Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Mércores, 15 de abril de 2020 Páx. 18347

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 13 de abril de 2020 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de reorganización produtiva das empresas galegas para a fabricación de equipamento sanitario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG415A).

BDNS (Identif.): 502581.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas, entre as que se inclúen as persoas autónomas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, galegas ou cun centro de traballo en Galicia, que desenvolvan nun centro de traballo localizado na Comunidade Autónoma de Galicia un proxecto de fabricación de equipamento sanitario nos termos do artigo 1.

Tamén as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos, as actividades ou os comportamentos ou se atopen na situación que motiva a concesión da subvención.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto subvencionar proxectos que permitan a reorganización produtiva das empresas galegas para abordar a fabricación de calquera equipamento de utilidade na loita fronte ao COVID-19, nalgún dos seguintes ámbitos:

• Téxtiles sanitarios.

• Equipamentos de protección individual (máscaras, cortinas, traxes, gorros, luvas...).

• Kits e consumibles de diagnose.

• Alcois e desinfectantes sanitarios.

• Dispositivos de intervención ou tratamento.

• Ventiladores ou os seus compoñentes.

• Elementos para a desinfección.

• Fabricación de maquinaria para a produción destes bens.

• Outros equipamentos necesarios para a prevención e loita contra o COIVID-19 ou o tratamento da enfermidade.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 13 de abril de 2020 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas aos proxectos de reorganización produtiva das empresas galegas para a fabricación de equipamento sanitario, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG415A).

Cuarto. Importe

O crédito dispoñible para concesión nesta convocatoria aboarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.7701 e por un importe de 2.500.000 € para o ano 2020.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 10 de xullo de 2020, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Santiago de Compostela, 13 de abril de 2020

Zeltia Lado Lago
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica