Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Venres, 17 de abril de 2020 Páx. 18457

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLUCIÓN do 3 de abril de 2020 pola que se dá publicidade dunha encomenda de xestión do Fondo Español de Garantía Agraria, O.A. á Comunidade Autónoma de Galicia de determinadas actuacións de intervención pública.

De acordo co disposto no artigo 11.3.b) da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e de conformidade coa cláusula décimo segunda da encomenda a que se dá publicidade, procede a publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio polo que se formaliza a encomenda do Fondo Español de Garantía Agraria, O.A. á Comunidade Autónoma de Galicia para a xestión de determinadas actuacións de intervención pública, subscrito entre o presidente do Fondo Español de Garantía Agraria e o presidente do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2020

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director do Fondo Galego de Garantía Agraria

ANEXO

Convenio polo que se formaliza a encomenda do Fondo Español de Garantía Agraria, O.A. á Comunidade Autónoma de Galicia para a xestión de determinadas actuacións de intervención pública

En Madrid o 13 de marzo de 2020.

Reunidos:

Dunha parte, Miguel Ángel Riesgo Pablo, presidente do Fondo Español de Garantía Agraria, O.A. (en diante, FEGA), organismo dependente do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, cargo para o que foi nomeado polo Real decreto 767/2018, do 29 de xuño (BOE núm. 158, do 30 de xuño). Actúa no exercicio das facultades que lle confire o artigo 4.2.f) do Estatuto do FEGA, aprobado polo Real decreto 1441/2001, do 21 de decembro.

E doutra, José González Vázquez, en representación do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) (en diante, a Comunidade Autónoma). Actúa na súa condición de presidente deste, cargo para o que foi nomeado polo Decreto 99/2018, do 26 de setembro (DOG do 27 de setembro), en relación co artigo 12 dos estatutos do Fondo Galego de Garantía Agraria, aprobados polo Decreto 7/2014, do 16 de xaneiro, no exercicio da facultade para celebrar convenios que lle confire o artigo 13 do Decreto 7/2014, do 16 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos do organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria.

Ambas as partes recoñécense a capacidade suficiente para asinar o presente convenio de encomenda de xestión e para ese efecto

Expoñen:

Primeiro. O Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios, establece o réxime de intervención pública e a axuda ao almacenamento privado deses produtos baixo o financiamento dos fondos agrícolas europeos. O devandito réxime complétase co Regulamento delegado (UE) nº 2016/1238 e as disposicións de aplicación contidas no Regulamento de execución (UE) nº 2016/1240, ambos ditados pola Comisión o 18 de maio de 2016.

Segundo. Esa normativa establece para todos os Estados membros da Unión Europea as condicións para a compra e venda no marco da intervención pública, os requisitos para a aceptación das ofertas ou licitacións, as condicións para a entrega ou retirada do produto e o seu transporte, as inspeccións e os posibles rexeitamentos da mercadoría, así como as notificacións que se realizarán no procedemento de intervención pública.

Terceiro. O Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, establece as normas relativas ao financiamento, xestión e seguimento da política agrícola común, disposicións estas que se completan co Regulamento delegado (UE) nº 907/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014. Estas normas regulan as relacións entre a Comisión e os organismos pagadores das axudas financiadas cos fondos europeos, a xestión financeira, a liquidación de contas e outros aspectos que afectan, entre outras medidas, a intervención pública e o almacenamento privado.

Cuarto. No ámbito nacional, o FEGA é o organismo pagador das actuacións en que, como a intervención pública e a regulación de mercados, o Estado ten competencia de xestión e control do pagamento de gastos con cargo aos fondos europeos agrícolas, de acordo co artigo 2.1 do Real decreto 92/2018, do 2 de marzo, polo que se regula o réxime dos organismos pagadores e de coordinación cos fondos. Ademais, o FEGA debe xestionar e supervisar as operacións asociadas ás intervencións de almacenamento público que están baixo a súa responsabilidade, segundo o artigo 3.1 do Regulamento Delegado (UE) nº 907/2014 da Comisión.

