Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Martes, 21 de abril de 2020 Páx. 18551

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 27 de marzo de 2020 pola que se modifica a Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS420A).

BDNS (Identif.): 493965.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da modificación da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Obxecto e finalidade

A través da modificación, ao financiamento dos gastos de mantemento dos centros, para contribuír ao sostemento dos centros de educación infantil 0-3 anos existentes e ao fomento da mellora da súa calidade, así como á nova liña de axudas coa compensación da aplicación dunha bonificación do 100 % do prezo correspondente á atención educativa prestada a partir do 1 de abril de 2020 relativa ás prazas ocupadas para o curso 2020/21 por segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da unidade familiar, compleméntase a dita compensación cunha axuda de ata un máximo de 100 euros por matrícula, excluído calquera concepto distinto do da inscrición e referida unicamente aos nenos e nenas que ocupan praza na data da certificación de ocupación para a xustificación.

Segundo. Bases reguladoras

De conformidade coa disposición adicional única da Orde do 27 de marzo de 2020, serán de aplicación as bases establecidas na Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS420A).

Terceiro. Financiamento

A través da Orde do 27 de marzo de 2020 pola que se modifica a Orde do 30 de decembro de 2019 increméntase o crédito na cantidade de 148.000 euros e destínase ao financiamento dos gastos subvencionables un orzamento total de 4.322.360 euros, que se imputarán á aplicación orzamentaria 13.02.312B.481.3.

Cuarto. Prazo de presentación de solicitudes

En virtude da Orde do 27 de marzo de 2020 pola que se modifica a Orde do 30 de decembro de 2019, procédese á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes que será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

As entidades que presentaron solicitude ao abeiro do disposto no artigo 6 da Orde do 30 de decembro de 2019 non terán que presentar unha nova solicitude para ter acceso á compensación pola aplicación da gratuidade da matrícula relativa ás prazas ocupadas para o curso 2020/21 por segundos fillos ou fillas e sucesivos/as da unidade familiar.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social