Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Mércores, 22 de abril de 2020 Páx. 18608

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 17 de abril de 2020 pola que se modifica a Orde do 2 de agosto de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, con carácter plurianual (códigos de procedemento VI432A e VI432B).

Con data do 11 de setembro de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 2 de agosto de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021 e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, con carácter plurianual.

No seu artigo 16 establécese que os efectos da resolución estimatoria deste procedemento estarán condicionados a que a persoa beneficiaria achegue o anexo III, de aceptación das condicións do programa, no prazo de dez (10) días, contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución de concesión.

No capítulo III da citada orde, relativo á convocatoria deste programa con financiamento no ano 2019, o artigo 36 establece a forma de xustificación dos pagamentos mensuais, sinalando que «A partir de xuño de 2020, incluído, a xustificación do pagamento da renda mensual deberase realizar mediante o ingreso na conta bancaria do Instituto Galego da Vivenda e Solo designada na resolución de concesión, dentro dos dez primeiros días naturais de cada mes, do importe da renda mensual de alugamento, unha vez descontada a contía mensual da subvención concedida.

Comprobado o ingreso realizado pola persoa inquilina, o Instituto Galego da Vivenda e Solo procederá ao pagamento íntegro da renda á persoa titular da vivenda dentro da última quincena de cada mes, mediante transferencia bancaria á conta bancaria indicada pola persoa arrendadora no anexo III».

No artigo 37 establécese a forma de pagamento mensual da subvención, indicando o seu punto segundo que «A partir do mes de xuño de 2020, incluído, o ingreso da subvención realizarase na conta de titularidade da persoa arrendadora indicada no anexo III, de conformidade co disposto no artigo anterior».

As circunstancias actuais, derivadas da declaración do estado de alarma realizado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, como consecuencia da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, requiren a adopción de medidas e accións que permitan protexer a poboación e evitar os desprazamentos e o risco de contaxios. Precisamente por iso, considérase conveniente manter durante todo o tempo da axuda o sistema de xustificación e de pagamentos previsto no artigo 36 da Orde do 2 de agosto de 2019 ata o mes de maio de 2020, dado que os particulares o coñecen adecuadamente, e, consecuentemente, deixar sen efecto o sistema de xustificación e de pagamentos que estaba previsto implantar a partir do mes de xuño de 2020. En virtude do anterior, é obrigado suprimir as referencias contidas nos artigos 17, 22, 36 e 37 ao anexo III, de compromiso de someterse ás condicións das axudas ao alugamento de vivendas, das bases reguladoras e da convocatoria, pois o citado anexo pasa a ser innecesario, dado que estaba vinculado ao sistema de xustificación e de pagamento, agora suprimido.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

ACORDO:

Artigo único. Modificación da Orde do 2 de agosto de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, con carácter plurianual

Modifícase a Orde do 2 de agosto de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para as axudas ao alugamento de vivenda do Plan estatal de vivenda 2018-2021, e se procede á súa convocatoria para o ano 2019, con carácter plurianual, nos termos que se recollen a seguir:

Un. Baleirase de contido a letra c) do punto primeiro do artigo 17 Comprobación de datos.

Dous. Modifícase o punto segundo do artigo 17, que queda redactado do seguinte modo:

«2. No caso de que a persoa solicitante, calquera das persoas que integran a súa unidade de convivencia e/ou a persoa arrendadora se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado nos anexos I, II e IV, respectivamente, e achegar os devanditos documentos».

Tres. Modifícase o punto 1 do artigo 22, que queda redactado do seguinte modo:

«Artigo 22. Resolución e recursos

1. A resolución estimará, desestimará ou declarará a inadmisión da axuda ao alugamento. A resolución de concesión indicará a contía da axuda, a súa duración, os seus efectos económicos, así como a súa forma de xustificación e o prazo en que deberá solicitarse a súa renovación. A persoa beneficiaria deberá achegar, no prazo de (10) días, contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución de concesión os recibos bancarios xustificativos do pagamento das mensualidades da renda de alugueiro anteriores á data da resolución, de conformidade co que se estableza en cada resolución de convocatoria».

Catro. Modifícase o punto primeiro do artigo 36, que queda redactado do seguinte modo:

«Artigo 36. Xustificación dos pagamentos mensuais

1. A xustificación dos pagamentos das rendas mensuais desta convocatoria realizarase do seguinte xeito:

– A xustificación do pagamento da renda das mensualidades anteriores á data de notificación da resolución de concesión e que estean dentro do prazo de retroactividade previsto na presente convocatoria deberase realizar dentro dos dez primeiros días, contados desde o día seguinte ao da notificación da citada resolución.

– As xustificacións dos pagamentos mensuais posteriores á notificación da resolución de concesión deberase realizar dentro dos dez primeiros días naturais do correspondente mes.

Nun e noutro caso, a remisión da citada xustificación realizarase empregando o modelo normalizado que para a presentación de documentación xustificativa está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, coa achega do extracto ou o certificado bancario acreditativo do pagamento. Non obstante, tamén se admitirán, para os efectos sinalados, os extractos ou certificados bancarios realizados por empresas mediadoras ou inmobiliarias a favor da persoa arrendadora, onde quede acreditado o importe do ingreso e o seu concepto, así como os extractos ou certificados bancarios realizados pola persoa inquilina a empresas mediadoras ou inmobiliarias, sempre que se achegue un documento da persoa arrendadora autorizando a recepción dos pagamentos nesa conta bancaria dos pagamentos mensuais ou figure no propio contrato de alugamento como forma de pagamento da renda. En ningún caso se admitirán como xustificación os recibos de pagamentos realizados en metálico».

Cinco. Modifícase o artigo 37, que queda redactado do seguinte modo:

«Artigo 37. Pagamento da subvención

O ingreso da subvención realizarase unha vez xustificado o correspondente pagamento da renda mensual, mediante transferencia bancaria na conta de titularidade da persoa beneficiaria da subvención sinalada para estes efectos no anexo I».

Seis. Suprímese o anexo III, de compromiso de someterse ás condicións das axudas ao alugamento de vivendas, da Orde do 2 de agosto de 2019.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda