Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Venres, 24 de abril de 2020 Páx. 18694

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2020, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se continúa o prazo de presentación de solicitudes de axudas destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión (código de procedemento PR852A).

I. O Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, procede á declaración do estado de alarma. Nas súas disposicións adicionais terceira e cuarta decreta a suspensión de prazos administrativos e de prescrición e caducidade.

II. No mesmo sentido, a Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19, no seu punto sétimo decreta a suspensión e a interrupción dos prazos dos procedementos das entidades do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia e, no oitavo, a interrupción dos prazos de prescrición e caducidade.

III. O Acordo do Consello de Xunta do 3 de abril sobre a continuación de procedementos de adxudicación de contratos e de concesión de subvencións que estivesen en tramitación no momento da entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, establece aspectos relativos á continuación dos procedementos de concesión de subvencións respecto dos cales xa se tivesen aprobado e publicado as correspondentes bases reguladoras e convocatoria, pero non se tivese ditado resolución de concesión no dito momento.

IV. O 6.3.2020 publicouse no DOG a Resolución do 28 de febreiro de 2020, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión, e se convocan para o ano 2020 (PR852A).

O artigo 7.2 das ditas bases establecía que o prazo de presentación de solicitudes sería dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Coa entrada en vigor do Real decreto 463/2020 o 14.3.2020 suspendeuse o prazo de presentación de solicitudes.

V. O 17.4.2020 o Consello da Xunta acordou valorar favorablemente a proposta de continuación da Secretaría Xeral de Medios dos expedientes de concesión de subvención respecto dos cales xa estaban aprobadas e publicadas as correspondentes bases reguladoras e convocatorias, pero non estaban ditadas resolucións de concesión.

VI. O 22.4.2020 ditouse Resolución da Secretaría Xeral de Medios pola que se levantaba a suspensión dos prazos e a continuación da tramitación deste procedemento de concesión de subvencións.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

Continuar o prazo de presentación de solicitudes de axudas económicas destinadas a empresas xornalísticas e de radiodifusión, que será de 24 días contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2020

Mar Sánchez Sierra
Secretaria xeral de Medios