Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Mércores, 15 de abril de 2020 Páx. 18350

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 6 de abril de 2020, da presidencia do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018, pola que se dá publicidade dos acordos adoptados polo tribunal o 11 de marzo de 2020.

En sesión que tivo lugar o día 11 de marzo de 2020, o tribunal nomeado pola Orde do 31 de maio de 2019 (DOG número 107, do 7 de xuño) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG número 48, do 8 de marzo),

ACORDOU:

Primeiro. De conformidade co disposto na base II.1.1.3 da convocatoria, na cal se establece que este exercicio se cualificará de 0 a 30 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de quince (15) puntos, obténdose esta cualificación total pola suma da correspondente á primeira proba, que se cualificará de 0 a 15 puntos, e da segunda proba, que se cualificará de 0 a 15 puntos, suma que non poderá ter lugar se a cualificación obtida en calquera das dúas partes é inferior a 6 puntos, así como na Resolución deste tribunal do 10 de xaneiro de 2020 pola que se fan públicos os criterios de corrección, valoración e superación do terceiro exercicio da fase de oposición, superaron o terceiro exercicio do proceso selectivo as persoas aspirantes que obtiveron unha puntuación igual ou superior a 15 puntos, tendo acadado unha puntuación mínima de 6 puntos tanto na primeira como na segunda proba, e que foron un total de 10 persoas.

Segundo. Publicar as puntuacións obtidas no terceiro exercicio polas persoas aspirantes que superaran o segundo exercicio do proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal. Para estes efectos, publícanse dúas relacións: por unha banda, publícanse as puntuacións das persoas que superaron o terceiro exercicio por orde de maior a menor e, pola outra, publícase a relación das persoas que superaron o segundo exercicio ordenadas de xeito alfabético coas diferentes cualificacións obtidas e o resultado final no terceiro exercicio.

Terceiro. De acordo co disposto na base II.1.1.5 da convocatoria, as persoas aspirantes que superaron o terceiro exercicio disporán dun prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para presentar a documentación xustificativa (orixinais ou fotocopias compulsas) de estar en posesión do Celga 4 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG número 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG número 34, do 19 de febreiro).

Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. De conformidade co disposto na base IV.13 da convocatoria, os acordos adoptados polo tribunal e que se fan públicos mediante esta resolución poderán ser obxecto de recurso de alzada ante a persoa titular da consellería competente en materia de función pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2020

Sonia Lafont Sendino
Presidenta do Tribunal