Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Xoves, 23 de abril de 2020 Páx. 18643

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 21 de febreiro de 2020 pola que se declara a área de rehabilitación integral da Ribeira Sacra.

Denominación: área de rehabilitación integral da Ribeira Sacra.

Ámbito: 25 concellos da provincia de Lugo e Ourense.

Clase: área de rehabilitación integral supramunicipal.

Antecedentes de feito:

Primeiro. A proposta de declarar a área de rehabilitación integral (en diante, ARI) da Ribeira Sacra forma parte dun proceso conxunto de intervencións da Administración autonómica que, xunto coa recente declaración de ben de interese cultural da paisaxe cultural da Ribeira Sacra, realizada polo Decreto 166/2018, do 27 de decembro, e a futura presentación da candidatura deste ámbito como ben da lista do patrimonio mundial da Unesco no ano 2021, buscan garantir a preservación e revalorización deste ámbito.

Deste xeito, a declaración do ARI da Ribeira Sacra será un instrumento implementado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) para favorecer a recuperación das comarcas da Ribeira Sacra, elevando a calidade de vida da poboación, así como a conservación dos seus valores xeográficos e históricos, garantindo a protección do patrimonio a través da aplicación de políticas públicas de axudas á vivenda.

Segundo. Este procedemento para a declaración da ARI da Ribeira Sacra foi iniciado de oficio polo IGVS, de acordo co establecido no artigo 52 da Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, que sinala que a Presidencia do IGVS poderá declarar ARI, de oficio ou por solicitude dos concellos, un ámbito que afecte diferentes municipios que respondan a criterios de proximidade xeográfica, características arquitectónicas e problemáticas similares, sempre que exista un nexo de unión entre os devanditos ámbitos, xa sexa de carácter histórico, xeográfico, cultural e ambiental, que motive que deba ser tratado como un conxunto.

A Ribeira Sacra reúne os criterios para ser unha ARI supramunicipal, por ser un territorio continuo, con características históricas e culturais comúns, con problemáticas da mesma índole, e cos ríos Miño e Sil como nexo de unión dos asentamentos de poboacións, que fai que se entenda este conxunto de espazos como un todo. Trátase dun territorio moi singular, de gran valor ambiental e patrimonial, formado por un conxunto de espazos de grande identidade, tradición e evidencia de modos de vivir antigos, que está a sufrir un proceso de degradación física e social, que xustifica unha intervención pública. A xustificación dos motivos que determinan a necesidade desta iniciativa por parte do IGVS recóllese no expediente sobre a declaración da ARI da Ribeira Sacra elaborada por este departamento.

Terceiro. Neste expediente explícase o nivel de deterioración das edificacións e vivendas con graves problemas de eficiencia enerxética, salubridade e habitabilidade xeral, así como déficits de accesibilidade e de subministración de servizos básicos como consecuencia da súa configuración orográfica.

Cuarto. No Decreto 166/2018, do 27 de decembro, sinálase que a declaración da paisaxe cultural da Ribeira Sacra comprende 22 concellos. Non obstante, a delimitación da ARI da Ribeira Sacra comprenderá os 25 concellos previstos inicialmente na área de estudo da Ribeira Sacra e as súas correspondentes parroquias (13 concellos na provincia de Lugo e 12 na de Ourense).

Deste xeito, os concellos que finalmente se propoñen para a delimitación da ARI da Ribeira Sacra son os 25 seguintes: Bóveda, Carballedo, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Chantada, Esgos, Manzaneda, Monforte de Lemos, Montederramo, Nogueira de Ramuín, Pantón, Parada de Sil, Paradela, A Peroxa, A Pobra de Trives, A Pobra do Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, San Xoán de Río, O Saviñao, Sober, Taboada, A Teixeira e Xunqueira de Espadanedo. Estes concellos teñen un total de 433 parroquias.

Quinto. No expediente constan senllos informes favorables da Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade e da Dirección Técnica de Fomento do IGVS.

Consideracións xurídicas:

Primeira. A Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, regula nos seus artigos 52 e 53 as ARI supramunicipais.

Segunda. No expediente para a declaración desta ARI recóllense todos os aspectos sinalados no artigo 8.2 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro.

Por todo o exposto e de conformidade coas competencias atribuídas no artigo 52 da Lei 1/2019, do 22 de abril,

RESOLVO:

Declarar a área de rehabilitación integral supramunicipal da Ribeira Sacra, ao abeiro do artigo 52 da Lei 1/2019, do 22 de abril, e do artigo 9 do Decreto 18/2014, do 13 de febreiro, o ámbito comprendido polos termos municipais dos 25 concellos sinalados e delimitado polos planos que se xuntan a esta resolución.

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e
presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

ANEXO

missing image file