Quinto. O FEGA, ao non ter estrutura territorial, carece dos medios persoais e técnicos necesarios para realizar algunhas funcións relativas á intervención e regulación de mercados, medios dos cales si dispoñen as comunidades autónomas onde teñen lugar os almacenamentos. En consecuencia, o obrigado cumprimento da normativa comunitaria e nacional, así como razóns de eficacia e operatividade, aconsellan confiar á Comunidade Autónoma a realización de determinadas actividades de carácter material e técnico a través dunha encomenda de xestión relativa á intervención pública e a regulación de mercados.

Sexto. Resulta preciso establecer as condicións que regularán o exercicio pola Comunidade Autónoma das funcións encomendadas polo FEGA fixando, para ese efecto, as obrigacións de cada unha das partes e demais termos relativos ao desempeño das tarefas encomendadas.

De acordo co que antecede, ambas as partes subscriben este convenio de encomenda de xestión, con suxeición ás seguintes

Cláusulas

Primeira. Obxecto do convenio

O presente convenio ten por obxecto encomendar á Comunidade Autónoma de Galicia determinadas actuacións para a xestión da intervención pública, de conformidade co establecido nos regulamentos (UE) nº 1306/2013 e nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, ambos do 17 de decembro de 2013, e establecer as condicións para o exercicio das funcións encomendadas.

Segunda. Actuacións encomendadas á Comunidade Autónoma

1. A Comunidade Autónoma desenvolverá as actuacións previstas nesta encomenda de xestión a través do organismo pagador a que se refire o artigo 7 do Regulamento (UE) nº 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, e de acordo co Real decreto 92/2018, do 2 de marzo.

2. Corresponde á Comunidade Autónoma a xestión de determinadas operacións de intervención pública que se efectúen no seu territorio, a execución dos controis e a emisión dos documentos e informes que resulten necesarios en aplicación da regulamentación vixente. Estas actuacións concrétanse en:

a) A realización das actuacións preparatorias para a autorización e rexistro das empresas autorizadas a fabricar leite desnatado en po ou manteiga para o réxime de intervención pública, incluída a realización dos controis necesarios para iso.

b) A expedición da nota de entrega ou retirada para as ofertas ou licitacións aceptadas polo FEGA no prazo establecido na normativa.

c) A recepción material da mercadoría presentada nos almacéns contratados polo FEGA na Comunidade Autónoma, cuxas ofertas ou licitacións fosen aceptadas polo FEGA, mediante a realización do control oportuno, propoñendo ao FEGA a aceptación ou rexeitamento da partida de acordo coas súas características e dando saída material a esta en caso de rexeitamento, incluso tratándose de produto doutras comunidades autónomas.

d) A retirada material da mercadoría dos lugares de almacenamento contratados polo FEGA xa sexa o caso dun traslado ou unha venda (cando teña constancia do seu pagamento) autorizadas polo FEGA realizando os oportunos controis.

e) Realizar calquera outro control establecido regulamentariamente ou solicitado polo FEGA sobre os produtos de intervención pública nos almacéns ou nas empresas que se atopen no seu territorio; entre outros, controis periódicos nos puntos de almacenamento, controis de inventario, etc.

f) No marco de posibles contratacións levadas a cabo polo FEGA, comprobar calquera elemento que os oferentes inclúan nas súas ofertas económicas, sempre que requiran unha actuación in situ dentro do territorio da súa comunidade.

g) Levar a contabilidade dos produtos almacenados, vixiando o seu estado de conservación e propoñendo ao FEGA as medidas necesarias para a súa correcta conservación.

h) Realizar as comunicacións e expedir todos os informes e actas necesarias de acordo coas instrucións do FEGA no prazo requirido para iso.

i) Realizar outras actuacións que xurdan necesarias para cumprir coa regulamentación comunitaria e/ou nacional.

3. Corresponden tamén á Comunidade Autónoma as actuacións necesarias que deriven de operacións realizadas no ámbito territorial doutras comunidades autónomas e cuxas materias primas, perceptores, almacenamento ou destino dos produtos corresponda ou proceda do territorio desa Comunidade Autónoma.

4. As actuacións descritas levaranse a cabo de acordo coas instrucións recibidas do FEGA.

Terceira. Actuacións que competen ao FEGA

Para asegurar a correcta execución das actuacións encomendadas á Comunidade Autónoma en virtude do presente convenio, o FEGA realizará as seguintes actuacións:

a) Elaborará as instrucións xerais precisas para establecer a forma de actuación que proceda. Estas instrucións someteranse a coñecemento previo e observacións da Comunidade Autónoma antes da súa aprobación.

b) Autorizará e rexistrará as empresas autorizadas a fabricar leite desnatado en po ou manteiga para o réxime de intervención pública.

c) Recibirá e verificará a admisibilidade das ofertas e licitacións de compra ou venda de produto de intervención e comunicará á Comunidade Autónoma aquelas aceptadas dentro do seu territorio para que poida elaborar a nota de entrega ou retirada dentro dos prazos establecidos.

d) Tramitará os contratos necesarios para o correcto funcionamento do sistema e a adecuada conservación do produto.

e) Efectuará os pagamentos correspondentes. Así mesmo, recibirá os ingresos en caso de venda de produto.

f) Devolverá ou executará as garantías presentadas polos interesados, xa estean ligadas a operacións de compra/venda ou sexan relativas a contratacións realizadas polo FEGA.

g) Levará a contabilidade dos movementos e existencias dos produtos de intervención a nivel rexional e nacional, a partir das comunicacións realizadas pola Comunidade Autónoma.

h) Será o interlocutor único coa Comisión Europea no marco das medidas de intervención pública, polo que se encargará de realizar calquera comunicación establecida regulamentariamente, recompilando a información remitida pola Comunidade Autónoma, se é o caso.

i) Renderá contas á Comisión Europea dos gastos de segunda categoría correspondentes ás operacións de intervención pública dos mercados agrarios.

Cuarta. Grupos de traballo

A Comunidade Autónoma participará nos grupos de traballo que se constitúan no FEGA para coordinar as actuacións obxecto da presente encomenda de xestión que o organismo pagador xestione no seu ámbito territorial.

Quinta. Misións de control

1. O FEGA poderá verificar a correcta aplicación da normativa nas dependencias do organismo pagador da Comunidade Autónoma e, se é o caso, nos almacéns ou empresas situadas no seu territorio. Neste último suposto, as comprobacións serán realizadas por funcionarios da Comunidade Autónoma acompañados dos funcionarios designados para o efecto polo FEGA.

2. Así mesmo, os funcionarios de ambos os organismos poderán acompañar os das institucións da Unión Europea nas misións de control que se deban realizar en territorio da Comunidade Autónoma.

Sexta. Financiamento e corresponsabilidade financeira

As actuacións previstas no presente convenio de encomenda de xestión non xerarán custos nin darán lugar a contraprestacións financeiras entre as partes asinantes.

Sétima. Vixencia e prórroga

1. A encomenda de xestión instrumentada mediante o presente convenio terá unha vixencia de catro anos. Non obstante, en calquera momento antes da finalización do prazo anterior, as partes asinantes poderán pactar por mutuo acordo a súa prórroga ata catro anos adicionais ou a súa extinción.

2. Se durante a vixencia do convenio de encomenda de xestión unha das partes considera necesario resolvelo, deberá comunicalo á outra parte cunha antelación mínima de dous meses e deixar constancia da devandita vontade na Comisión Mixta de Seguimento descrita na cláusula novena.

Oitava. Modificación do convenio

O FEGA e a Comunidade Autónoma poderán acordar a modificación das cláusulas do presente convenio, así como a realización de actividades complementarias para integrar estas actuacións coas doutras comunidades autónomas. A modificación do contido do convenio requirirá acordo expreso das partes mediante a subscrición da correspondente addenda a este.

Novena. Mecanismos de seguimento, vixilancia e control. Resolución de discrepancias

Para a resolución das discrepancias que puidesen xurdir na aplicación do presente convenio de encomenda de xestión crearase unha Comisión Mixta de Seguimento que, ademais de vixiar e controlar a execución dos compromisos adquiridos polos asinantes, resolverá os problemas de interpretación e cumprimento que puidesen xurdir. A Comisión, integrada por tres membros en representación do FEGA e tres en representación da Comunidade Autónoma, rexerá o seu réxime de organización e funcionamento polo previsto para os órganos colexiados na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Décima. Incumprimento

En caso de incumprimento por unha das partes das obrigacións e compromisos asumidos, a outra deberá comunicalo á Comisión Mixta de Seguimento. Ademais, poderá requirir a parte incumpridora para que, no prazo máximo dun mes, realice as actuacións que lle corresponden en virtude da encomenda de xestión instrumentada polo presente convenio. Se, transcorrido o prazo indicado no requirimento, persiste o incumprimento poderá resolverse o convenio.

Décimo primeira. Protección e seguridade da información

No desenvolvemento do presente convenio de encomenda de xestión as partes adoptarán as medidas de seguridade requiridas polo Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), pola Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, así como o indicado no Esquema nacional de seguridade (ENS) establecido no Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, e as súas modificacións, así como aqueloutra normativa reguladora da protección de datos de carácter persoal que sexa de aplicación durante a súa vixencia.

As partes comprométense a cumprir a política de seguridade e confidencialidade da información e a someterse aos sistemas de verificación establecidos polas respectivas administracións, de acordo coa lexislación estatal ou autonómica que resulte aplicable en cada caso.

Décimo segunda. Publicidade do convenio

1. O presente convenio de encomenda de xestión inscribirase no Rexistro de convenios e de encomendas de xestión do sector público estatal (RCESPE) e no rexistro correspondente de acordo coa lexislación autonómica.

2. Así mesmo, publicarase no Boletín Oficial del Estado e no diario oficial da Comunidade Autónoma, de acordo co artigo 11.3.b) da Lei 40/2015, do 1 de outubro, e coa lexislación autonómica.

3. As partes outórganse mutuamente o consentimento para que os datos persoais e o resto das especificacións que constan no presente convenio e que deban facerse públicos de acordo coa lexislación estatal ou autonómica que resulte aplicable poidan publicarse nos rexistros de encomendas de xestión e nos portais de transparencia e goberno aberto ou noutros análogos das respectivas administracións.

Décimo terceira. Natureza xurídica e réxime legal

1. Esta encomenda de xestión formalízase de conformidade co disposto no artigo 11 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

2. As cuestións litixiosas que non puidesen solucionarse a través da Comisión Mixta de Seguimento serán sometidas, unha vez esgotada a vía administrativa, á xurisdición contencioso-administrativa, conforme o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. A encomenda de xestión non supón cesión da titularidade das competencias nin dos elementos substantivos do seu exercicio e será responsabilidade do FEGA ditar os actos ou resolucións de carácter xurídico que dean soporte ou nos cales se integren as concretas actividades materiais obxecto da presente encomenda de xestión.

En proba de conformidade e para a debida constancia do convido, as partes subscriben o presente convenio de encomenda de xestión, por triplicado, no lugar e a data indicados no encabezamento, rubricando cada unha das súas páxinas.

Miguel Ángel Riesgo Pablo, presidente do Fondo Español de Garantía Agraria; José González Vázquez, presidente do Fondo Galego de Garantía Agraria.