O Consello de Dirección do Igape, na súa reunión do 27 de febreiro de 2020, acordou aprobar as bases reguladoras das novacións para refinanciamento de débedas co Igape, e facultou o seu director xeral para a súa convocatoria e publicación no Diario Oficial de Galicia.
Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,
RESOLVO:
Primeiro. Publicación e convocatoria das bases reguladoras
Publicar as bases reguladoras das novacións para refinanciamento de débedas co Igape e convocar as devanditas operacións de refinanciamento, que non terán a consideración de axuda de Estado, en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG534D).
Segundo. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, e rematará cando se produza a primeira das seguintes circunstancias:
a) Que, conforme as solicitudes recibidas, se esgote o crédito orzamentario, o que será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape, co fin de pechar anticipadamente o prazo de presentación de solicitudes.
b) O 30.12.2020.
Terceiro. Dotación orzamentaria
Naqueles casos en que a concesión da novación requira crédito orzamentario, este realizarase con cargo á partida orzamentaria, importes e distribución plurianual que se indican de seguido, coa previa existencia de crédito adecuado e suficiente:
Partida orzamentaria |
Ano 2020 |
Ano 2021 |
09.A1-741A-8310, proxecto 2020 00003 |
6.000.000 € |
5.000.000 € |
O director xeral do Igape poderá ampliar estes importes coas xeracións de crédito previstas no artigo 69 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Cuarto. Prazos de duración do procedemento
O prazo máximo para resolver e notificar o acordo de concesión/denegación será de cinco meses desde a data de presentación de solicitude de novación.
Santiago de Compostela, 15 de abril de 2020
Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica
Bases reguladoras das novacións para refinanciamento de débedas
co Instituto Galego de Promoción Económica
O Decreto 133/2002, do 11 de abril (DOG núm. 78, do 23 de abril) (en diante, Decreto 133/2002), modificado polos decretos 174/2007, do 6 de setembro (DOG núm. 186, do 25 de setembro), 45/2009, do 12 de febreiro (DOG núm. 48, do 10 de marzo) e 155/2019, do 28 de novembro (DOG núm. 234, do 10 de decembro), habilita o Igape para conceder, no ámbito das súas funcións, préstamos ou créditos a favor de empresas de acordo cos requisitos e características establecidos nos programas que con carácter xeral para ese efecto aprobe.
Historicamente, o Igape puxo en marcha diversos programas de préstamos, con recursos do Banco Europeo de Investimentos, con fondos estruturais europeos, e con cargo aos seus orzamentos, tanto mediante liñas específicas para emprendedores, sector audiovisual, industria 4.0 e innovación, como con liñas horizontais para facilitar o investimento e o financiamento de circulante para o crecemento, demostrándose que estes programas constitúen unha ferramenta eficaz para favorecer o acceso ao crédito das empresas galegas, ao complementaren o mercado bancario con produtos de financiamento público axeitados ao desenvolvemento de proxectos.
Ao abeiro deste marco regulador, o Igape foi concedendo numerosos préstamos, moitos dos cales sse amortizaron co cumprimento dos compromisos adquiridos polos beneficiarios, outros permanecen en vigor e outros resultaron con incidencias e dificultades de reintegro.
Na xestión das operacións con dificultades de reintegro preséntanse situacións complexas, tales como:
– Proxectos empresariais que poden ser viables, que manteñen a actividade empresarial e os postos de traballo, pero cuxos recursos xerados resultan insuficientes para cumprir cos prazos de reembolso comprometidos co Igape, ou
– Terceiros que prestaron o seu aval persoal ou gravaron os seu bens con hipotecas para garantir as obrigas das beneficiarias, que poderían afrontar o pagamento se este se apraza e fracciona convenientemente, evitando graves prexuízos persoais.
Estas situacións poderían ter unha posibilidade de solución mediante o refinanciamento da débeda.
Mediante a Resolución do 7 de agosto de 2013 publicáronse unhas bases reguladoras dos límites, condicións e procedementos para a tramitación de novacións modificativas nos préstamos concedidos polo Igape, en diversos programas instrumentados ao abeiro do Decreto 133/2002. Este marco normativo non cobre a totalidade das operacións concedidas polo Igape e, ademais, a experiencia durante os anos en que estivo en vigor demostrou que pode dar lugar a situacións pouco equitativas.
Por todo o anterior, o Consello de Dirección do Igape, na súa reunión do 27 de febreiro de 2020, adoptou o acordo de aprobar as seguintes bases polas que se regulan as condicións, límites e procedementos para a tramitación das solicitudes de novación para refinanciamento de débedas co Igape.
Artigo 1. Beneficiarios
Poderán ser titulares das operacións de novación reguladas nestas bases as persoas físicas e/ou xurídicas que cumpran algún dos seguintes requisitos:
a) Que sexan titulares de débedas vivas co Igape con saldos vencidos e presenten dificultades de liquidez que non lles permiten afrontar as obrigas de pagamento co calendario actual do préstamo.
b) Que sexan titulares de débedas co Igape derivadas da falta de pagamento de préstamos xa vencidos.
c) Que sexan fiadores de préstamos do Igape con débedas vencidas.
d) Que sexan titulares de bens que garantan débedas vencidas co Igape, derivadas da falta de pagamento de préstamos, e pretendan facer fronte ao reembolso das débedas para evitar a perda do ben.
Non poderán ter a condición de beneficiarios as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Para os titulares sinalados nas letras a) e b) anteriores exceptúanse as circunstancias previstas nas letras b), e) e g) do citado artigo 10.2, en atención á natureza das novacións reguladas nestas bases cuxa finalidade é o reintegro de débedas preexistentes.
Artigo 2. Modalidades de operacións
En función da situación da débeda que se vaia novar, as operacións revestirán as seguintes modalidades:
1. Novación modificativa e, se for o caso, extintiva, de préstamos en vigor, para axustar o calendario de reintegro á capacidade de reembolso do titular. En todo o non modificado na novación mantense vixente o establecido no contrato inicial de préstamo.
2. Novación extintiva de préstamos vencidos, ou das cotas ou cantidades impagadas de préstamos en vigor. Poderán formalizarse tanto cos titulares iniciais como cos garantes ou fiadores, ou cos titulares de bens que garantan a débeda. En todos os casos suporá a formalización dun nova operación.
Artigo 3. Condicións xerais das operacións
1. Prazo e amortización.
1.1. No caso de novacións modificativas de préstamos en vigor, poderá ampliarse a vixencia dos préstamos ata o máximo de 25 anos establecido no Decreto 133/2002 e poderán establecerse periodicidades de amortización e de liquidación de xuros diferentes ás establecidas inicialmente, así como incluír períodos de carencia intermedios e/ou adicionais.
No caso de novacións extintivas, dentro do prazo máximo de 25 anos fixado no Decreto 133/2012, axustaranse os prazos e cadros de amortización á capacidade financeira e de reembolso dos titulares, de forma que se facilite o reintegro e a recuperación dos importes debidos ao erario público autonómico, conforme un plan económico financeiro que deberá achegar a solicitante.
1.2. A prestameira terá a facultade de proceder ao reembolso total ou parcial anticipado do préstamo mediante notificación dirixida ao Igape cun aviso previo mínimo de 15 días hábiles.
1.3. As novacións concedidas poderán incluír cláusulas de amortización anticipada obrigatoria en función de determinadas circunstancias que melloren a liquidez da prestameira, como a obtención de EBITDA en exercicios futuros superiores a determinados limiares ou o cobramento de axudas públicas, entre outros, así como de limitacións na repartición de dividendos da sociedade titular e na devolución de préstamos a socios ou a outras persoas vinculadas. A inclusión destas cláusulas e a súa cuantificación estará fundamentada no plan financeiro achegado pola solicitante.
2. Contías financiables.
Poderá novarse o importe total das cantidades debidas, que poderá incluír os xuros e demais conceptos devindicados ata a data da formalización, momento en que quedará fixado o importe da operación e o cadro de amortización definitivo.
3. Garantías.
As novacións que se aproben ao abeiro destas bases contarán con garantías adecuadas en función das características da operación. A cuantificación da garantía será realizada polo Igape mediante o procedemento descrito no anexo III.
4. Xuros.
O tipo de xuro determinarase do xeito seguinte:
a) Xuros ordinarios. As novacións que o Igape conceda ao amparo destas bases devindicarán un tipo de xuro que permita excluír a presenza de axuda de Estado, conforme o establecido na Comunicación da Comisión Europea de revisión do método de fixación de tipos de referencia e actualización 2008/ C 14/02 (DOCE do 19 de xaneiro).
Para iso, o Igape percibirá xuros adaptados á cualificación do risco e das garantías tomadas. Naquelas solicitudes que cumpran as condicións necesarias, o Igape realizará un estudo da cualificación de risco da solicitante seguindo a metodoloxía descrita no anexo II, do cal resultará encadrada nunha das seguintes categorías: «excelente (AAA-A)», «boa (BBB)», «satisfactoria (BB)», «deficiente (B)», ou «mala/dificultades (CC)». Conforme os criterios descritos no anexo III, cualificaranse as garantías para constituír a favor do Igape en tres niveis de colateralización: «alta», «normal» e «baixa».
O tipo de xuro ordinario será a suma do tipo base máis a marxe, que serán determinados conforme os seguintes métodos:
1º. Tipo base: determinarase con base na media do euríbor a 1 ano rexistrado en setembro, outubro e novembro do ano anterior ao da concesión. O tipo base fixado deste xeito entrará en vigor a partir de xaneiro do ano seguinte. Ademais, para ter en conta variacións significativas farase unha actualización cada vez que o tipo medio calculado sobre os tres meses seguintes anteriores se desvía en máis dun 10 % do tipo en vigor. O novo tipo base entrará en vigor o primeiro día do segundo mes seguinte aos meses utilizados para o cálculo. Este tipo de referencia publícao a Comisión Europea na ligazón seguinte: http://ec.europa.eu/competition/state_aid/legislation/reference_rates.html
2º. Marxe: determinarase, para cada operación, con base na súa cualificación do risco e das garantías achegadas, conforme a seguinte táboa:
Colateralización |
|||
Cualificación |
Alta |
Normal |
Baixa |
Excelente (AAA-A) |
0,60 % |
0,75 % |
1,00 % |
Boa (BBB) |
0,75 % |
1,00 % |
2,20 % |
Satisfactoria (BB) |
1,00 % |
2,20 % |
4,00 % |
Deficiente (B) |
2,20 % |
4,00 % |
6,50 % |
Mala/dificultades (CC) |
4,00 % |
6,50 % |
10,00 % |
Para os prestameiros que non teñan un historial crediticio, ou cunha cualificación baseada unicamente nun enfoque de balance de situación, tales como determinadas empresas constituídas cun obxectivo específico, ou as empresas de nova creación, a marxe será polo menos de 4 puntos porcentuais. En caso de sociedades integradas en grupos, a marxe aplicable a unha empresa nunca podería ser inferior á que sería aplicable á empresa matriz.
b) Xuros de mora. En caso de atraso no pagamento dalgunha das sumas debidas en virtude dos contratos de préstamo que se formalicen, a prestameira incorrerá de pleno dereito en mora sen necesidade de requirimento previo e estará obrigada a pagar sobre a suma vencida o tipo de xuro ordinario do período máis 6 puntos porcentuais anuais. Os devanditos xuros liquidaranse coincidindo co seguinte vencemento trimestral de xuros.
Os xuros percibiranse por días naturais sobre a base dun ano de 360 días.
5. Os contratos mediante os cales se formalicen as novacións someteranse ao dereito privado, aínda que a débeda a favor do Igape por razón destas operacións terá a cualificación de crédito de dereito público.
Artigo 4. Criterios de resolución
1. O Igape concederá as operacións previstas nestas bases aos solicitantes que cumpran as condicións establecidas, salvo que se aprecie algún dos seguintes motivos de denegación:
a) Falta de capacidade de reembolso da solicitante para a operación regulada nestas bases.
b) Non se supera a puntuación mínima na cualificación do risco de crédito realizada polo Igape conforme a metodoloxía descrita no anexo II.
c) Falta de coherencia do calendario proposto co plan financeiro da solicitante.
d) Vontade inxustificada de subordinación do reembolso da débeda co Igape fronte ao pagamento a outros acredores ou outras aplicacións dos recursos financeiros dispoñibles.
e) Falta de asunción de compromisos que poidan ser razoablemente exixibles, tales como o mantemento de actividades, emprego, etc.
f) O menoscabo da solvencia da parte debedora ou avalista.
g) Cando, da análise do risco e do plan económico financeiro presentado, non se infira a necesidade de novar a débeda.
2. As solicitudes serán resoltas por orde de entrada de solicitudes completas no Igape, ata a total utilización do orzamento de convocatoria, en réxime de concorrencia non competitiva.
Artigo 5. Solicitude e documentación complementaria necesaria para a tramitación
1. Forma e lugar de presentación de solicitudes.
Para presentar a solicitude, o interesado deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto de financiamento a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es, dentro do prazo establecido na convocatoria.
Deberá cubrir necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, despois do cal a aplicación emitirá un identificador do documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.
A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na citada aplicación informática, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas e concederase ao solicitante un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda, transcorrido o cal se terá por desistido da súa petición, logo de resolución de arquivamento.
As solicitudes e achega da documentación realizarase por medios electrónicos, incluídas as persoas físicas, xa que tendo a condición de empresarios se considera acreditado o acceso e dispoñibilidade de medios para o efecto, sen prexuízo do cal se poñen á disposición as oficinas do Igape e un número de teléfono específico de información especializada, para prestarlles a asistencia e medios técnicos para o efecto.
No caso de presentación da solicitude de xeito presencial, o Igape requirirá o solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considérase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a corrección.
Os solicitantes por esta vía electrónica deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de maneira que coa súa sinatura baste para acreditar a vontade do solicitante.
b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.
c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dun único solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dun solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberán anexar necesariamente un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.
d) Unha vez asinado o formulario de solicitude mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.
e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.
Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante de recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico en que desexan recibir o xustificante.
2. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a documentación específica sinalada no anexo IV. Complementariamente, o Igape poderá solicitar a achega con carácter facultativo daqueloutra documentación xustificativa para os efectos de valoración do risco.
Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirir á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega de tales copias implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
3. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude: todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.
Artigo 6. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI/NIE da persoa solicitante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) DNI/NIE da persoa representante.
d) NIF da entidade representante.
e) Certificado da AEAT de alta no imposto de actividades económicas (IAE).
f) Certificado da renda do último exercicio no caso de persoas físicas ou comunidades de bens.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 7. Órganos competentes
A Área de Investimento do Igape será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión. O Comité de Riscos previsto no artigo 8.4 valorará os informes técnicos e, se for o caso, validaraos e elevará a correspondente proposta ao Consello de Dirección do lgape, que será o órgano competente para resolver.
Artigo 8. Instrución dos procedementos, resolución e notificacións
1. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), se a solicitude ou o formulario non reúnen algunha da documentación ou das informacións esixidas, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición, despois da correspondente resolución.
2. As solicitudes serán avaliadas polos servizos dos órganos instrutores en función dos datos declarados na solicitude, formulario e na documentación presentada, sen prexuízo de que para a cualificación do risco de crédito poida solicitarse información da solvencia da solicitante e dos seus avalistas, para o que se poderán consultar as informacións dos rexistros mercantís e da propiedade, Central de Información de Riscos do Banco de España, así como bases de datos, mesmo privadas, que recompilen datos de morosidade, incidencias xudiciais ou outros. Tamén se poderá obter información do cumprimento e historial crediticio das entidades financeiras que participen no financiamento do proxecto, así como das sociedades de garantía recíproca.
3. Os servizos técnicos do órgano instrutor emitirán un informe co seguinte contido:
a) Descrición do solicitante e da operación.
b) Comprobacións do cumprimento dos requisitos do beneficiario e da operación.
c) Determinación do importe financiable.
d) Cualificación do risco de crédito conforme a metodoloxía do anexo II.
e) Valoración das garantías conforme os criterios do anexo III.
4. Comité de Riscos. Estará formado por un número impar de membros e incluirá representantes do Igape, de Xesgalicia e, se for o caso, das correspondentes consellerías sectoriais. Ademais, poderá solicitarse a presenza como asesor/a doutro persoal representante de calquera Administración pública, que non participará nas votacións.
O Comité de Riscos supervisará e validará as valoracións dos proxectos incluídas nos informes técnicos e poderá acordar axustes cualitativos na puntuación, sempre que sexan motivados.
O Comité de Riscos acordará elevar a proposta de resolución favorable ou desfavorable. Alternativamente poderá pospoñer a decisión se considera necesario ampliar a información para unha mellor avaliación.
5. Por proposta da persoa titular da Dirección Xeral do Igape, fundamentada nos acordos do Comité de Riscos, o Consello de Dirección do Igape decidirá a concesión ou a denegación da operación. Previamente, poderá decidir, mediante acordo motivado, a realización de actuacións complementarias indispensables para resolver o procedemento, incluída a ampliación de información para unha mellor avaliación e a petición de informes complementarios.
6. No acordo de novación farase constar, entre outros datos, a identificación da prestameira, o importe do préstamo novado e, se for o caso, doutros conceptos que se vaian refinanciar, o tipo de xuro aprobado, os prazos de vixencia, carencia e formalización, a descrición das garantías para constituír a favor do Igape, así como outras obrigacións e compromisos que se poidan requirir á prestameira. O importe da operación poderá incluír os xuros e demais conceptos que se xeren ata a data de formalización, momento en que quedará fixado o importe definitivo, así como a contía das cotas de amortización.
No acordo denegatorio farase constar o motivo da denegación.
7. As notificacións dos actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape no ligazón tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun aviso de recepción das notificacións (xustificación de recepción telemática).
As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, o Igape practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
8. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será o establecido na resolución de convocatoria. Se transcorrer o prazo máximo para resolver sen que se ditar resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. O citado prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 22 da Lei 39/2015.
Artigo 9. Réxime de recursos
As resolucións ditadas ao amparo destas bases poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
b) De forma potestativa, recurso previo de reposición ante o órgano ou persoa do Igape que ditou o acordo ou resolución no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co establecido nestas bases reguladoras, se produza o acto presunto.
Artigo 10. Formalización das operacións financeiras
1. As empresas beneficiarias deberán instar a formalización dos contratos de novación nos prazos establecidos no acordo de concesión. Unha vez transcorridos os prazos sinalados sen formalización, decaerá a concesión e arquivarase o expediente, salvo xustificación de razóns que motiven a concesión dunha prórroga do devandito prazo.
O prazo máximo para formalizar os contratos de novación non superará o 30 de setembro de 2021.
2. Serán por conta da prestameira os gastos asociados á formalización da operación e inscrición de garantías constituídas (notario, rexistrador), así como o custo de liquidación de todos os tributos que a dita operación devindique e de cancelación das garantías unha vez amortizado o risco.
Artigo 11. Aplicación dos fondos
1. Nun prazo máximo de 4 meses contados desde a data de formalización, o titular do préstamo deberá presentar no Igape a escritura ou póliza da novación, liquidada e inscrita, se for o caso, nos rexistros competentes.
2. A aplicación dos fondos da operación á cancelación e/ou refinanciamento de débedas indicado no acordo de novación executarase sen saída efectiva de fondos e terá efectos desde a data da formalización, aínda que se incluirá nos correspondentes contratos unha condición resolutoria para o caso de que non se cumpra o establecido no punto 1 deste artigo.
No caso de novacións extintivas, a aplicación dos fondos da novación á cancelación da débeda preexistente, en canto que a extingue no mesmo acto, supón o cumprimento do requisito exixido no artigo 53.dous da vixente Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma.
Con todo, os titulares deberán acreditar que se atopan ao día no pagamento das obrigas de calquera outro préstamo, distinto do da operación que se vai novar, concedido anteriormente con cargo aos orzamentos da Comunidade Autónoma.
Artigo 12. Amortización anticipada obrigatoria e resolución do contrato de financiamento
1. O Igape poderá resolver o contrato de novación e declarar vencido anticipadamente o seu crédito nos seguintes casos:
– O incumprimento da obriga de pagamento de principal e xuros do préstamo por un importe mínimo equivalente a tres cotas trimestrais.
– A inexistencia, inexactitude substancial ou falsidade da información facilitada pola prestameira na solicitude de préstamo que tivese sido determinante para a súa aprobación.
– No caso de novacións modificativas de préstamos en vigor, nas situacións previstas para o vencemento anticipado no contrato inicial do préstamo e/ou nas bases reguladoras.
A resolución do contrato obrigará as prestameiras ao reembolso do capital vivo e os correspondentes xuros ordinarios e de mora, se é o caso.
2. A prestameira quedará obrigada ao pagamento das obrigas procedentes do contrato no termo de cinco días naturais contados desde a data da notificación da resolución do contrato. Se a prestameira incumpre a obriga de pagamento no prazo antes sinalado, poderá o Igape, desde o día seguinte, sen máis aviso nin dilixencia e en calquera tempo, reclamar xudicialmente o importe que ao seu favor acredite polo contrato, tanto por capital como por xuros, gastos e tributos, así como executar as garantías pactadas, tendo en conta que desde o momento da notificación todas as débedas quedan vencidas e son exixibles.
Artigo 13. Obrigas das prestameiras
a) Executar as actuacións que fundamenten a concesión da novación nos prazos, se é o caso, establecidos no acordo de concesión.
b) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Igape, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, como a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, o Banco Europeo de Investimentos ou os órganos de control da Comisión Europea, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
c) Comunicar ao Igape a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da novación.
d) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e pagamento dos conceptos financiables durante, polo menos, un período de catro anos desde a amortización total do préstamo, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.
Artigo 14. Modificacións do proxecto
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da operación poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou á súa revogación, no caso de que se considere que a modificación afecta un aspecto substancial da concesión.
2. A prestameira queda obrigada a comunicar ao Igape calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os cales foi concedido o préstamo.
3. O Consello de Dirección do Igape poderá acordar a modificación da concesión por instancia da prestameira, nos seguintes supostos:
– Modificación do plan de financiamento previsto.
– Modificación das garantías constituídas a favor do Igape.
– Cambios de titularidade, operacións de transformación societaria, fusión ou escisión: cando o novo titular cumpra cada un dos requisitos destas bases e non supoña un menoscabo da solvencia da parte prestameira ou dos avalistas.
– Prórroga do prazos de formalización e de presentación do contrato liquidado e rexistrado, sempre que conste xustificado o motivo do atraso.
Para iso deberán cumprirse os seguintes requisitos:
a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade destas bases.
b) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.
c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da operación.
4. O acto polo que se acorde a modificación do acordo será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente no cal se dará audiencia aos interesados. Con todo, poderá prescindirse deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.
5. O Igape poderá rectificar de oficio o acordo cando, dos elementos que figuren neste, se deduza a existencia dun erro material, de feito ou aritmético.
Artigo 15. Información básica sobre protección de datos persoais
Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.
O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.
Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.
As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.
Artigo 16. Remisión normativa
Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na seguinte normativa:
a) Decreto 133/2002, do 11 de abril (DOG núm. 78, do 23 de abril), modificado polos decretos 174/2007, do 6 de setembro (DOG núm. 186, do 25 de setembro), 45/2009, do 12 de febreiro (DOG núm. 48, do 10 de marzo) e 155/2019, do 28 de novembro (DOG núm. 234, do 10 de decembro), que habilita o Igape para conceder, no ámbito das súas funcións, préstamos ou créditos a favor de empresas.
b) Comunicación da Comisión, relativa á revisión do método de fixación dos tipos de referencia e de actualización, 2008/C 14/02 (DOCE do 19 de xaneiro).
c) En canto ao cómputo de prazos, aplicarase o disposto no artigo 30 da Lei 39/2015.
Artigo 17. Paralización de accións de recobramento
A presentación dunha solicitude de novación que cumpra os requisitos establecidos nestas bases poderá supoñer a paralización durante o período de tramitación daqueles procedementos de recobramento iniciados ou que procedería iniciar por parte do Igape. En caso de resolución denegatoria continuarase coa súa tramitación.
Disposición transitoria
As solicitudes presentadas ao abeiro da Resolución do 7 de agosto de 2013 pola que se publican as bases reguladoras para regular os límites, condicións e procedementos para a tramitación de novacións modificativas nos préstamos concedidos polo Igape, en diversos programas instrumentados ao abeiro do Decreto 133/2002, que se atopen pendentes de resolución na data de publicación destas bases, resolveranse de acordo coa dita normativa.
Disposición derrogatoria
Esta resolución derroga a Resolución do 7 de agosto de 2013 pola que se publican as bases reguladoras para regular os límites, condicións e procedementos para a tramitación de novacións modificativas nos préstamos concedidos polo Igape, en diversos programas instrumentados ao abeiro do Decreto 133/2002 (DOG núm. 168, do 4 de setembro de 2013).