Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Mércores, 8 de abril de 2020 Páx. 18033

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 3 de abril de 2020 pola que se adoptan medidas extraordinarias no Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC) dependente das xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través das súas correspondentes xefaturas territoriais provinciais e, pola súa vez, mediante os diferentes servizos de mediación, arbitraxe e conciliación dependentes delas, leva a cabo o intento de conciliación entre as partes, como requisito previo á tramitación do procedemento laboral, consonte o disposto no artigo 63 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social.

A Resolución do 12 de marzo de 2020 (DOG nº 49, do 12 de marzo), da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan as medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, establece, no punto segundo do seu anexo: «procurarase en todos os casos que sexa posible a tramitación telemática dos procedementos evitando a presenza física do público nas oficinas e rexistros», previsión complementada polas recomendacións do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) en canto á adopción de medidas para evitar o contacto próximo, así como polas diversas disposicións normativas que, con ocasión da emerxencia sanitaria e, significativamente, da declaración do estado de alarma por parte do Goberno da nación, foron adoptando as diferentes administracións públicas.

En virtude do anterior e dada a imposibilidade de garantir o cumprimento das condicións de seguridade fronte ao risco de contaxio a quen acuda ás dependencias das xefaturas territoriais para realizar actos de conciliación, mediación e arbitraxe, así como para o propio persoal empregado público á fronte das dependencias, cómpre adoptar unha serie de medidas de organización do aludido servizo.

Por canto antecede, e en exercicio das competencias atribuídas no artigo 4 do Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria,

ACORDO:

Primeiro. Queda suspendido o rexistro presencial de papeletas de conciliación. Mantense a posibilidade de presentación de xeito telemático ou por correo postal, se así for do interese da persoa demandante, pero, en calquera caso, quedan suspendidos os prazos procesuais e administrativos, así como de prescrición e caducidade das accións.

Segundo. Con fin de evitar aglomeracións e non obrigar as partes a ter que acudir a dependencias públicas, suspéndense os actos de conciliación que fosen obxecto de citación e os que se poidan solicitar, con carácter xeral e inmediato, dándose por cumprido o trámite para os efectos do disposto no artigo 65 da Lei 36/2011, do 10 de outubro, reguladora da xurisdición social. Para tal efecto, poderase expedir á persoa interesada que así o solicite certificación posterior acreditativa da imposibilidade de realizar o trámite.

Terceiro. A suspensión de prazos non rexerá respecto dos procedementos de conflito colectivo e para a tutela dos dereitos fundamentais e liberdades públicas regulados na Lei 36/2011, do 10 de outubro, nos termos recollidos na disposición adicional segunda 3.b) do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, ben que estes procedementos están exceptuados do requisito do intento de conciliación.

Cuarto. Estas medidas son temporais mentres estea vixente o estado de alarma declarado para facer fronte á emerxencia sanitaria e mentres as autoridades administrativas competentes non acorden a posibilidade de restablecer as tramitacións presenciais.

Quinto. Esta orde será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, en aplicación do disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na páxina web corporativa da Xunta de Galicia, para o seu coñecemento xeral.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2020

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria