Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Martes, 14 de abril de 2020 Páx. 18189

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 13 de abril de 2020 pola que se crea unha canle alternativa para a comercialización de produtos agrogandeiros de proximidade con motivo da suspensión de actividades comerciais derivada da entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

A aparición do COVID-19 e a súa rápida evolución ata converterse nunha emerxencia de saúde pública a nivel nacional e internacional determinou a adopción por parte das distintas administracións do Estado, organismos e institucións de medidas para a prevención e loita contra a pandemia.

Así, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do trece de marzo de dous mil vinte, aprobou o acordo polo que se declarou a situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e se activou o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga) no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19.

Estas medidas sen precedentes culminaron en España coa declaración do estado de alarma en todo o territorio nacional mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, que foi modificado polo Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, e prorrogado polo acordo de autorización do Congreso dos Deputados do 25 de marzo de 2020, medidas todas elas orientadas a conter o avance do virus, reducindo para tal efecto a mobilidade e a circulación das persoas polas vías públicas, e a suspensión da apertura de establecementos comerciais que non sexan de primeira necesidade, para a adquisición de produtos farmacéuticos ou de produtos alimenticios. Así, no anexo do Real decreto 463/2020 procédese a declarar a suspensión da apertura ao público dunha listaxe de equipamentos e actividades en establecementos, entre os cales están os de hostalaría, restauración e cafetaría.

Por Orde da Consellería do Medio Rural do 23 de marzo de 2020 (DOG núm. 58, do 24 de marzo), a Xunta de Galicia adopta medidas de carácter obrigatorio en relación co COVID-19, en cumprimento do acordo do Centro de Coordinación Operativa da Emerxencia Sanitaria na Comunidade Autónoma de Galicia (Cecop), do 18 de marzo de 2020, sobre a venda directa de produtos agrogandeiros nos mercados, a venda de produtos vexetais para a plantación en hortas de consumidores finais e o desprazamento de agricultores e viticultores para os efectos da realización de actividades agrarias. A dita orde, no seu artigo 2.1, e dentro do contexto de loita contra a pandemia, prohibe a realización de mercados tradicionais de venda de produtos agrogandeiros nos concellos de Galicia, prohibición que segue a estar vixente pola súa vinculación coa extensión temporal do estado de alarma e que, xunto coa suspensión da apertura dos establecementos de hostalaría, restauración e cafetaría, pecha as habituais canles de comercialización deses produtos.

Con posterioridade, mediante o Real decreto lei 10/2020, do 29 de marzo, polo que se regula un permiso retribuído recuperable para as persoas traballadoras por conta allea que non presten servizos esenciais, co fin de reducir a mobilidade da poboación no contexto da loita contra o COVID-19, determínase o peche de todas as actividades de carácter non esencial en todo o territorio nacional desde o 30 de marzo ata o 9 de abril de 2020.

A consecuencia inmediata desa paralización xeneralizada das actividades económicas non esencias e das medidas anteriores ligadas á declaración e ás sucesivas prórrogas do estado de alarma foi a súbita interrupción das vías habituais de chegada ás persoas consumidoras de produtos agrogandeiros, produto fresco e da horta, que, polo tanto, implica tamén a inmediata perda de ingresos de persoas agricultoras e gandeiras que ven así sensiblemente afectada a entrada ordinaria de recursos económicos para o sostemento de familias e explotacións no sector primario, sector que en Galicia ten unha relevancia e peso fundamental, ademais de ser o motor principal de dinamización do sector rural.

Ante esta situación, a Xunta de Galicia considera imprescindible promover canles alternativas que permitan a saída destes produtos ao mercado, logrando conter a perda de recursos do sector. Para tal fin, acaba de pór en funcionamento a rede Mercaproximidade para a venda desas producións frescas e de calidade, identificables para que as persoas consumidoras, que non poden acudir para o seu abastecemento ordinario aos mercados locais tradicionais nin consumilos directamente en establecementos de hostalaría e restauración, poidan atopalos e identificalos con claridade nos establecementos de venda de alimentos que permanecen abertos.

Polo exposto, no marco das competencias exclusivas que corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de ordenación, fomento e mellora da produción agrogandeira, a protección e control da sanidade animal e vexetal, a defensa da produción nos cultivos vexetais agrícolas e os seus produtos, dos procedementos relacionados coa seguridade alimentaria das producións primarias agrícolas e gandeiras, segundo o previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, o Decreto 149/2018, do 5 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, e de conformidade co establecido no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, e demais disposicións do corpo normativo ditado en sede do estado de alarma decretado por razón da emerxencia sanitaria COVID-19 actualmente existente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto a posta en funcionamento dunha canle alternativa para a comercialización de produtos agrogandeiros de proximidade no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia co fin de facer fronte á perda de ingresos de persoas agricultoras e gandeiras do sector primario con motivo da entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, que decreta a suspensión da apertura dos equipamentos e actividades de hostalaría e restauración e que, xunto coa prohibición da realización de mercados tradicionais nos concellos de Galicia establecida no artigo 2.1 da Orde da Consellería do Medio Rural do 23 de marzo de 2020, supoñen a imposibilidade de empregar esas canles habituais para a comercialización deses produtos.

2. A canle alternativa funcionará mediante a posta en contacto por parte da Consellería do Medio Rural dos agricultores, gandeiros e industrias de transformación de produtos agrogandeiros que se adhiran a ela cos establecementos de comercialización a que se refire o punto primeiro do artigo 4.

3. A rede recibe o nome de Mercaproximidade e a súa instrumentación e funcionamento será a través da páxina web da Consellería do Medio Rural e do correo eléctronico previsto no número 1 do artigo 3.

Artigo 2. Operadores que se poden integrar na rede

1. Poderán adherirse á rede en calidade de provedores:

a) As persoas físicas e xurídicas agricultoras e gandeiras titulares de explotacións inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga). En particular, no caso de produtos non transformados, deberán estar integradas na sección de venda directa (Sevedi) do Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia. Poderían incorporarse mediante a súa adhesión á rede, entre outros, e sen ánimo de exhaustividade, os seguintes produtores:

– Produtores de froitas e hortalizas.

– Produtores de mel e produtos apícolas

– Produtores de carne de vacún, porcino, ovino e cabrún.

b) As industrias de transformación de produtos agrogandeiros inscritas no Rexistro de Industrias Agrarias a que se refire o artigo 41 da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, integrado no Rexistro industrial de Galicia, segundo a disposición adicional primeira do Decreto 37/2015, do 12 de marzo, polo que se aproba o regulamento dese rexistro.

2. A adhesión á rede dos provedores sinalados no número anterior farase preferentemente a través das organizacións profesionais agrarias, as asociacións de produtores e os consellos reguladores de denominacións de orixe e de indicacións xeográficas protexidas, logo de mandato ao seu favor outorgado polo produtor.

3. Os provedores poderán adheirse á rede ben individualmente ben a través das entidades a que se refire o número anterior, e deberán optar, no momento da adhesión, por unha ou outra vía. Sen prexuízo do anterior, os provedores poderán modificar, en calquera momento, o sistema de adhesión escollido.

Artigo 3. Requisitos para integrarse na rede Mercaproximidade

1. Os operadores deberán manifestar expresamente a súa adhesión á rede, a través dun correo electrónico dirixido a mercaproximidade@xunta.gal, indicando para tal efecto os seus datos de contacto, concretamente un enderezo electrónico; os datos básicos da explotación e o tipo de producións.

Coa adhesión á rede achegarase unha declaración responsable na cal se faga constar expresamente a imposibilidade de canalizar a saída comercial da súa produción polas vías habituais, nos mercados locais tradicionais ou na hostalaría e restauración, e que esa vía supón como mínimo o 50 % dos seus ingresos, sen prexuízo das facultades de comprobación, control e inspección por parte da Administración cara a verificar o contido da devandita declaración responsable, de conformidade co disposto no artigo 69.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. No caso de que a adhesión á rede se faga a través dunha organización agraria, asociación de produtores ou consello regulador, estes, ademais de achegar para cada provedor que representen o exixido no número anterior, deberán achegar a relación de produtores representados.

3. Os produtores adheridos á rede veñen obrigados a cumprir toda a normativa hixiénico-sanitaria, de calidade alimentaria e demais normativa aplicable que resulte exixible de conformidade con cada tipo de produción.

Igualmente, as persoas produtoras que se adhiran á rede deberán cumprir as condicións e os requisitos fixados polos establecementos que comercialicen as producións.

Artigo 4. Medidas de divulgación e fomento da rede, das producións que integra e das entidades colaboradoras

1. A Consellería do Medio Rural fomentará e divulgará a existencia da rede Mercaproximidade entre as grandes cadeas de distribución, empresas dedicadas á subministración de colectividades, plataformas en liña de comercialización de produtos agroalimentarios e similares co fin de que merquen as producións integradas na rede, as cales, dada a condición perecedoira de moitas delas, deben ser postas no mercado coa maior brevidade posible.

As condicións e pactos que, de ser o caso, alcancen as partes para a venda e a adquisición dos produtos rexeranse pola autonomía da vontade.

2. Sen prexuízo do anterior, a Consellería do Medio Rural desenvolverá unha campaña de sensibilización entre as persoas consumidoras a prol deses produtos, poñendo en valor a súa orixe e calidade, así como a contribución que o seu consumo supón para a viabilidade e o mantemento do sector agrogandeiro galego.

Para tal efecto, os produtos de Mercaproximidade estarán perfectamente identificados na súa presentación comercial co fin de que as persoas consumidoras coñezan a súa orixe e o seu vínculo con esta iniciativa.

3. Na páxina web da Consellería do Medio Rural publicarase e manterase debidamente actualizada a relación de entidades que adquiran eses produtos; as devanditas entidades terán a consideración de entidades colaboradoras da rede Mercaproximidade. A relación de entidades que adquiran os produtos da rede será tamén publicitada na campaña de sensibilización a que se refire o número anterior.

4. A Consellería do Medio Rural poderá, con carácter excepcional, habilitar os oportunos instrumentos para articular axudas directas a agricultores/as e gandeiros/as ou industrias de transformación de produtos agrogandeiros integrados na rede Mercaproximidade. En particular e de conformidade co establecido na disposición adicional terceira da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería do Medio Rural poderá adquirir directamente producións das sinaladas no artigo 2, e que, polo tanto, están dentro desta rede, para a súa cesión a comedores sociais, centros sanitarios ou residencias de servizos sociais no contexto da loita contra o COVID-19.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural