Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Martes, 7 de abril de 2020 Páx. 17960

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ACORDO do 3 de abril de 2020 polo que se establece a notificación obrigatoria dos casos e falecementos relacionados co COVID-19 por parte dos centros, servizos e establecementos sanitarios e sociosanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de marzo de 2020, declarouse a emerxencia sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (DOG núm. 51, do 15 de marzo).

Na situación actual de difusión do virus SARS-CoV-2, responsable do COVID-19, é necesario dispor de información fidedigna e o máis inmediata posible para ir adaptando, en función dela, as medidas de control.

O artigo 34.12 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, recolle entre as intervencións públicas que poderán exercer as autoridades sanitarias competentes sobre as actividades públicas e privadas que, directa ou indirectamente, poidan ter consecuencias para a saúde a posibilidade de adoptar as medidas preventivas que se consideren pertinentes en caso de que exista un risco inminente e extraordinario para a saúde.

Para tal efecto, a Administración sanitaria poderá proceder á incautación ou inmobilización de produtos, á suspensión do exercicio de actividades, ao peche de empresas ou das súas instalacións, á intervención de medios materiais e persoais e cantas outras medidas se consideren sanitariamente xustificadas.

A duración das medidas a que se refire este punto fixaranse para cada caso, sen prexuízo das prórrogas sucesivas acordadas por resolucións motivadas, e non poderán exceder o que exixa a situación de risco extraordinario que as xustifica.

O artigo 52 da mesma Lei 8/2008 refírese á atención a urxencias e emerxencias, establecendo que todo o Sistema público de saúde de Galicia prestará a atención continuada e das urxencias a través dos seus dispositivos asistenciais.

O mesmo precepto indica que, ante situacións de crise, alerta ou alarma de saúde pública, o Sistema público de saúde de Galicia responderá con mecanismos e accións precisas que garantan a protección da saúde da poboación.

A Orde do 11 de decembro de 2013, pola que se regula o sistema básico da Rede galega de vixilancia en saúde pública, establece no seu artigo 2 a obriga de facilitar os datos e colaborar cos sistemas públicos en materia de «investigacións epidemiolóxicas de abrochos ou situacións de especial risco para a saúde da poboación».

Igualmente, determina que a declaración individualizada urxente se fará de inmediato, polo medio que estableza a autoridade sanitaria.

Nos centros, servizos e establecementos do Sistema público de saúde, a declaración rutineira farase a través dun aplicativo informático corporativo e de conformidade coas instrucións que para tal efecto facilite o órgano con competencias en materia de saúde pública.

No resto dos centros, servizos e establecementos a declaración farase a través das xefaturas territoriais da forma acordada coa Consellería de Sanidade, respectando os principios de confidencialidade, rapidez e utilidade.

Unha das ferramentas esenciais na loita contra a pandemia é a de dispor de información real e inmediata tanto da propagación da enfermidade coma das súas consecuencias nos distintos extractos de poboación, co obxecto de poder anticiparse e adoptar as medidas que garantan a resposta máis eficaz e adecuada para a protección da saúde e seguridade das persoas.

Para tal efecto, cómpre establecer os mecanismos de intercambio de información necesarios para dispor en todo momento da información puntual sobre o avance do virus e as súas consecuencias e, para tal efecto,

ACORDO:

Primeiro

A partir da data do presente acordo e mentres se manteñan o estado de alarma e a emerxencia sanitaria, todos os centros, servizos e establecementos sanitarios e sociosanitarios, públicos ou privados, da Comunidade Autónoma de Galicia estarán obrigados a declarar, con carácter urxente, os casos e falecementos relacionados co COVID-19.

Segundo

Para os efectos do indicado anteriormente, consideraranse de declaración obrigatoria e urxente:

a) Todos os casos de COVID-19 e infeccións respiratorias agudas, así como os casos confirmados de COVID-19 tanto nas persoas usuarias coma no persoal dos centros, servizos e establecementos sanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Todos os falecementos que poidan estar relacionados co COVID-19, con independencia da súa causa inmediata.

Terceiro

Nos centros, servizos e establecementos sanitarios públicos, a declaración rutineira farase a través dun aplicativo informático corporativo e de conformidade coas instrucións que para tal efecto facilite o órgano con competencias en materia de saúde pública.

No resto dos centros, servizos e establecementos sanitarios e sociosanitarios, a declaración farase a través das xefaturas territoriais da forma acordada pola Consellería de Sanidade (Dirección Xeral de Saúde Pública), respectando os principios de confidencialidade, rapidez e utilidade.

En relación coa notificación de casos, os datos deberán comunicarse diariamente e estar á disposición da Dirección Xeral de Saúde Pública entre as 15.00 e as 18.00 horas.

No caso dos falecementos, estes deberanse notificar no prazo máximo de dúas horas a partir do momento en que se produzan.

Na notificación incluiranse as variables que a seguir se indican, sen prexuízo das instrucións que no sucesivo poida emitir a Dirección Xeral de Saúde Pública para asegurar o cumprimento das obrigas de comunicación coas autoridades estatais:

a) Respecto de persoas usuarias: nome e apelidos, DNI, data de inicio de síntomas, existencia ou non de mostra, data de recollida da mostra, se foi ingreso hospitalario, se está en domicilio ou é usuario de residencia sociosanitaria e nome desta. En caso de falecemento, engadiranse o lugar, a causa e a data de falecemento.

b) Respecto do persoal: nome e apelidos, DNI, posto de traballo, data de inicio de síntomas, existencia ou non de mostra, data de recollida da mostra, hospitalización, falecemento por COVID-19 e data deste.

A notificación será acumulada, é dicir, manteranse e actualizaranse os casos xa notificados previamente.

Cuarto

Será responsabilidade da persoa titular da dirección ou xerencia do centro, servizo ou establecemento sanitario ou sociosanitario, público ou privado, asegurar que todos os facultativos médicos obrigados a declarar o fagan en tempo e forma, facilitando os medios para que poidan cumprir coas indicacións da autoridade sanitaria.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2020

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade