Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Mércores, 8 de abril de 2020 Páx. 18029

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 22 de novembro de 2019, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, sobre a aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Marín para a delimitación do núcleo rural de Candóns, parroquia de Santo Tomé de Piñeiro.

O Concello de Marín remite documentación da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) para a delimitación do núcleo rural de Candóns, co obxecto resolver sobre a súa aprobación definitiva, conforme o establecido no artigo 78.2 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), e no artigo 191 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (RLSG).

Logo de analizar o proxecto da modificación puntual, asinada en febreiro de 2019 por José Ignacio de Cabo Pascual, e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Marín conta cun plan xeral de ordenación municipal, aprobado definitivamente o 27.6.2012 (publicacións no DOG do 9.7.2012 e no BOP do 14.7.2012).

2. Mediante Resolución do 9.1.2018, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o informe ambiental estratéxico desta modificación puntual e resolveu non sometela ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria (expediente 2017AAE2106), achegando informes desta Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 15.12.2017; Instituto de Estudos do Territorio do 16.11.2017; Dirección Xeral do Patrimonio Cultural do 27.10.2017; Servizo de Montes do 21.11.2017 e Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica do 15.12.2017.

3. Mediante aprobación polo Concello Pleno do 9.5.2018, do Ditame da Comisión informativa de urbanismo, facenda e persoal en relación coa aprobación inicial e sometemento a información pública da modificación puntual ao texto refundido do PXOM de Marín para a delimitación do núcleo rural de Candóns, aprobouse inicialmente a modificación puntual e someteuse a información pública polo prazo de dous meses, mediante anuncios no DOG do 5.6.2018 e nos xornais Diario de Pontevedra do 6.6.2018 e Faro de Vigo do 7.6.2018, notificando individualmente os titulares catastrais dos terreos afectados. Non se presentaron alegacións.

4. O Concello solicitou informe á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (consta informe do 5.2.2019); Augas de Galicia (informe do 15.2.2019); Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (informe do 11.6.2019); Instituto de Estudos do Territorio (informes do 20 e 24.7.2018); Dirección Xeral de Emerxencias e Interior (informe do 29.5.2019); Secretaría de Estado-Dirección Xeral de Infraestrutura (informe do 10.7.2019); Dirección Xeral de Aviación Civil (informes do 1 e 5 de agosto de 2019); Ministerio de Economía e Empresa (informe da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do 23.7.2019) e Subdelegación do Goberno (informe do 23.7.2019).

5. Constan informes municipais favorables técnico (27.3.2019) e xurídico (28.3.2019).

6. A modificación puntual para a delimitación do núcleo rural de Candóns foi aprobada provisionalmente polo Pleno do Concello en sesión do 10.4.2019.

II. Obxecto da modificación puntual.

O obxecto desta modificación puntual é o recoñecemento e delimitación do asentamento de Candóns, cunha superficie de 18 801,45 m2, como solo de núcleo rural, no tipo básico de núcleo rural tradicional.

O ámbito estaba clasificado no vixente PXOM como solo rústico de especial protección agropecuario, de protección de ribeiras, canles e augas en matriz agrícola e de infraestruturas (polo trazado dunha liña de media tensión).

Ao núcleo delimitado seralle de aplicación a ordenanza de solo específica que se recolle nese documento e, de xeito complementario, a normativa do PXOM.

III. Análise e consideracións.

Respecto ao informe emitido no período de consultas pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, o documento aprobado provisionalmente dá resposta ás cuestións sinaladas.

A documentación achegada incorporou os condicionantes derivados dos informes sectoriais, agás o do informe emitido por Augas de Galicia canto a que para o outorgamento de licenzas os proxectos de construción deberán incluír a concesión respectiva ou uso privativo por disposición legal, asegurando así a dispoñibilidade xurídica de auga previamente á concesión de licenza de obras.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dunha modificación puntual de planeamento xeral que teña por obxecto a delimitación do solo de núcleo rural corresponde á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de conformidade co disposto no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 10 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro.

IV. Resolución.

Visto canto antecede, en virtude do establecido no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Marín para a delimitación do núcleo rural de Candóns, condicionada á incorporación na normativa do documento definitivo do condicionado establecido por Augas de Galicia verbo dos proxectos de construción para outorgamento de licenzas.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio esta delimitación no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. Notifíquese ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

4. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa da delimitación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

5. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2019

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo