Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Venres, 17 de abril de 2020 Páx. 18454

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 15 de abril de 2020 pola que se modifica temporalmente o prego de condicións da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega.

A situación excepcional provocada pola pandemia do COVID-19 motivou as medidas extraordinarias adoptadas polos gobernos e autoridades a nivel mundial, e que o Goberno de España concretou, en particular, no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, durante quince días; no Real decreto 476/2020, do 27 de marzo, que prorroga o devandito estado de alarma ata o 12 de abril de 2020, e nas súas prórrogas e modificacións posteriores, que obrigan a tomar medidas excepcionais que afectan a actividade económica en xeral e, consecuentemente, diferentes ámbitos da produción e da comercialización agroalimentaria.

Nas devanditas normas, ante a forte incidencia da epidemia do COVID-19, o Goberno de España estableceu unha serie de medidas de prevención sanitaria que impoñen grandes restricións aos movementos das persoas, que inclúen, segundo se recolle no número 4 do artigo 10 do citado Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, a suspensión das actividades de hostalaría e restauración, como unha medida máis para a contención da pandemia.

Esta restrición está a afectar notablemente o sector da carne de vacún en xeral e a indicación xeográfica protexida (IXP) Ternera Gallega en particular, porque comercializa unha boa parte da súa produción nos establecementos da hostalería e a restauración.

Para paliar no posible esta situación, o Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas de Carne de Vacún de Galicia, que xestiona a IXP Ternera Gallega, solicitou unha modificación temporal do prego de condicións desta indicación xeográfica.

A normativa europea que regula as denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas está contida, nos seus aspectos fundamentais, no Regulamento (UE) núm. 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro de 2012, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios. En concreto, no artigo 53.3 prevese a posibilidade de modificacións temporais dos pregos de condicións das denominacións de orixe e indicacións xeográficas rexistradas derivadas de medidas sanitarias ou fitosanitarias obrigatorias impostas polas autoridades públicas. A dita previsión desenvolveuse posteriormente no artigo 6.3 do Regulamento delegado (UE) núm. 664/2014 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, no cal se establece que os devanditos cambios poden ser adoptados polos Estados membros, que os deben facer públicos e comunicalos á Comisión, xunto coas razóns en que se baseen, como máis tarde dúas semanas despois da súa aprobación. O formato desta comunicación á Comisión recóllese no anexo VIII do Regulamento de execución (UE) núm. 668/2014 da Comisión, do 13 de xuño de 2014.

A modificación temporal que solicita o Consello Regulador consiste en permitir a conxelación das carnes, práctica actualmente prohibida expresamente na epígrafe E (Método de obtención) do prego de condicións. O mantemento da certificación de Ternera Gallega en pezas de carne que os operadores autorizados conxelen durante un período de tempo delimitado permitirá posteriormente a súa saída equilibrada ao mercado e servirá para atenuar as dificultades que as medidas de contención están a provocar na cadea de produción, especialmente nas gandarías e industrias.

Por todo o anterior, considerando que a solicitude presentada cumpre as condicións establecidas no Regulamento (UE) núm. 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro de 2012, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios, e as súas normas de desenvolvemento, e de acordo coas competencias da Consellería do Medio Rural nesta materia,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar a modificación temporal do prego de condicións da IXP Ternera Gallega de acordo co seguinte:

Na epígrafe E), Método de obtención, no parágrafo sétimo, substitúese o texto:

«As carnes que sufran procesos de conxelación perderán a protección da IXP.»,

por estoutro:

«As pezas de carne amparadas pola protección da IXP Ternera Gallega, procedentes de canais certificados durante a vixencia do estado de alarma e/ou medidas similares en España adoptadas polas autoridades estatais ou autonómicas competentes que provoquen restricións na comercialización da carne de vacún nos establecementos de hostalaría e restauración como consecuencia do COVID-19, poderán someterse a procesos de conxelación mentres duren estas medidas. En todo caso, estas pezas de carne poderán comercializarse baixo a protección da IXP ao consumidor final só ata o 31.12.2020. Ademais, as ditas pezas de carne conxeladas deberán cumprir os requisitos aplicables á comercialización de carne conxelada de vacún, especialmente no relativo á información ao consumidor sobre o proceso de conxelación e a data de consumo preferente, así como á excepcionalidade da súa comercialización baixo a protección da IXP».

Segundo. Remitir esta resolución, xunto co resto da documentación pertinente, ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, para os efectos da transmisión da solicitude de modificación do prego de condicións á Comisión Europea, de acordo co procedemento legal establecido.

Esta resolución esgota a vía administrativa e fronte a ela os interesados poden interpor con carácter potestativo recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería do Medio Rural no prazo dun mes, segundo dispoñen os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, computados ambos os prazos desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural