacón Pichel
Interventora xeral da Comunidade Autónoma

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta, do 27 de marzo de 2020, polo que se adoptan medidas urxentes e excepcionais no ámbito do control da xestión
económico-financeira efectuado pola Intervención Xeral
da Comunidade Autónoma

Exposición

A Organización Mundial da Saúde elevou o pasado 11 de marzo a situación ocasionada polo COVID-19 de emerxencia de saúde pública a pandemia internacional. Mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo declarouse o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

Nesta conxuntura adoptouse o Protocolo de actuación para o persoal empregado público da Administración da Xunta de Galicia en relación co coronavirus COVID-19, publicado no DOG do 12 de marzo de 2020. Entre as medidas preventivas previstas para lugares de traballo do sector público autonómico, como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus, está o establecemento do teletraballo.

A adopción desta medida debe conciliarse coa tramitación dun elevado número de expedientes que demandan axilidade procedemental sen perda da aplicación do control interno sobre os actos de contido económico derivados de actuacións realizadas tanto polas consellerías como polas entidades integrantes da Administración institucional da Xunta de Galicia. Co fin de colaborar no mellor funcionamento dos servizos nesta situación excepcional, é procedente axeitar os procedementos de control á xestión ordinaria, sen deixar os obxectivos que persegue. Por isto, resulta recomendable o seu exercicio mediante o control financeiro permanente, en lugar da función interventora, de xeito que se permita unha avaliación da xestión económica non só desde o punto de vista da legalidade senón tamén da eficacia e da eficiencia pública.

O artigo 106 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, regula o establecemento das distintas modalidades de control interno, alternativamente por orde do conselleiro de Economía e Facenda ou mediante acordo da Xunta por proposta súa, segundo a situación orgánica previa, e nos artigos 72 e 85 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, atribúese á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma a determinación do réxime de control dos organismos autónomos e axencias públicas regulados nela.

En virtude do anteriormente exposto, por proposta da Consellería de Facenda, o Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 27 de marzo de 2020 adoptou o seguinte

ACORDO:

Primeiro

Ata que o normal funcionamento dos servizos sexa restablecido, poderá aplicarse o réxime de control financeiro permanente, en substitución da función interventora, respecto do ámbito previsto nos artigos 94 e 106 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e nos artigos 72 e 85 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, naqueles tipos de expedientes de gasto das consellerías, axencias públicas e organismos que determine a interventora xeral da Comunidade Autónoma, como órgano de control da xestión económico-financeira do sector público autonómico, de conformidade co establecido no presente acordo.

Segundo

A efectividade do inicio da dita substitución acordarase mediante resolución da interventora xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, de oficio ou por iniciativa motivada dos titulares das intervencións delegadas nas respectivas consellerías, nas axencias, nos órganos ou organismos. A citada resolución determinará o ámbito subxectivo, obxectivo e temporal da substitución, todo a fin de que afecte soamente aqueles supostos en que sexa imprescindible, concretando os tipos de expedientes de gasto en que a función interventora se substitúe temporalmente polo control financeiro permanente.

Terceiro

As resolucións que se diten serán comunicadas aos titulares dos órganos de control afectados e aos dos seus respectivos ámbitos de xestión. Darase conta ao Consello da Xunta de todas as resolucións que se adopten.

Cuarto

As resolucións acordadas manterán a súa vixencia ao longo de todo o período durante o cal se estenda a situación de excepcionalidade que motiva a adopción do presente acordo, determinada polas autoridades competentes, salvo que nelas se determine un ámbito temporal inferior.

Unha vez que se restableza o normal funcionamento dos servizos, a Interventora Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia acordará, mediante resolución, o restablecemento da aplicación da función interventora para os expedientes de gasto que se vexan afectados por estas medidas.

Quinto

As medidas do presente acordo producirán efectos desde a data da súa adopción polo Consello da Xunta, sen perxuízo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.