Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Martes, 21 de abril de 2020 Páx. 18546

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 27 de marzo de 2020 pola que se modifica a Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS420A).

O 6 de febreiro publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS420A).

Esta convocatoria de axudas, dirixida ás entidades privadas de iniciativa social que teñan en funcionamento unha ou máis escolas infantís 0-3 que desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma, ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia non competitiva, o procedemento de concesión de axudas económicas coa finalidade de consolidar a oferta existente e ofrecer un servizo amplo de conciliación da vida familiar e laboral en que se preste unha atención educativa de calidade e cuns prezos homoxéneos para as familias.

Unha das liñas de axudas previstas na dita orde diríxese a compensar a aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada a partir do 1 de abril de 2020 no caso da matriculación dos segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da unidade familiar.

A través da presente modificación compleméntase esta nova liña de axudas de acceso gratuíto á atención educativa 0-3 dos/das segundos/as fillos/as ou sucesivos/as da unidade familiar coa bonificación do 100 % do custo da matrícula vinculada á asistencia do neno ou nena ao centro, contribuíndo a Administración cunha compensación a través dunha subvención para que a medida poida levarse a cabo.

Esta modificación ten como finalidade que o acceso á atención educativa 0-3 dos/das segundos/as fillos/as ou sucesivos/as da unidade familiar se realice nestas escolas en condicións de equidade, ao seren os requisitos de acceso os mesmos que os da rede pública da Xunta de Galicia, promovendo que todas as familias galegas se beneficien e teñan oportunidades para mellorar ou manter a súa situación de benestar.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS420A)

A Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS420A), queda modificada como segue:

Un. O segundo parágrafo do artigo 1 queda redactado como segue:

«Con estas axudas financiaranse gastos de mantemento dos centros, para contribuír ao sostemento dos centros de educación infantil 0-3 anos existentes e a fomentar a mellora da súa calidade, e compensarase a aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada a partir do 1 de abril de 2020 e da gratuidade da matrícula relativa ás prazas ocupadas para o curso 2020/21 por segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da unidade familiar».

Dous. O número 1 do artigo 2 queda redactado como segue:

«1. Ás axudas obxecto desta orde destínase un orzamento total de 4.322.360 euros, que se imputarán á aplicación orzamentaria 13.02.312B.481.3».

Tres. O número 2 do artigo 4 queda redactado como segue:

«2. As axudas pola aplicación da bonificación do 100 % do prezo da atención educativa relativas a segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da unidade familiar compensarán a contía do prezo mensual que lle correspondera aboar á familia nunha praza pública segundo o previsto no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, desde o mes de abril ata o de decembro de 2020.

Así mesmo, bonificarase a gratuidade da matrícula do curso 2020/21 dos segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da unidade familiar cunha axuda de ata un máximo de 100 euros por matrícula, excluído calquera concepto distinto do da inscrición e referida unicamente aos nenos e nenas que ocupan praza na data da certificación de ocupación para a xustificación».

Catro. O número 5 do artigo 4 queda redactado como segue:

«5. A contía da axuda pola aplicación da bonificación do 100 % dos prezos establecidos pola atención educativa para segundos fillos ou fillas e sucesivos/as establecerase en función do número de prazas efectivamente ocupadas por estes nenos e nenas e do prezo mensual que lle correspondese aboar á familia desde o mes de abril ata o de decembro de 2020 nunha praza pública conforme ao previsto no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro.

Para estes efectos, desde o mes de abril de 2020, este incluído, a entidade emitirá os xustificantes mensuais de pagamento para entregar aos suxeitos obrigados en que conste o importe que lle correspondería aboar e a lenda prezo bonificado 100 %. Esta lenda constará igualmente nos xustificantes de matriculación do curso 2020/21».

Quinto. O artigo 13 queda redactado como segue:

«1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

2. Nas axudas para a bonificación do 100 % do prezo poderá modificarse a resolución inicial cando existan variacións no número de prazas ocupadas durante o período de aplicación desta convocatoria. Para estes efectos, terase en conta:

a) Se a contía resultante é superior á concedida, ou se inicialmente non houbese prazas ocupadas que desen dereito a bonificación pero si posteriormente, poderán ditarse resolucións complementarias pola contía mensual que corresponda ata acadar a bonificación do 100 % do prezo pola atención educativa prestada, nos termos previstos no artigo 4.

b) No caso de que a contía calculada pola certificación final de matrícula resultase inferior á concedida, ditaranse as resolucións revogatorias que procedan.

3. As modificacións da concesión inicial realizaranse tendo en conta que a axuda por bonificación da atención educativa calcúlase mensualmente, excluído o mes de vacacións. A axuda pola gratuidade da matrícula non é divisible e unicamente se xera para as prazas efectivamente ocupadas na data da certificación de ocupación para a xustificación final da axuda.

4. As resolucións complementarias están supeditadas á existencia de crédito adecuado e suficiente e á solicitude da entidade de modificación da resolución de concesión con que achegará o certificado final de matrícula».

Sexto. O segundo número do artigo 14 queda redactado como segue:

«2. A Consellería de Política Social poderá comprobar os xustificantes que considere oportunos respecto do importe total da actividade subvencionada e que permitan obter unha evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención, podendo requirir á entidade beneficiaria a entrega dos xustificantes non achegados inicialmente e mais os resgardos dos xustificantes mensuais de pagamento e de matriculación entregados ás familias».

Sétimo. O número 1, letra k), do artigo 19 queda redactado como segue:

«k) Conservar á disposición da Consellería de Política Social a documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos para ter acceso á compensación pola bonificación do 100 % da atención educativa e do prezo da matrícula 2020/21 e os xustificantes dos recibos mensuais de pagamento asinados polos suxeitos obrigados emitidos nos termos establecidos no número 5 do artigo 4».

Oitavo. O número 1, letra d), do artigo 20 queda redactado como segue:

«d) Cando se incumpra a obriga de conservación dos xustificantes dos recibos mensuais de pagamento asinados polos suxeitos obrigados acreditativos da bonificación do 100 % do prezo da matrícula ou pola atención educativa».

Disposición adicional única. Apertura do prazo de presentación de solicitudes

Ábrese un novo prazo de presentación de solicitudes que será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes presentadas segundo o establecido no parágrafo anterior tramitaranse de acordo coas bases establecidas na Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS420A).

As entidades que presentasen solicitude ao abeiro do disposto no artigo 6 da Orde do 30 de decembro de 2019 non terán que presentar unha nova solicitude para ter acceso á compensación pola aplicación da gratuidade da matrícula relativa ás prazas ocupadas para o curso 2020/21 por segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da unidade familiar.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social